No medio do debate e o cruzamento de argumentos sobre o proxecto mineiro de cobre nos municipios de Touro e O Pino, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) acaba de facer públicos os resultados dunhas análises encargadas o pasado mes de novembro no regato de Pucheiras e o río Portapego, dous cursos de auga situados preto da antiga explotación mineira que funcionou hai varios decenios. A entidade denuncia que nas mostras realizadas existe contaminación por “unha importante carga de metais lixiviados”, como cobre, o cinc e o níquel.
Os niveis de cobre están “seis veces por riba da media anual que fixan as normas de calidade ambiental”
“O rego de Pucheiras – sinala o comunicado de Adega – mobiliza a maior cantidade de cobre, seis veces por riba da media anual que fixan as normas de calidade ambiental”, así como “unha importante cantidade de cinc e de níquel, superando o fixado” nestas mesmas normas. A entidade lembra, do mesmo xeito, que tanto o cobre como o cinc son “substancias preferentes” segundo a normativa, unha definición que abrangue a aqueles compostos que representan “un risco significativo” de contaminación “para as augas superficiais debido á súa especial toxicidade, persistencia e bioacumulación ou pola importancia da súa presenza no medio acuático”.
No caso da análise realizada no río Portapego, atopouse un pH 2,81, “hiperácido” e “1.000 veces máis que o mínimo recomendado para as augas de consumo”, ademais dunha presenza de níquel “máis de sete veces por riba da media anual establecida na normativa”. A concentración de cinc “supera tamén á das augas do Pucheiras, ultrapasando a media anual e achegándose ao píco máximo admisíbel que fixan as normas”, segundo Adega.
Tal e como lembra a entidade ecoloxista no seu comunicado, os metais pesados atopados nas análises “son bioacumulativos e tenden a concentrarse nos tecidos vivos ao longo de toda a cadea trófica, polo que antes ou despois acabarán provocando alteracións fisiolóxicas e xenéticas”. Alude Adega a estudos anteriores realizados por científicos do CSIC, USC, UVigo e universidade de Swansea, que alertaban de que a reapertura da mina e a contaminación conseguinte podería deixar ao salmón do río Ulla “ao bordo da extinción”. Nos últimos meses, concellos e colectivos da ribeira deste río e da ría de Arousa, onde desemboca, alertaron do risco que o proxecto mineiro suporía sobre o sector pesqueiro e marisqueiro da zona.
Ademais disto, entidades veciñais denunciaron en varias ocasións a contaminación e os problemas derivados da antiga explotación mineira, que operou entre 1973 e 1986, con constantes vertidos e desbordamentos de balsas na zona. Do mesmo xeito, entidades como a Sociedade Galega de Historia Natural ou a Federación Ecoloxista Galega publicaron informes críticos co proxecto que a empresa que pretende impulsar a mina presentou ante a Xunta de Galicia.
Os resultados das análises encargadas por Adega poden consultarse nesta ligazón.