En Touro e O Pino coñecen ben a actividade mineira. Hai xa 71 anos que se solicitou a concesión da mina de San Rafael para extraer pirita de ferro nos xacementos situados no límite entre estes dous concellos da comarca de Arzúa. En 1958 outorgouse o permiso, e en 1974 aprobouse o cambio de substancia explotable de pirita de ferro a cobre. Un ano antes, en 1973, comezara xa extracción deste mineral, que estivo activa ata 1986. Despois, seguiu funcionando, e aínda funciona, como canteira de áridos. En 1978 consolidouse a concesión por un prazo de 90 anos, é dicir, ata 2068.
Os vaivéns económicos e o aumento do valor estratéxico do cobre debido á maior demanda levaron a que nos últimos anos se reactivara o interese polo xacemento. Unha alianza de empresas puxo en marcha de novo os trámites para reabrir a mina a ceo aberto, tal e como explicaba o xornal Praza Pública o pasado mes de setembro.
O 25 de agosto publicouse no DOG a resolución pola que se sometía a información pública o proxecto de explotación, o plan de restauración e o estudo de impacto ambiental da concesión, cuxa documentación se pode consultar na web da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Abríase, por tanto, o prazo para presentar alegacións.
A Defensora del Pueblo abriu en 2013 unha investigación por vertidos da antiga mina
Foron, en total, máis de 1.500, presentadas na súa maioría por veciños da zona. As reclamacións céntranse, sobre todo, na proximidade a vivendas e explotacións agrogandeiras, á posible desaparición de mananciais, cambio de curso de ríos e á posible filtracións de compostos ácidos ás captacións de auga e ao curso dos ríos e regatos próximos. Mais tamén se fala da “falta de claridade nas responsabilidades empresariais sobre o proxecto”.
O informe de impacto ambiental presentado polos promotores da mina afonda en avaliacións “moi exhaustivas” dos posibles prexuízos, para previr calquera problema. Non en tanto, a visión dos detractores é ben distinta. Aducen que se “infravalora” o risco das drenaxes ácidas. Sobre todo, preocúpalles a entulleira de estériles coñecida como PAG (potencialmente xeradora de drenaxe ácido) prevista no novo proxecto. Como mostra dos seus receos, os afectados subliñan que aínda persisten problemas de contaminación derivados da explotación que cesou a súa actividade en 1986, hai máis de 30 anos. En 2013, a Defensora del Pueblo anunciou a apertura dunha investigación sobre algúns destes vertidos.
Así, a incerteza chega ata a desembocadura do Ulla, río que pasa bastante próximo á explotación, e con afluentes aínda máis cercanos. O Concello de Vilagarcía de Arousa aprobou, no pleno de outubro, unha moción para solicitar informes sobre o posible impacto da mina nos bancos marisqueiros de Carril.
A mina incrementaría “notablemente o beneficio económico”
Non en tanto, os efectos económicos que podería ter a reapertura da mina na zona dividen aos veciños. No proxecto fálase de “máis de 400 postos de traballo directos e numerosos empregos indirectos, e de incrementar notablemente o beneficio económico da zona, contribuíndo a estabilizar unha situación de despoboación progresiva que se fai cada vez máis plausible nos municipios galegos”. Os gobernos locais de Touro e O Pino apoian a explotación, aínda que dispoñen de informes técnicos que subliñan e instan a corrixir as deficiencias dalgúns puntos do proxecto. Con todo, os veciños que rexeitan a reapertura destacan que o dano medioambiental e económico para o sector primario será aínda maior que o beneficio xerado pola mina. O debate continúa.
Como vecina de Touro estoy totalmente en contra de la reapertura de la mina. Sólo hay que ver las consecuencias después de todos estos años en nuestras aguas. Si además añadimos el uso que se está dando como recepcionista de no se sabe que tipo de residuos que trae consigo un olor nauseabundo.