Hai anos que nos familiarizamos co litio, o metal máis lixeiro e o elemento sólido menos denso, que todos levamos no peto como compoñente básico das baterías dos aparellos electrónicos que empregamos no día a día. Agora, a súa capacidade de almacenamento redobra o seu valor no camiño cara á transición enerxética pola súa aplicación nas renovables e na mobilidade sen dependencia de combustíbeis fósiles.
Por iso, o litio está considerado un material crítico. Máis aínda cando a Unión Europea ten que recorrer para abastecerse á importación dos dous principais bancos de reservas do planeta: China e o chamado Triángulo do litio, que forman Chile, Arxentina e Bolivia. Para reducir esta dependencia que se estende a outras materias primas, Bruxelas vén de declarar 47 proxectos estratéxicos para extraer minerais “críticos”.
Un deles está en Galicia. Máis en concreto, no concello de Beariz, no norte da provincia de Ourense, lindando coa de Pontevedra. O paso adiante da Comisión Europea relanza o debate sobre a actividade extractiva en Galicia. Do seu retorno económico para as comunidades onde se asentan as minas ao impacto no medio ambiente e o territorio. Dos sistemas que emprega a minería actual e das diferenzas entre as lexislacións e os controis segundo o país. Do papel dos cidadáns como consumidores e das administracións como impulsoras de iniciativas industriais.
O proxecto da mina de Doade presenta cifras contundentes. Con todo, a información do proxecto, ata o de agora, só poden consultarse na propia web do impulsor da iniciativa, a empresa Recursos Minerales de Galicia (propiedade de Grupo Samca). Fala dun investimento de 120 millóns de euros e a xeración de 320 postos de traballo. A explotación abranguería 13,6 hectáreas para extraer durante os próximos 42 anos medio millón de toneladas ao ano de pegmatita, unha rocha rica en litio da que tamén se saca moscovita e feldespato, elementos empregados na industria do papel, a cerámica, o vidro ou das pinturas.
“Son uns diques tubulares que están asociados aos granitos que se forman nas últimas fases de cristalización. Aí acumúlase unha gran cantidade de volátiles, de elementos grandes como o litio, pero tamén niobio, tántalo, volframio ou estaño”, sinala o xeólogo Pablo Núñez. O delegado en Galicia do Colexio Oficial de Xeólogos admite que non coñece polo miúdo os detalles do proxecto, no que ve unha “oportunidade histórica” para Galicia coa explotación deste xacemento que, como recorda, xa se intentou levar adiante hai unha década.
Transición enerxética? “Sen litio, imposible”

Núñez é claro sobre a importancia do litio para os retos de transición enerxética e a descarbonización da economía. “A electrificación sen litio, nestes momentos, é imposible. Se non hai almacenamento, estamos perdidos”, advirte o xeólogo, que tamén pon o foco nos riscos que corre Europa se non conta con fontes propias onde abastecerse de litio sen depender de China e América do Sur, especialmente nun contexto xeopolítico inestábel como o actual.
“O litio é un material moi concentrado neses puntos de produción. Se colapsan, podes quedar sen abastecemento“, apunta Pablo Núñez, que cre que a industria do Vello Continente corre serios riscos de “colapso” se non é quen de reducir a súa dependencia da importación de materias primas como os minerais.
Tamén cre que a carencia de fontes propias é unha pedra no camiño cara ao cumprimento do Pacto Verde Europeo, que debería entrar en funcionamento na súa totalidade en 2050. “En estruturas para electrificar o noso sistema enerxético de aquí a 2050 estímase que as necesidades só de litio son de máis dun 2.700%. É tremendo”, sentencia o xeólogo, para quen é fundamental que as administracións axilicen os procesos administrativos para a aperturas de minas. “Non podemos estar nos tempos medios de 15 anos que ten Europa agora mesmo para abrir unha mina”, conclúe.
Un proxecto “opaco”
“O proxecto converte Beariz nunha zona de sacrificio”. Así de rotundos se amosan desde a plataforma SOS Suído Seixo, que xa avanzou a súa intención de recorrer a designación da mina de Doade como proxecto estratéxico pola UE. Lois Antón, membro do colectivo que agrupa distintas organizacións veciñais e medioambientalistas contra a iniciativa de Recursos Minerais de Galicia, censura a “opacidade” sobre o proxecto por parte dos seus promotores que, segundo denuncia, “agochan” as súas magnitudes reais e o seu impacto sobre o medio no que se asenta.
Antón censura que Recursos Minerales de Galicia parapétase no “segredo empresarial” para “denegar o acceso” á información solicitada, o que impide “contrastar” os datos que fai públicos (e que, como recorda, se cinguen á web da empresa) cos que traslada as administracións para tramitar os permisos de explotación.

“É un proceso profundamente opaco con riscos medioambientais moi elevados que deixa practicamente indefensas as comunidades“, sentenza o membro de SOS Suído Seixo, que lamenta os atrancos aos que se enfrontan as comunidades de montes que, como persoas interesadas, solicitaron hai dous meses documentación sobre a petición de permiso de explotación e que aínda agardan pola resposta.
Para SOS Suído Seixo, as “sombras” detrás do proxecto débense ao impacto medioambiental que podería provocar de levarse adiante nunha zona que, como recorda Lois Antón, tamén “está afectada por proxectos eólicos e unha liña de alta tensión para exportar electricidade a Portugal”. “A mina será unha fonte máis do espolio”, remata.
Afectación das aguas
A plataforma considera que existe un “risco elevado” de contaminación nas augas e de “degradación dos valores naturais de toda a contorna”. Recorda que a zona de Doade é unha das sinaladas nun estudo do Observatorio do Solo da Unión Europea (EUSO) por elevados niveis de arsénico de orixe litoxénica, é dicir, que se atopa nas rochas inmobilizado.
Deste xeito, cren que a actividade da mineira, empregando un método que “tritura” as rochas podería provocar “a mobilización de metais pesados como o chumbo ou o arsénico” cara aos acuíferos, ao mesmo tempo que recordan que a mina de Doade foi paralizada no seu día ante as dúbidas da Confederación Hidrográfica Miño-Sil sobre as posíbeis afectacións da extracción nesta área de Beariz.
“Son tantos os riscos medioambientais como as opacidades”, resume Lois Antón, que engade que a zona elixida para a mina está “na cabeceira dun regato” que vai dar ao encoro de Albarellos, de onde se abastece de auga á comarca do Ribeiro. Por estes motivos, SOS Suído Seixo comprométese a combater o proxecto, primeiro na vía administrativa e, se fai falla, nos xulgados.
De onde veñen os materiais que empregamos?

No debate sobre a actividade mineira e a industria extractiva, o xeólogo Pablo Núñez convida a facerse unha pregunta: De onde é que veñen os materiais que compoñen os nosos móbiles, ordenadores ou coches; e que fan “as nosas vidas máis fáciles?”.
“Moitas veces estámonos a abastecer de países nos que non están garantidos os dereitos medioambientais, médicos ou legais dos traballadores das minas”, sinala antes de sentenciar que, para el, a lexislación europea e galega no campo da minería “si garante todas as seguridades para o medio ambiente e para os traballadores” .
Coa declaración da Unión Europea como proxecto estratéxico, a mina de Doade ve impulsado a súa andaina administrativa cara a súa autorización. Nos plans da empresa figura o ano 2027 como obxectivo para comezar a operar se reciben o visto e prace de administracións como a Xunta. As mesas dos despachos de San Caetano chegará outro expediente mineiro que resolver, cando aínda está pendente se recibe luz verde a mina de cobre nos concellos coruñeses de Touro e O Pino, freada en 2020 polas dudas que espertaba o proxecto.














Creo que a soberanía alimentaria é algo prioritario fronte ao exceso de tecnoloxía ao que nos enfrentamos todos os días. O xeólogo Pablo Núñez falar da necesidade de extraer eses materiais porque nos fan a vida máis sinxela, considero que a produción de alimentos cuns recursos naturais non contaminados é un futuro máis prometedor para Galiza que todos eses proxectos extractivos que están plantexando. E como dí o compañeiro desenvolver a recuperación dos materiais críticos do lixo tecnolóxico debería ser prioritario a todos eses proxectos, e intervir no consumismo, na obsolescencia programada e percibida, e un longo etcétera, non vendades as necesidades tecnolóxicas creadas como necesidades reais. As necesidades dos seres vivos son outras, e vense comprometidas coa contaminación das augas.
A que espera a UE para fomentar a recuperación de materiais críticos dos aparellos que rematan a súa vida útil. Non se pode fomentar a explotación dos recursos naturais indefinidamente.