O Parlamento Europeo declara a “emerxencia climática”

A cámara comunitaria aprobou este xoves unha resolución para alertar dos problemas medioambientais, a poucos días do cumio do clima de Madrid

A poucos días do cumio da ONU sobre cambio climático que se celebra en Madrid do 2 ao 13 de decembro, o Parlamento Europeo adoptou este xoves unha resolución na que declara unha “emerxencia climática e ambiental” en Europa e a nivel global. O texto tamén pide á Comisión Europea que garanta que todas as súas propostas lexislativas e orzamentarias teñen en conta o obxectivo de limitar o quecemento global a un máximo de 1,5° C.

Nunha segunda resolución, a Cámara insta á UE para presentar a súa estratexia para lograr a neutralidade das emisións tan pronto como sexa posible, e para 2050 como moi tarde, á Convención da ONU sobre cambio climático. Os eurodeputados tamén piden á nova presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, que inclúa un obxectivo de redución das emisións de gases de efecto invernadoiro do 55% para 2030 no Pacto Verde europeo.

Publicidade

A resolución na que o Parlamento declara a emerxencia climática e ambiental foi aprobada con 429 votos a favor, 225 en contra e 19 abstencións, mentres que o texto sobre o cumio do clima de Madrid recibiu o apoio de 430 eurodeputados, 190 votaron en contra e 34 abstivéronse.

O Parlamento súmase así  a varios parlamentos nacionais (como Portugal, Gales, Arxentina, Escocia, Canadá ou Irlanda), administracións locais e científicos declararon xa que o planeta afronta unha emerxencia climática. En canto ao obxectivo de alcanzar un balance neto de cero emisións en 2050, a Comisión Europea xa presentou unha proposta nese sentido, pero o Consello Europeo non o apoiou debido ao rexeitamento de Polonia, Hungría e a República Checa.

Publicidade

11.000 científicos declaran a ‘emerxencia climática global’

No seu texto, o Parlamento considera que os obxectivos actuais de recorte das emisións nos sectores do transporte marítimo e a aviación son pouco ambiciosos. Na súa opinión, todos os países deberían incluír a estes sectores nos seus plans nacionais de contribución (NDC). Os eurodeputados tamén expoñen a inclusión do sector marítimo no sistema europeo de comercio de emisións.

Neste sentido, o parlamento comunitario recomenda que os países membros deberían, polo menos,  duplicar as súas contribucións ao Fondo contra o cambio climático, xa que “os Estados son os principais provedores de financiamento público contra o cambio climático e o orzamento da UE debería aliñarse cos seus compromisos internacionais”, apuntan.

Os eurodeputados advirten, ademais, que os compromisos anunciados polos países desenvoltos non alcanzan o obxectivo colectivo de 100.000 millóns de dólares anuais a partir de 2020.

A ONU advirte: as temperaturas subirán 3,2 ºC aínda cumprindo o Acordo de París

Por último, fan un chamamento urxente a todos os países da UE para que eliminen progresivamente todas as subvencións directas e indirectas aos combustibles fósiles para 2020.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua

Glaciares sacros e plantas rituais: o que o cambio climático está levando por diante

O fenómeno ameaza culturas de todo o mundo que teñen moi pouca responsabilidade nas súas causas e que ás veces o ven como un "castigo divino"

Ourense, Lugo e Santiago, as cidades galegas con máis mortes por calor na última década

O informe de 2026 do 'Lancet Countdown' revela que o cambio climático ten consecuencias directas sobre a saúde pública nas urbes europeas

Que pasa despois das chamas: a recuperación do monte tras un incendio forestal

No que levamos de ano e ata o 20 de agosto, arderon en España 262.000 hectáreas, fronte á media de 105.600 hectáreas queimadas de 2015 un 2024