Máis de 11.000 científicos de todo o mundo advertiron hoxe que é inevitable “un sufrimento humano enorme” a menos que haxa cambios radicais na actividade humana para reducir as emisións de dióxido de carbono e outros factores que contribúen ao cambio climático.
“Os científicos teñen a obriga moral de advertir á Humanidade sobre calquera grande ameaza. Baseándonos na información que temos, está claro que encaramos unha emerxencia climática”, dixo Thomas Newsome, da Universidade de Sydney, en Australia, nun artigo que publica a revista BioScience.
Os científicos analizaron a información recollida e publicada durante máis de 40 anos sobre o uso da enerxía, as temperaturas na superficie terrestre, o crecemento da poboación, a extensión de cultivos, a deforestación, a perda de xeo polar, os índices de fertilidade, as emisións de dióxido de carbono e o produto interior bruto das nacións.
Desde a Primeira Conferencia sobre Cambio Climático, celebrada en Xenebra (Suíza) en 1979, os científicos que participaron en asembleas similares que salientaron a ameaza do cambio climático e advertiron aos gobernos e ás corporacións sobre a necesidade de adoptar medidas para moderalo.
Os científicos piden un novo modelo de enerxía e produción.
O artigo, que se enfoca nas accións para reducir o dano que causa o cambio climático, inclúe indicadores que os investigadores describen como “sinais vitais” relacionados con ese cambio e as áreas que requiren unha acción global inmediata.
Algúns deses indicadores da actividade humana son positivos, como a diminución dos índices de natalidade e a incorporación crecente de fontes de enerxía renovables. Pero a maioría dos indicadores amosan un panorama sombrío, incluída a crecente poboación de gando para consumo humano, a perda de bosques e as emisións de dióxido de carbono.
Os autores expresaron a súa esperanza de que estes “sinais vitais” orienten aos gobernos, ao sector privado e ao público en xeral a “comprender a magnitude desta crise, vixiar os progresos que se logren e reacomodar as prioridades para paliar o cambio climático”.
A declaración aparece hoxe asinada por científicos de 153 países na revista Bioscience
Estas metas “requirirán transformacións enormes no xeito como funciona a nosa sociedade global e a súa interacción cos ecosistemas naturais”, sinala a declaración.
Os científicos asinantes salientaron seis obxectivos: reforma do sector enerxético, redución dos contaminantes de curta duración, restablecemento dos ecosistemas, optimización do sistema de alimentación, o establecemento dunha economía libre de dióxido de carbono e unha poboación humana estable.
A pesar da amplitude das súas preocupacións e a magnitude dos esforzos que reclaman, os científicos expresaron certo optimismo ao mencionar “un recente aumento da atención da opinión pública cara este problema”.
A contaminación do tráfico é outro dos problemas.
“Os escolares fan folgas. Os tribunais procesan demandas por dano ambiental. Os movementos cidadáns piden cambios e moitos países, estados e provincias, cidades e empresas responden”, engadiron. Para solucionalo é necesario tomar medidas correctoras, pero tamén aprender a cuantificar os danos.
Por iso, outros dos investigadores detrás deste traballo, o doutor Thomas Newsome, engade que é preciso “monitorear un conxunto máis amplo de indicadores, que inclúen o crecemento da poboación humana, o consumo de carne, a perda da cuberta arbórea, o consumo de enerxía, os subsidios aos combustibles fósiles e as perdas económicas anuais por fenómenos meteorolóxicos extremos”.
A declaración destes máis de 11.000 científicos procedentes de institucións de investigación de 153 países chega só unhas horas despois de que o presidente Donald Trump anunciase a saída dos Estados Unidos do Tratado de París asinado no 2015 para conter a crise climática.
Aquí podes consultar a declaración publicada en Bioscience