Francisco Javier Díaz, da UVigo.

Un millón de euros para o Doutorado en Fotónica que coordina a UVigo

Financiado polo programa H2020, o obxectivo é aplicar esta tecnoloxía ao automóbil autónomo

Por segundo ano consecutivo, a Universidade de Vigo coordinará un Doutoramento Industrial Europeo no ámbito da fotónica integrada, dentro das accións Marie Curie de Redes Europeas de Formación (ITN).

DRIVE-In (Integrated Photonics for the next generation of autonomous Vehicles using InP technologies) é unha iniciativa de catro anos de duración enmarcada no Programa Horizonte 2020 e que, cun orzamento dun millón de euros, ten o obxectivo de proporcionar formación a catro investigadores ou investigadoras novos no campo da fotónica integrada, fomentando a súa aplicación na industria automotriz a través do  desenvolvemento de novos kits e ferramentas de simulación software, para facilitar a súa integración.

As persoas que participen neste programa formaranse a todos os niveis dentro do ecosistema fotónico e interactuarán con empresas de primeiro nivel europeo neste ámbito. A través do docente e investigador do grupo COM de atlanTTIC Francisco Javier Díaz Otero, a Universidade de Vigo traballará no proxecto xunto cun socio industrial, VPI Photonics, empresa alemá dedicada ao software de simulación optoelectrónico. Ademais, forman parte desta rede as empresas Bright Photonics de Países Baixos e os institutos de investigación Heinrich Hertz Fraunhofer (Alemaña) e o CTAG (Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia).

Francisco Javier Díaz destaca que “se trata dun raro caso de éxito, ao conseguir a institución académica coordinar dúas accións ITN en anos consecutivos e na mesma disciplina tecnolóxica, estando DRIVE-In entre as dez propostas mellor valoradas polos revisores dentro da súa modalidade”. Para Díaz Otero “o feito de que as institucións e empresas de alto nivel europeo recoñezan o valor das actividades do noso grupo de investigación sobre fotónica integrada e que as nosas propostas reciban por segunda vez o apoio da Comisión Europea indica que as nosas capacidades de capacitación e investigación están ao máis alto nivel”. O docente e investigador estima ademais que este é un voto de confianza para que a Universidade de Vigo aposte por un sector emerxente, no que o posicionamento nos vindeiros anos será de vital importancia.

A primeira das accións ITN coordinada o ano pasado desde a Universidade de Vigo foi o proxecto Edify (European Doctorate in Indium Phosphide PIC Fabrication Technology), que proporcionou formación durante 48 meses a catro investigadores e investigadoras no ámbito da fotónica integrada. Estes estudantes de doutoramento recibiron un 40% da súa formación na Universidade de Vigo e un 60% no resto de empresas da rede: SMART Photonics, Bright Photonics BV, Photon Design e Phoenix BV.

Primeiros pasos do programa

DRIVE-In ten o obxectivo de investigar novos módulos de simulación software e dispositivos fotónicos integrados en fosfuro de indio (InP) para a súa aplicación, fundamentalmente, nas novas xeracións de vehículos autónomos. Os resultados obtidos permitirán desenvolver novos dispositivos como sensores de colisión, de gases, de fatiga de estruturas ou estrés mecánico, xunto con outros relacionados coa iluminación, navegación ou transmisores e receptores de alta velocidade, permitindo avanzar na investigación, desde a electrónica actual, que constitúe o 80% da tecnoloxía existente dentro de calquera vehículo, á fotónica, tecnoloxía que permitirá o desenvolvemento de novas aplicacións para o automóbil.

Nestes primeiros meses, o coordinador do proxecto avanza que “se recrutarán os catro investigadores ou investigadoras; poñerase en marcha a web do proxecto e celebrarase unha xornada de difusión e información sobre o mesmo e sobre a tecnoloxía. Tamén se desenvolverá completamente a planificación e fitos do proxecto cos outros socios e prepararanse os primeiros cursos que terán lugar en abril de 2020”.

Durante os 36 meses que dura o programa, o alumnado seleccionado recibirá capacitación intensiva con cursos sobre fotónica integrada, dispositivos e simulación de circuítos e serán transferidos a varias adscricións, tanto no sector académico, coma no empresarial. Todos pasarán entre un ano e un ano e medio na Universidade de Vigo e un ano en VPIphotonics e ata doce meses nas empresas Bright Photonics, CTAG e HHI Fraunhofer.  O programa supón a realización dun plan de desenvolvemento profesional para cada participante que incluirá capacitación, adscricións planificadas e actividades de divulgación nos laboratorios asociados da rede. Así mesmo, as persoas seleccionadas deberán presentar a súa tese doutoral ao final do terceiro ano de emprego.

Unha tecnoloxía de futuro

Francisco Javier Díaz refírese á fotónica “como unha das tecnoloxías do futuro, non só polas súas múltiples aplicacións en campos como as telecomunicacións, a sensorización, a automoción ou o sector aeroespacial, senón porque achega vantaxes polo seu pequeno tamaño, baixo custe e alta sensibilidade”, ao tempo que destaca que “a fotónica integrada son microchips, similares aos que se crean no campo da microelectrónica para os teléfonos móbiles ou ordenadores, pero coa particularidade de que en lugar de empregar electróns usan fotóns, as partículas fundamentais da luz”.

O coordinador do proxecto lembra que a Comisión Europea definiu a fotónica como unha das cinco tecnoloxías transversais clave para conseguir mellorar a competitividade da industria europea e abordar os desafíos sociais dos vindeiros anos e tamén sinala que “actualmente, a fotónica, sobre todo a través do uso de dispositivos como os láseres, LEDs e detectores, está presente en practicamente todos os sectores de actividade , incluíndo de forma preferente a industria, ao tempo que emprega unhas 300.000 persoas en Europa”. Segundo Díaz Otero, o uso da fotónica a través de dispositivos en forma de microchip permitirá, en poucos anos, a transición da microelectrónica aos microchips fotónicos en calquera área de produción, sendo as novas aplicacións fotónicas moito máis sensibles, de menor tamaño e de menor consumo enerxético, permitindo non só funcionalidades moito máis avanzadas, senón a aparición de novos dispositivos que non estaban dispoñibles ata agora.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.