“O maior obstáculo para ser Marie Curie é a conciliación familiar e laboral”

As investigadoras Yasmina Martínez, Marta Castiñeira e Paula Gutiérrez participan na última mesa redonda de 'Ciencia en feminino'

“Na miña promoción fomos case o mesmo número de mulleres e homes, pero a medida que avanzas na escala de cargos vese unha menor representación feminina”. As investigadoras coinciden, malia os esforzos, a igualdade de xénero nos postos de dirección aínda non está acadada. Pero existen especialidades científicas que rompen esta tendencia. Esta é unha das conclusións que se extraeron na cuarta e última sesión de Ciencia en feminino, un ciclo de conversas e mesas redondas en liña organizadas por GCiencia e a Deputación de Pontevedra dentro da programación do 8M.

Neste debate participaron Yasmina Martínez, entomóloga e investigadora predoutoral na Universidade de Vigo (UVigo); Marta Castiñeira, doutora en Química Teórica e Modelización Molecular pola UVigo; e Paula Gutiérrez, bióloga mariña e investigadora do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC). No encontro, as expertas falaron sobre os estereotipos no eido científico, o persistente teito de cristal, a síndrome da impostora ou a conciliación. “O maior obstáculo para ser Marie Curie é a conciliación familiar e laboral”, aseguraba Gutiérrez.

Publicidade

“A única muller na sala”

A última mesa redonda de Ciencia en feminino, baixo o título ‘Máis alá de Marie Curie: como romper cos estereotipos da científica’, comezou cunha valoración xeral sobre a situación das mulleres no eido investigador. Castiñeira resaltaba que aínda existe unha escasa presenza feminina en certas áreas. “Hai uns días tiven unha reunión con persoas de diversos puntos de España para traballar nun proxecto de astroquímica e dinme conta que era a única muller na sala. Deume por rir porque é unha situación que, malia que cada vez vivo menos, segue estando moi presente”, sinalaba no debate.

Pola súa banda, Martínez concordaba con esta visión, resaltando as dificultades e menor visibilidade das científicas para poder acadar altos cargos. Gutiérrez expuña a excepción que se dá no seu centro de investigación. “Eu teño moitas mulleres ao meu redor e cada vez son máis as líderes, as moderadoras e as que toman decisións, pero: cantas delas son nais?“, cuestionaba a bióloga mariña.

Publicidade

Ser nai vs. investigar

A conciliación familiar e laboral foi outro dos temas da última mesa redonda. “A produción científica, os procesos selectivos, a carga mental no traballo e na casa, son aspectos que cando es nai dificultan moito a vida, e poucas mulleres deciden apostar pola súa carreira”, comentaba no debate. As participantes concordaron con este feito, resaltando o complicado que se fai chegar a elixir. “Atópome nun momento no que me toca decidir entre a maternidade e a carreira e dáme moita vertixe ter que tomar esa decisión porque vin e vexo en compañeiras que decidiron ser nais o esforzo vital que lles supuña poder compaxinar ambos os aspectos”, resaltaba Castiñeira.

A síndrome da impostora foi outro dos aspectos máis destacados do debate. “Téñoo e tíveno durante toda a tese. Mesmo o meu director me preguntaba por que non confiaba en min. Non teño claro o motivo, pero esa sensación de non ser suficiente penso que vai estar comigo moito tempo“, aseguraba Castiñeira. Martínez, pola súa banda, engadía que a “inseguridade que se poden chegar a crear dende a educación vén de lonxe. Pero cando pouco a pouco ves que se publican os teus traballos, vas collendo máis confianza en defender mellor as túas publicacións”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Aos seis anos, a presión cultural xa fai efecto e as nenas deixan de verse capaces de calquera cousa”

A enxeñeira Soledad Torres Guijarro participou xunto á bióloga Iria Gómez Touriño e á enfermeira Ainara Díaz Geada na última sesión de Ciencia en feminino
01:04:45

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Obstáculos da carreira investigadora

A enxeñeira Soledad Torres, a bióloga Iria Gómez Touriño e a enfermeira Ainara Díaz Geada participan na última sesión do ciclo de GCiencia e da Deputación de Pontevedra

Elena Vázquez Abal: “Debemos crear referentes científicas actuais para as novas xeracións”

A matemática galega lidera iniciativas internacionais e impulsa a igualdade nas ciencias dende a súa experiencia académica e persoal
00:37:33

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Entrevista con Elena Vázquez Abal

A matemática recibiu o Premio de Divulgación Científica 2024 por unanimidade pola súa carreira investigadora e docente