Luns 29 Abril 2024

A Unesco ameaza con retirar o Camiño de Santiago do Patrimonio da Humanidade

O Icomos, organismo que asesora á Unesco na convención do Patrimonio Mundial da Humanidade, acaba de publicar un informe no que advirte en varias ocasións do “grave impacto negativo” que o proxecto da mina de cobre prevista en terreos dos concellos de Touro e O Pino podería ter no Camiño de Santiago. O documento mesmo sinala que, “no caso da perda dos valores excepcionais polos que foi incluído na lista de Patrimonio Mundial un ben cultural, ou que o Estado non solvente os perigos comprobados ou potenciais que afecten ao Ben, este pode ser excluído da Lista do Patrimonio Mundial”. Para a elaboración do informe, os redactores contactaron coas diversas partes implicadas e visitaron a zona.

“No caso da perda dos valores excepcionais, o Ben pode ser excluído da Lista do Patrimonio”

Segundo recolle El Confidencial, existen precedentes neste senso: en 2009, a paisaxe cultural do Val do Elba, en Dresde (Alemaña), foi excluído pola construción dunha ponte que non se adaptaba ás esixencias da Unesco. Así, no seu documento, fálase do risco para o patrimonio na zona que suporía a reapertura da mina, que xa funcionou durante máis dun decenio ata 1986, e que hoxe segue xerando problemas medioambientais na zona. Entre outros danos, o Icomos sinala a “posibilidade de desaparición do ramal histórico e documentado do camiño que unía Arzúa con Amenal, no que está recoñecido como camiño histórico o tramo Quión-Arca”. Tamén estarían en risco de desaparición as mámoas 1 e 2 de Pena Alta e do Castro de Copa.

Publicidade

Por outra banda, fálase dunha “afección importante e negativa aos valores paisaxísticos, ambientais e intanxibles da área territorial que conforma o entorno ambiental do Camiño de Santiago, e que lle dan carácter, ademais da interferencia física e/ou visual do Muíño de Ferradal, o Muíño da Armida e o Muíño dos Ares, ademais dalgunhas igrexas parroquiais.

“Expolio prohibido pola Constitución”

Contaminación no río Portapego, nunha foto tomada o pasado 10 de marzo. Imaxe: Mina Touro-O Pino Non.
Contaminación no río Portapego, nunha foto tomada o pasado 10 de marzo. Imaxe: Mina Touro-O Pino Non.

Unha das actuacións que máis rexeitamento está a xerar entre os detractores da reapertura da explotación foi a da escombreira de 80 metros de altura que se contempla no proxecto presentado polas compañías impulsoras da mina. Neste punto, o informe da Unesco é contundente, xa que “sepultaría baixo unha grande e alta masa de entullos” o ramal do Camiño que une Arzúa e Amenal. Algo que “sorprende” á Unesco, xa que o ramal se contempla no proxecto de impacto ambiental. Esta actuación, segundo lembra o informe “considérase expolio e está prohibido pola Constitución Española e pola normativa sobre patrimonio histórico, estatal e autonómica que a desenvolven.

Sen resposta da Xunta á Unesco

Para a elaboración do informe, a Unesco requiriu á Xunta que lle facilitase o acceso e copia á documentación que están tramitando as diversas consellerías e direccións xerais. Nin a dirección Xeral de Enerxía e Minas nin a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio deron resposta ás peticións, segundo sinala o Icomos. Por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura si houbo resposta. Indícase que, despois da análise realizada, “afírmase que a mina non se atopa no territorio histórico do Camiño de Santiago, e que existe un estudo sobre o impacto e a integración paisaxística en relación co Camiño.

O proxecto da mina de Touro ten recibido nos últimos meses varias contestacións, tanto de entidades naturalistas  – como a SGHN – e da propia Xunta de Galicia, que alertou de “eivas e contradicións no proxecto“. Os veciños da zona e outras asociacións levan tempo alertando da contaminación que persiste nos terreos da antiga explotación, pechada hai máis de 30 anos.

Podes consultar aquí o informe do Icomos sobre a mina de Touro e O Pino e o Camiño de Santiago (PDF).

 

1 comentario

  1. Esto sería mucho más eficiente y productivo si se pudiera reenviar en castellano e inglés. Es de suma importancia

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UDC analiza con láser a contaminación das pontes de Praga

Unha alumna procedente da República Checa realiza a súa tese na institución galega con vistas a futuros procesos de restauración

Os ’pellets’ xa invaden zonas mariñas protexidas de Galicia

Unha simulación realizada pola organización internacional Oceana predí que os plásticos están presentes en todo o litoral da comunidade

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes
00:03:30

I de ‘Inventio’: como o descubrimento da tumba do Apóstolo fixo marca Galicia

A partir do século IX Santiago de Compostela converteuse nun centro europeo económico e relixioso clave pola peregrinación xacobea