Dicionario da Galicia histórica, un reino do A ao Z

I de ‘Inventio’: como o descubrimento da tumba do Apóstolo fixo marca Galicia

A partir do século IX Santiago de Compostela converteuse nun centro europeo económico e relixioso clave pola peregrinación xacobea

O descubrimento da tumba do Apóstolo, a denominada inventio en latín, marca o inicio da peregrinación xacobea. É un acontecemento que nace na mentalidade relixiosa da época e é un dos episodios máis importantes do Reino de Galicia que terá grandes consecuencias históricas, convertendo a Santiago de Compostela nun centro europeo económico e relixioso clave. Existen distintas visións que intentan conciliar a lenda xacobea cos feitos históricos e unha das cuestións máis controvertidas é a data concreta do descubrimento do sepulcro. O achado suscitou moito interés dende a historiografía medievalista así como os propósitos do mesmo.

O historiador da Universidade de Santiago (USC) José Carlos Baliñas explica que existe un problema histórico “evidente”. “Polo Novo Testamento sabemos que Santiago O Maior no ano 45 foi decapitado en tempos de Herodes. Aí non se establece ningunha relación con Compostela. Eclesiasticamente, esta zona dependía dun estado que estaba en Iria Flavia. A patrona era Santa Baia, non Santiago. Realmente non hai nada que conecte o mito Xacobeo e historicamente é algo que non se pode soster”. O Museo das Peregrinacións de Santiago apunta que os restos de Santiago O Maior aparecen durante a década de 820. O investigador de historia medieval Xosé Manuel Sánchez Sánchez recolle no seu artigo Informacións históricas da ‘Inventio’: Un ‘status quaestionis’ que a data de 813 “non pode darse como minimamente segura ou acertada en canto á inventio do sepulcro apostólico compostelano”. No seu estudo recóllense posicións como a de Fernando López Alsina que leva o achado á década de 820-830; tamén a catedrática de historia Carmen Pallares sitúao cara 830.

Publicidade

A inventio afectou, como non podía ser doutra maneira, ao poder político e relixioso da época. “Nesta terra do Libredón, unha noite o monxe Paio, que vivía nas cercanías de Solovio, veu luces nun campo veciño —revelatio— e, tras contalo ao seu confesor, informan ao obispo de Iria Flavia, Teodomiro. Descobren un mausoleo de época romana onde habería tres corpos, que vinculan aos restos do Apóstolo e os seus discípulos Teodoro e Atanasio”, explican dende o Museo das Peregrinacións de Santiago. “Debemos entender este feito no seu contexto histórico, estamos no século IX, momento da Reconquista, e o achado dos restos do Apóstolo supoñen un reforzo moral moi forte para o exército cristiano”. A fonte máis antiga onde se narra a inventio é a Concordia de Alteares, un documento elaborado en 1077 baseada en tradicións compostelás.

A tumba do Apóstolo Santiago.

Os cristiáns, ao “non poder facer exercicio público da súa fe”, explica Baliñas, buscaron trasladar os lugares santos a Galicia nun momento no que os musulmáns traeran á península unha nova cultura baseada noutro modelo relixioso e social. A sede de Iria Flavia “non foi conquistada”, apunta, e o cristianismo atopou aquí unha posible ligazón “ao pasado”. “No norte peninsular creáronse núcleos de resistencia e necesitaron un estímulo, algo que lles dese forza. Nun momento malo aparece milagrosamente os restos do apóstolo Santiago, un dos favoritos de Xesús para dar fortaleza”.

A ‘narratio’

Da revelatio e a posterior inventio nace a narratio. Créase unha nova narrativa a partir do novo centro europeo cristián e deste culto nacerá a peregrinación. O relato sobre o achado do sepulcro sitúano no reinado de Afonso II (791-842). Afonso II tiña contactos “moi estreitos” con Galicia e fai unha proposta: unha asociación, ofrecendo a protección militar do Reino de Asturias e esixindo fidelidade das autoridades locais galegas. “Cando se busca esta unión aparece no apóstolo Santiago unha bendición divina, unha bandeira desta asociación”. Neste senso, o profesor da USC explica que dende ese momento, Santiago será coñecida como o lugar no que está a tumba do Apóstolo. “Os autores musulmáns da época intentan definir que é o lugar equivalente á Meca. Santiago como patrono de Galicia e como os galegos”, explica. Aínda que falta documentación, Afonso II podería considerarse o primeiro rei peregrino.

Volvendo á data da inventio, que non aparece na Concordia, estimouse durante moito tempo que tivo lugar no 813 para que coincidise coa vida do emperador Carlomagno, era a versión feita desde o imperio franco. O Códice Calixtino sitúao nun relato fantástico descubrindo a tumba. Con todo, Carlomagno morre de vello en 814, o que fai difícil de crer que en 813 estivese peregrinando. Tamén no século IX, despois do descubrimento, xorde a Epístola do papa León: crea unha viaxe sagrada, a translatio, na que os restos de Santiago peregrinan polo mar de Palestina, onde foi martirizado, a Galicia, onde recibe sepultura —depositio—.


Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

De Islandia a Santiago: os 300 camiños para peregrinar a Compostela que aínda non coñeces

O Instituto Xeográfico Nacional recompila nun mapa interactivo 286 rutas a pé e 31 itinerarios marítimos tradicionais

O científico que analizou os restos atribuídos a Teodomiro: “É unha auténtica revolución”

O galego Patxi Pérez-Ramallo lidera un equipo internacional que, dende 2019, estuda os ósos atopados no suposto sepulcro do bispo que fundou o Camiño de Santiago

Quen era Teodomiro? O ADN identifica os restos do fundador do Camiño de Santiago

Un estudo internacional liderado polo galego Patxi Pérez-Ramallo confirma que a tumba da catedral pertence ao bispo de Iria Flavia

Cales son as zonas de risco de carrachas no Camiño francés? Así o estudan na USC

A Cátedra das Peregrinacións financia tres proxectos sobre a ruta xacobea e destina 2.000 euros a cada unha das investigacións