A borrasca Karlotta trae ventos ‘furacanados’ e chuvias abundantes ás portas do Entroido

Meteogalicia activa a alerta laranxa por refachos que superarán os 100km/h e por acumulacións de chuvia superiores aos 80l/m2

Temporal de chuvia, vento e neve. Isto é o que lle agarda a Galicia nos próximos días seguindo os prognósticos de distintos servizos de meteoroloxía. O debilitamento das altas presións que predominaron na última quincena de xaneiro dá paso á chegada de potentes borrascas atlánticas. A que afectará o territorio galego nas próximas xornadas chámase Karlotta, está situada ao sur de Irlanda, e enviará varias frontes frías ao noroeste da península que deixarán chuvias abundantes e ventos furacanados, que poderán acadar os 130 km/h, entre xoves e venres. A previsión non mellora para a fin de semana do Entroido, con probabilidades de chuvia en toda Galicia que acadan o 90% e temperaturas máximas que non superarán os 15 graos. De feito, agárdanse nevadas nas zonas máis altas.

Ante a situación que deixará a borrasca Karlotta nas próximas horas, Meteogalicia xa ten activada a alerta laranxa para este xoves en todo o litoral galego e nas montañas de Lugo e Ourense. No suroeste e no oeste da provincia da Coruña choverá intensamente, con acumulacións superiores aos 80l/m2 en tan só 12 horas. Tamén se esperan refachos de vento por enriba dos 100km/h nas montañas de Lugo e de Ourense e nos litorais de Lugo e A Coruña. A este respecto, o portal meteorolóxico Eltiempo.es prognostica refachos de ventos furacanados que acadarán os 130 km/h na costa norte de Galicia e no litoral cantábrico. O resto do territorio galego, agás unha pequena franxa entre a fronteira das provincias de Pontevedra e Ourense, estará en alerta amarela este xoves por acumulacións de chuvia superiores aos 40l/m2 en 12 horas e por refachos de vento de ata 80km/h.

Publicidade

Segundo explica o meteorólogo José Miguel Viñas nun artigo publicado no portal Meteored, este temporal de chuvia, vento e neve provocado por unha fronte asociada á borrasca Karlotta estará potenciado polo río atmosférico que carga humidade dende o Caribe ata o Atlántico. No que respecta ás temperaturas, dende Meteogalicia aseguran que haberá moi pouca oscilación térmica durante o xoves, dado que tan só haberá unha diferenza de entre dous e tres graos entre as máximas e as mínimas, que non descenderán dos 10 graos. Unha situación moi semellante á que se vivirá na xornada do venres; un día no que predominará de novo a inestabilidade atmosférica e cando se rexistrarán “chuvascos localmente treboentos”. Con todo, dende a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) agardan que as precipitacións sexan menos intensas o venres que o xoves.

Avisos meteorolóxicos de Meteogalicia para as xornadas de mércores e xoves. Nesta segunda xornada activarase a alerta laranxa en todo o litoral e nas montañas de Lugo e Ourense.

A predición a curto prazo está marcada por unha gran inestabilidade pero todo indica que en Galicia predominarán as baixas presións durante a fin de semana do Entroido. Segundo Meteogalicia, producirase un importante descenso térmico durante o sábado pola entrada de aire frío, que estará acompañado de precipitacións —que virán en forma de neve nas zonas máis altas—. A situación continuará sendo desapacible durante os primeiros días da vindeira semana porque continuarán entrando frontes atlánticas que elevarán considerablemente a probabilidade de precipitación. De feito, Meteogalicia prevé dende o sábado ata o mércores, é dicir, o Entroido propiamente dito, unha probabilidade de chuvia que oscilará entre o 85% e o 90% en todo o territorio galego.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A guía definitiva do Entroido ourensán: estas son as seis figuras imprescindibles

Un percorrido polas máscaras tradicionais que manteñen viva a celebración máis ancestral da provincia, das pantallas de Xinzo aos boteiros de Viana

Unha masa de aire polar marítima ameaza o Entroido: da tregua do sábado á volta das chuvias o domingo

A vindeira semana estará marcada por un ambiente moi húmido e por probabilidades de precipitación que acadarán o 90%

Unha potente borrasca atlántica pon Galicia en alerta por fortes ventos e intensas chuvias na fin de semana

O venres situarase un sistema de baixas presións ao oeste de Galicia que deixará aviso amarelo por refachos de máis de 80 km/h na montaña

Tradición, comparsas e disfraces: así celebraba Galicia o Entroido no século pasado

O arquivo fotográfico das institucións galegas permite unha volta ao pasado para desfrutar destes históricos festexos