A infección polo virus do papiloma aumenta o risco de morte cardiovascular en mulleres

Investigadores coreanos constatan que as persoas infectadas coas cepas máis agresivas tamén teñen máis posibilidades de falecer por un derrame cerebral

As mulleres teñen un risco catro veces maior de morrer por unha enfermidade cardiovascular se están infectadas polas cepas máis agresivas do virus do papiloma humano (VPH). Así o conclúe unha investigación publicada esta semana na revista European Heart Jounal. Un equipo de Corea do Sur fixo o seguimento de máis de 160.000 mulleres durante oito anos e concluíu que a infección por VPH está asociada a un maior risco de mortalidade por enfermidades cardiovasculares nas mulleres. “Podería ser que o virus provocase unha inflamación nos vasos sanguíneos, contribuíndo a bloquear e a danar as arterias”, indican os autores no estudo.

O VPH é unha infección moi común e sábese que as cepas de alto risco causan cancro de colo uterino. Investigacións anteriores suxeriron que o virus pode contribuír á acumulación de placa nas arterias pero este é o primeiro estudo que mostra un vínculo entre a infección de alto risco e as mortes por enfermidades cardiovasculares. “É un estudo interesante. Dende hai tempo sábese que calquera inflamación que teñas no teu organismo é moi prexudicial para o estado de saúde das arterias”, explica Julián Pérez-Villacastín, científico indepentente do estudo e xefe do servizo de Cardioloxía no Hospital Clínico San Carlos de Madrid, en declaracións recollidas polo Science Media Centre España.

Publicidade

A investigación, dirixida pola Universidade Sungkyunkwan (Corea do Sur), trata de indagar o impacto do VPH como risco potencial para a enfermidade cardíaca. “A pesar dos notables avances no control de factores de risco ben coñecidos para estas doenzas como o tabaquismo, o colesterol alto, a hipertensión e a diabetes, as enfermidades cardíacas seguen sendo unha das principais causas de morte. Curiosamente, estes factores de risco convencionais non explican todos os casos. Arredor do 20% ocorre en persoas que non teñen estes problemas”, explica o investigador Seungho Ryu, un dos autores do estudo. O seu obxectivo é buscar outros factores de risco detrás das enfermidades cardíacas, entre os que os científicos coreanos sinalan a infección por VPH.

A investigación incluíu a 163.250 mulleres coreanas novas e de mediana idade que non tiñan ningunha enfermidade cardiovascular ao comezo do estudo. Ás mulleres realizáronselles unha serie de probas médicas, entre as que se incluía a detección de 13 cepas de alto risco do VPH. Despois de comparar os datos rexistrados durante os controis de saúde aos que se someteron as participantes durante oito anos, os investigadores concluíron que as mulleres con infección de alto risco tiñan un risco 3,91 veces maior de ter as arterias bloqueadas. Así mesmo, un risco 3,74 veces maior de morrer por enfermidade cardíaca e un risco 5,86 veces maior de morrer por un derrame cerebral en comparación coas mulleres que non tiñan unha infección por VPH de alto risco. Os investigadores descubriron que o risco era aínda maior en mulleres que ademais tiñan obesidade.

Publicidade

“Sabemos que a inflamación xoga un papel fundamental no desenvolvemento e a progresión das enfermidades cardiovasculares e que as infeccións virais son posibles causantes da inflamación. O VPH é coñecido pola súa relación co cancro de colo uterino, pero as investigacións están a comezar a demostrar que este virus tamén se pode atopar no torrente sanguíneo. Podería ser que o virus estea a crear inflamación nos vasos sanguíneos, contribuíndo á obstrución e dano das arterias e aumentando o risco de enfermidade cardiovascular”, di outra das investigadores principais do estudo, Hae Suk Cheong. Os autores reclaman, por tanto, unha atención integral aos pacientes con VPH de alto risco e un control pormenorizado da súa saúde cardiovascular.

Os investigadores aseguran que se necesita máis traballo para determinar se a infección por VPH de alto risco ten efectos similares nos homes e para ver se a vacina contra este virus pode previr mortes por enfermidades cardíacas. Os científicos coreanos aseguran que, de confirmarse, a vacinación podería ser unha “estratexia importante” para reducir os riscos cardiovasculares a longo prazo. “É importante recordar que moitos virus teñen vacinas. Isto facilita que, ao vacinarse, as persoas poidan diminuír os riscos. Xa sabemos que vacinarse da gripe diminúe as posibilidades de ter un infacto ou un ictus, pero isto hai que recordalo a miúdo porque á xente esquéceselle”, conclúe Pérez-Villacastín.


Referencia: Human papillomavirus infection and cardiovascular mortality: a cohort study (Publicado en European Heart Journal)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia amplía ata os 25 anos a vacinación en varóns contra o virus do papiloma humano

A medida impulsada pola Dirección Xeral de Saúde Pública, que entrará en vigor o 25 de maio, consistirá na administración dunha soa dose

Doce factores que explican por que están aumentando as infeccións de transmisión sexual

Cada día, máis dun millón de persoas en todo o mundo contraen unha ITS e, por desgraza, estas cifras van en aumento

Un equipo galego sinala Ozempic como aliado para previr doenzas cardiovasculares

A semaglutida, un fármaco antidiabético, mellora a sensibilidade á insulina e reduce os depósitos de graxa arredor do miocardio

A Xunta amplía ata os 21 anos a vacina contra o papiloma humano

A Consellería de Sanidade achegará enfermeiros aos centros de educación para aumentar o número de inmunizados e para mellorar a conciliación