A Universidade de Vigo dedicará o mes de febreiro a dar visibilidade ao traballo das súas investigadoras e científicas e a fomentar as vocacións entre as xeracións máis novas, no marco do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, que se celebra o 11 de febreiro en todo o mundo. A institución viguesa deseñou un amplo programa de actividades como obradoiros, feiras divulgativas, charlas e certames, que permitirán dar a coñecer a ciencia que se está a levar a cabo dentro da UVigo e achegar referentes femininos no campo da I+D.
As diferentes propostas están impulsadas principalmente polas propias docentes e investigadoras, os centros de investigación, as facultades e escolas da UVigo, así como pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i), en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y Tecnología (FECYT), do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e a Unidade de Igualdade.
Charla interxeracional no edificio Redeiras
As actividades arrancaron o pasado venres, día 2 de febreiro, cunha charla interxeracional organizada pola UCC+i co obxectivo de poñer en contacto a catro investigadoras de diferentes xeracións para compartir as súas experiencias como mulleres na ciencia. As convidadas foron Nair Varela, investigadora en evolución do cancro do CINBIO; Sara Albán, doutora en Filoloxía Inglesa; Emma Torres, decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación; e Inés Celia Iglesias, catedrática de Dereito Procesual da UVigo. Moderará o debate Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación e tamén asistirán Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais e Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade.
Elas Fan CienTec
A actividade central no campus de Vigo será o programa de obradoiros Elas Fan CienTec, que chega á súa oitava edición e terá lugar o xoves 8 de febreiro. Alumnas de catro institutos da provincia de Pontevedra visitarán varios centros de investigación e facultades do campus para coñecer o traballo que as investigadoras levan a cabo nos seus laboratorios. En concreto, as estudantes do IES Castelao visitarán o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, onde poderán escoller entre sete talleres, que inclúen dende preparación de nanopartículas de ouro e a comprobación das súas propiedades ópticas, a exploración dos conceptos de quiralidade e biomimetismo, o estudo das enfermidades raras, a síntese de nailon, a busca de neurocircuítos, ou a visualización de células inmunitarias.
A EE Industrial acollerá ás mozas do IES Alexandre Bóveda, para realizar obradoiros de termografía infravermella ou de deseño e prototipado, e as alumnas do IES de Mos terán como destino a EE de Minas e Enerxía, para aprender a recoñecer minerais ou participar na xincana Science Games: Catching Fire e no concurso grupal The Wall. Pola súa banda, as alumnas do IES de Valadares repartiranse entre a EE de Telecomunicación, onde realizarán dende unha sesión de detectives de imaxes ata un taller de programación dun xogo con Scratch e outro de programación web, e o Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico á Investigación (CACTI), onde participarán en obradoiros que abranguen dende a separación e identificación de microplásticos na area da praia ata xogos para achegar as nenas ao mundo da microscopía.
Este programa, organizado por docentes e investigadoras da Universidade, conta co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación e a Unidade de Igualdade.
eXXperimenta en Feminino
Outra das actividades centrais do 11F na UVigo é a feira divulgativa eXXperimenta en Feminino. VII Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. A cita, aberta a alumnado de toda a provincia de Ourense e ao público xeral, celebrarase o día 16 de febreiro entre as 10.00 e as 18.00 horas no edificio Politécnico do campus ourensán e nos seus arredores, onde as persoas que se acheguen atoparán 14 postos nos que poderán realizar experimentos e coñecer as titulacións STEM que se imparten no campus.
VIII Concurso escolar de creación artística
Tamén no campus de Ourense, a Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática impulsan unha nova edición do Concurso Escolar de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Esta iniciativa está aberta a alumnado de terceiro a sexto de Educación Primaria e de Educación Secundaria Obrigatoria de centros educativos ourensáns, que presentaron os seus traballos sobre a muller na ciencia e na enxeñaría antes do 22 de xaneiro. A finalidade da proposta, que conta co apoio da Unidade de Igualdade, é a promoción do coñecemento por parte do alumnado do papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e dar visibilidade ás súas achegas á sociedade.
Charlas en centros educativos de toda Galicia
A programación do 11F inclúe tamén unha serie de charlas e relatorios que preto de 60 investigadoras da Universidade de Vigo impartirán ao longo da primeira quincena do mes de febreiro en centros educativos de toda Galicia. En total, levaranse a cabo máis de medio cento de charlas e obradoiros presenciais sobre o seu traballo e sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía. Estas enmárcanse na Iniciativa 11 de febreiro, que se organiza no ámbito nacional con motivo desta efeméride, e contan co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación na súa xestión.
Cámara aberta de Cintecx ás mulleres STEM
O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, tamén se une a esta efeméride e convida a investigadoras e estudantes do ámbito STEM a contar a súa experiencia nunha ‘Cámara Aberta’, un espazo no que poderán relatar as súas vivencias, tanto da súa etapa escolar como da carreira científica-tecnolóxica. Estas experiencias serán difundidas en formato vídeo co obxectivo de que poidan contribuír a fomentar as vocacións científicas femininas entre as estudantes de secundaria e bacharelato. O evento levarase a cabo do 14 ao 16 de febreiro de 9.00 a 15.00 horas no propio centro.
Conectando en igualdade: a transformación do futuro tecnolóxico
Pola súa banda, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, tamén se suma á celebración co ciclo Conectando en igualdade, que se centrará na intelixencia artificial e contará coa participación de varias mulleres expertas neste eido que abordarán cuestións relacionadas coa igualdade. Esta actividade, que conta co apoio da Unidade de Igualdade, terá lugar o xoves 22 de febreiro de 11.00 a 13.30 horas na sala 1 do edificio Miralles e tamén se poderá seguir en directo a través de UVigo-TV.
Entrega dos premios GirlGeekPower e Marie Tharp
Coincidindo coa celebración do 11F nas próximas semanas entregaranse os premios GirlGeekPower, impulsados pola Cátedra Feminismo 4.0 DEPO-UVigo e os premios Marie Tharp do CIM. Os primeiros recoñecen alumnas destacadas do ámbito das STEM na Universidade de Vigo como unha forma de incentivar, apoiar e fomentar este tipo de estudos entre as mozas e comprende un primeiro premio e un accésit por cada unha das dúas categorías (Ciencias e Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura). A data de entrega está por confirmar.
No que atinxe aos Premios Marie Tharp, creados polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), están dirixidos a mulleres investigadoras predoutorais e postdoutorais do centro que quixesen contar o seu traballo nunha peza audiovisual dun minuto de duración. As gañadoras desta segunda edición daranse a coñecer tamén en próximas datas.
Mulleres Nobel en Economía
Para conmemorar esta celebración, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, ten previsto a colocación dun roller para poñer en valor ás mulleres que obtiveron o premio Nobel en Economía. Dos 93 investigadores que recibiron este galardón, soamente tres son mulleres: a estadounidense Elinor Ostrom (2009), a francesa Esther Duflo (2019) e a estadounidense Claudia Goldin (2023). A colocación realizarase o venres 9 de febreiro na entrada do edificio e estará durante varias semanas no centro.
Charla para mulleres do proxecto Non hai fronteiras
A programación complétase coa charla que Verónica Salgueiriño, líder do grupo de Nanomateriais Híbridos do CINBIO, ofrecerá ás mulleres do proxecto Non hai fronteiras, promovido polo Plan Comunitario do barrio de Teis de Vigo o 5 de febreiro ás 17.00 h. No relatorio falaralles do seu traballo como investigadora no ámbito dos nanomateriais magnéticos para aplicacións biorrelacionadas e previamente as participantes tamén terán a oportunidade de coñecer a súa historia a través do libro ilustrado Quero ser investigadora 3 da UCC+i da UVigo.