Xoves 25 Abril 2024

O Internet das cousas para evitar perdas de leite e auga

As perdas económicas ocasionadas polas fugas, avarías eléctricas e outros obstáculos inesperados son unha dor de cabeza para moitos empresarios e Administracións Públicas. Desde o gandeiro que ten que tirar polo desaugadoiro litros e litros de leite debido a problemas de refrixeración, ata o Concello que ve como os seus veciños quedan de súpeto sen auga debido a cortes de subministro. En Galicia hai quen xa solucionou parte destes problemas grazas a Data Monitoring, unha empresa que utiliza o coñecido como Internet das Cousas (IoT, polas súas siglas en inglés), como unha ferramenta de xestión que alivia estas preocupacións.

O xerme de Data Monitoring, que impulsaron Gonzalo Abuín, Germán Feijoo e Germán Corral, botou a andar hai uns anos. Dous dos socios levaban tempo investigando sobre o IoT, probando con diversos microcontroladores, programas e ferramentas. De aí saíron varios prototipos; entre eles, un que permitía controlar a humidade e a temperatura dunha cámara frigorífica mediante unha rede wifi.

Publicidade

Os comezos

Todo comezou, segundo lembran os seus creadores, nunha explotación gandeira de Vilalba. “Solicitáronnos o desenvolvemento dun sistema para o control de temperaturas do seu tanque refrixerado, onde se almacena o leite despois de cada muxidura, xa que estaba a ter algúns problemas, e ademais o cliente ao que vendía o leite, unha coñecida industria queixeira, esixíalle un maior control e rigor”.

Prepararon un prototipo “e nunha semana tiñámolo instalado”. E empezaron con bo pé. “Os veterinarios que adoitaban visitar a explotación preguntaron quen fabricara o aparello, porque lles parecía unha ferramenta de gran valor, e facilitaríanlle moito o seu traballo se tivesen acceso aos datos rexistrados”, lembran.

Viron, por tanto, que o sector podía ter moito interese na idea, así que abriron a porta á comercialización. Desde a propia fábrica de queixos, ata outros gandeiros e as empresas de servizos veterinarios viron no xerme de Datalact unha ferramenta moi interesante para traballar.

Ao estudar o mercado, os socios viron que eran pioneiros, así que idearon o prototipo de Datalact para xestionar as explotacións leiteiras. E coa chegada do director de operacións, César González, o xerme o proxecto ampliou os seus horizontes. A el uniríase despois Luís Espinoza, programador sénior.

“Tivemos unha reunión cun alcalde, e comentámoslle o que faciamos co sector leiteiro. Gustoulle a idea, e preguntounos se seriamos capaces de controlar niveis de auga en depósitos de consumo”. E así naceu o segundo dispositivo, Datawater, co que ao mesmo tempo naceu o que bautizaron xa como Data Monitoring.

Na actualidade, a empresa ofrece servizos tamén ao sector da refrixeración. “Os tres sectores teñen unhas necesidades comúns que se centran en evitar perdas de produto, xerar aforros controlando consumos, e garantir a trazabilidad da cadea alimentaria no caso do leite e dos produtos que se almacenan nas cámaras frigoríficas e a salubridade no caso da auga”, explican os empresarios.

Problemas…

Así, segundo explican desde Data Monitoring, a xestión de recursos como o leite e a auga adoitan presentar diversos problemas: perda do leite almacenado nos tanques por falta de control de temperaturas, elevados tempos de resposta ante cortes eléctricos, problemas para garantir a trazabilidade do alimento ao non ter rexistro constante de temperaturas; desabastecemento pola falta de control de niveis de auga, ausencia de control de valores de cloro, ou os gastos ocasionados por desprazamentos diarios a depósitos.

… E solucións

Fronte a isto, o proxecto deste equipo de emprendedores galegos ofrece solucións. Por unha banda, o aforro económico, controlando as temperaturas e evitando que se produza condensación – no caso do leite -, e, no caso da auga, alertando de cando se produce un descenso de nivel dos depósitos, o que permite desactivar ou activar as bombas de auga ante posibles roturas en tubaxes.

Desta forma tamén se garante a trazabilidade do produto, o que permite certificar a calidade do leite en orixe; así como a salubridade da auga mediante o control do cloro.

Todo iso, unido á flexibilidade e adaptación dos servizos de Data Monitoring a cada cliente, redunda nunha maior tranquilidade para quen contrate os seus servizos, xa que estará ao tanto de calquera inconveniente, evitando o atraso na reacción que podería provocar perdas económicas importantes.

Data Monitoring conta xa con case 30 clientes en Galicia e prepara a súa expansión

Con esta carta de presentación, non tardou en correrse a voz sobre a efectividade de Data Monitoring. Hoxe xa son case 30 clientes en Galicia, entre o sector gandeiro e as administracións municipais. E xa están a preparar a súa expansión para comercializar o produto noutras zonas da Península.

E seguen á caza de novas necesidades nas industrias e institucións públicas. “Unha idea que nos rolda a cabeza a curto prazo ten que ver coa formación. Os nosos dispositivos están baseados en IoT e rexistran multitude de datos que serán a base de futuras análises (Big Data). Por iso vai existir unha crecente demanda de formación de calidade sobre estes aspectos, aínda novos, para un amplo conxunto de profesionais que utilizan e utilizarán as nosas solucións”.

Recoñecementos

Desde que a empresa deu os seus primeiros pasos, foron varias as iniciativas que recoñeceron o seu traballo. Data Monitoring foi unha das 16 escollidas na quinta edición de ViaGalicia, aceleradora impulsada pola Zona Franca de Vigo e Xunta de Galicia.

A empresa recibiu tamén un premio no proxecto Wonderful, un ciclo de eventos que se desenvolve en diversos puntos de España para recoñecer iniciativas que achegan beneficios á sociedade.

E ultimamente tamén recibiron outra nova noticia, xa que foron un dos seis gañadores en TheHop, un programa de emprendemento cooperativo co que empresas de diversos sectores traballarán de forma conxunta dentro do ecosistema de Estrela Galicia.

Así mesmo, Data Monitoring participa tamén nun Grupo Operativo da Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural. “É un proxecto que nos fai especial ilusión, porque o proceso é moi competitivo; somos conscientes da importancia que ten para a Xunta de Galicia potenciar o sector lácteo galego, que cada vez se recoñeza máis a gran calidade dos seus produtos”.

Ademais, mediante os dispositivos Datalact, a empresa participará no proxecto “Control de procesos usando tecnoloxías dá internet para a conservación do leite nas explotacións”, que se instalarán en diversas granxas galegas para conseguir unhas medicións máis precisas que garanten a calidade dos datos recolleitos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

De beber? Auga, pero que sexa reciclada, por favor

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de Quizais aínda non o saiba pero, do mesmo...

Unha nova metodoloxía de alta resolución cuantifica os micro e nanoplásticos na auga

A técnica identifica partículas plásticas extremadamente pequenas e os aditivos químicos que se liberan dentro das botellas

LIA (2), pioneiros galegos no desenvolvemento da intelixencia artificial na astronomía

O grupo da UDC recibiu o Premio Spin-Off PuntoGal na edición 2023 pola súa traxectoria de éxito

A Limia asfíxiase coa instalación de 42 pozos para regadíos: “Non hai auga, os ríos están secos”

Tres sociedades científicas presentaron alegacións contra o proxecto por poñer en risco a biodiversidade e o patrimonio natural