Galicia rexistra o primeiro caso da península dunha lagarta que se alimenta de néctar

Dous científicos documentaron o fito na especie 'Podarcis lusitanicus' durante unha observación en Porto do Son no verán pasado

Galicia rexistra o primeiro caso da península ibérica dun lagarto de pequeno tamaño que se alimenta de néctar. Este é achado que veñen de publicar César Ayres e Vanesa Patao na revista Braña da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). En concreto, este curioso feito tivo lugar en Porto do Son durante o pasado verán cun exemplar de lagarta lusitánica (Podarcis lusitanicus).

Ante a “escaseza de recursos as poboacións insulares de lacértidos semellan optar pola estratexia da nectarivoría para a súa alimentación”, contextualizan no artigo. Após de rexistrarse varios casos en diversas illas e só un en Europa continental con especies como a lagarta balear (Podarcis lilfordi), a ibicenca (P. pityusensis) ou a roqueira (P. murais), os autores galegos conseguiron documentar este comportamento nun exemplar endémico do noroeste da península.

Publicidade

Ignorar presas potenciais

Segundo relatan os científicos no seu artigo publicado na revista Braña, o fito tivo lugar o pasado 10 de agosto de 2024 na praia coruñesa de Castro Baroña. “Está rodeada de matogueira dominada por toxo e silveiras. A planta dominante neste lugar é o fiúncho marítimo (Crithmum maritimum), con algunhas manchas da cana invasora (Arundo donax)”, explican no texto. Durante a súa investigación polo areal os autores atoparon exemplares de lacértidos na zona como o escáncer (Anguis fragilis) e o lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi), entre outros.

Mais a súa atención recalou nunha lagarta lusitánica que estaba trepando un fiúncho. “A primeira ollada semellaba que o lacértido tentaba atrapar algún dos insectos que estaban a alimentase do néctar, pero ignorounos e procedeu a alimentarse do néctar”, relatan no artigo. Tras un primeiro intento frustrado para documentalo, os investigadores presenciaron un segundo momento semellante.

Publicidade

“Un exemplar inmaturo de lusitánica subiu a mesma mata C. maritimum e, ignorando a presenza de presas potenciais, procedeu a trepar ata as flores e alimentouse do néctar por máis de 10 minutos”, aseguran. O momento foi capturado cunha imaxe do exemplar sobre o fiúncho.

Primeiro caso en poboacións continentais da península

A nectarivoría “semella común en poboacións insulares de lacértidos”, mais so existe un caso rexistrado en poboacións continentais de Europa, aseguran os científicos. Así, despois de estudar este comportamento en lugares como as Illas Baleares, Canarias e mesmo no illote Redondela en Galicia, con exemplares de P. Lidfordi e P. bocagei, este feito “sería o primeiro para a lagarta lusitánica e tamén para o xénero Podarcis en poboacións continentais da península ibérica”.

Este achado baséase na hipótese de que “este comportamento representa a explotación dun recurso estacional abundante” como é a produción de néctar nos fiúnchos durante finais de xullo e principios de agosto. Isto abre a porta a ampliar os estudos de dieta dos lacértidos ibéricos no continente.


Referencia: Primeira observación de nectarivoría de Podarcis lusitanicus na Península Ibérica (Publicado en Braña)

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha curtametraxe sobre os tesouros agochados baixo o mar da Mariña-Ortegal conquista Donosti

O biólogo focense Carlos Gil dá a coñecer a biodiversidade dos fondos galegos cun galardón no Ciclo Internacional de Cine Submarino de San Sebastián

Os premios Zendal galardoan avances en terapia xénica e diagnóstico de infeccións no gando porcino

A VII edición do certame recoñece dous proxectos de investigación que abren novas vías fronte a enfermidades priónicas e o uso responsable de antibióticos en animais

Tecnoloxía e psiquiatría únense para crear un banco de datos para investigar a saúde mental na adolescencia

Un equipo de atlanTTic, xunto con profesionais sanitarios, desenvolve VisIA-Q, un conxunto de información clínica e psicométrica de 207 adolescentes

A galega Gradiant desenvolve un modelo de atención integrada para os pacientes con feridas crónicas

A ferramenta creada polo centro tecnolóxico, en colaboración co IIS Galicia Sur, busca ofrecer unha asistencia máis personalizada, coordinada e eficiente