Un individuo de lagarto arnal (Timon lepidus) móvese polo monte Iroite, cumio da serra do Barbanza na procura de alimento. Albisca un parente, tamén da suborde dos lacertilios, que na evolución perdeu as súas patas; é o liscanzo, ou escáncer (Anguis fragilis), un réptil moi habitual na xeografía galega, completamente inofensivo. E desátase entón un duelo que é toda unha lección de supervivencia. A imaxe conseguiuna captar Enrique Martínez, do portal de divulgación Ría de Noia, dedicado a difundir a natureza da contorna desta localidade.
O lagarto atrapa coa mandíbula ao liscanzo, que se comeza a revolver para fuxir. E de súpeto, obsérvase a autotomía, un dos mecanismos de defensa que utilizan algúns animais, como lagartos e artrópodos, para protexerse dos depredadores. Tal e como explica Enrique Martínez, o escáncer pode desprenderse dunha parte da súa cola para distraer ao atacante e fuxir.
Durante uns minutos, o lagarto mantén atrapado o liscanzo na súa boca, baixo a mirada doutro compañeiro. Pero a captura non acabou con éxito. Martínez apunta que a presa era demasiado dura e voluminosa para o lagarto. Finalmente acaba desistindo, e o liscanzo queda libre.
Graza, bon traballo e a continuar!!!!