Os positivos detectados no Barbanza representan o primeiro dos focos na fase de
Os positivos detectados no Barbanza representan o primeiro dos focos na fase de "nova normalidade" en Galicia.

Focos e rebrotes en Galicia: un risco real nas vindeiras semanas

Os contaxios detectados no Barbanza obrigan a activar o seguimento de contactos e a poñer en corentena a arredor dun cento de persoas

O brote detectado nos últimos días na comarca do Barbanza fixo patente que o risco de que o SARS-CoV-2 volva circular por Galicia despois da primeira onda epidémica está presente. Ao tempo, Aragón vivía o primeiro retroceso na chamada “nova normalidade” en España debido á transmisión detectada en varios municipios de Huesca, devolvendo á fase 2 a tres comarcas da provincia. O levantamento das restricións de mobilidade, que xa están levando a Galicia a un importante número de visitantes, preocupa en todo o territorio estatal, onde hai 12 focos activos na actualidade, dos 36 detectados nos últimos días en España, segundo detallou este luns Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas y Emergencias Sanitarias (CCAES).

A nova estratexia de detección precoz, vixilancia e control da Covid-19 ditada polo Ministerio de Sanidad, e actualizada o pasado martes de 16 de xuño, contempla o protocolo para evitar a reaparición de grandes focos de contaxio. Neste sentido, tal e como veñen apuntando as autoridades unha vez superada a fase aguda da pandemia, é probable a detección de novos casos, en parte porque desde outros países onde a ‘curva’ está medrando se poden producir desprazamentos cara a Galicia, facendo escala noutras partes de España ou Portugal.

Que se sabe do foco do Barbanza?

A orixe do foco está nun caso importado que chegou a Galicia desde Brasil a comezos de xuño vía Portugal, segundo explicaron na comparecencia do domingo Antonio Fernández-Campa García-Bernardo, xerente do Sergas, e Andrés Paz-Ares Rodríguez, director xeral de Saúde Pública. A persoa que portaba o virus, segundo se desprende das informacións achegadas desde a Consellería de Sanidade, puido ser asintomática ou paucisintomática (con síntomas moi leves). Deu negativo na PCR que se lle fixo unha vez se coñeceu o brote, pero positivo na proba serolóxica de anticorpos IgG, o que significa que xa pasara a infección. Porén, o primeiro dos casos detectados foi o dun familiar que comezou a manifestar síntomas a semana pasada e o venres deu positivo na proba PCR, cuxo caso activou o protocolo.

A partir de entón púxose en marcha o procedemento de control e vixilancia epidemiolóxica, co que se trazaron os contactos directos destas persoas. O domingo, Sanidade informou de que había nove persoas que deran positivo na PCR. Este luns, a Consellería apuntou que se realizaran outras 82 probas, das que 74 foron negativas e oito seguen pendentes de resultado. Os casos positivos correspóndense co entorno familiar e de amizade da persoa que foi orixe do foco. Non se detallou o número de persoas que están baixo seguimento por contacto directo coas persoas que desenvolveron a infección. Con todo, tal e como destacan as autoridades, o actual esforzo na detección precoz fai aflorar, con moita probabilidade, un número de casos moito máis achegado ao real ca noutros momentos de propagación do virus.

A situación xerou preocupación na comarca, e mesmo obrigou a modificar a axenda de actos prevista para as festas do San Xoán. O Concello da Pobra do Caramiñal, onde reside unha das persoas afectadas polo foco, suspendeu a celebración de fogueiras na praia dos Areos “por precaución sanitaria”. “Non se pode ter a certeza absoluta de que ningún caso escapou a este control”, expoñen.

Hai máis focos en investigación?

Este luns pola mañá Sanidade expuxo que ata ese momento non se estaban investigando novos focos en Galicia. Con todo, o pasado sábado, cando xa se coñecía internamente o posible foco no Barbanza, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, expoñía na Radio Galega que xa se detectaran positivos de persoas que que chegaran a Galicia desde Sudamérica (vía Madrid) e Guinea (vía Oporto).

Este luns, a actualización do Ministerio de Sanidade non informou de ningún caso novo en Galicia, como se pode ver baixo estas liñas.

En canto aos casos activos en Galicia, a tendencia nos últimos días parece frear o descenso sostido de datas anteriores, aínda que a gran maioría dos casos (case o 99%), son persoas atendidas no domicilio. Dos 343 casos en seguimento, 110 están na área da Coruña-Cee, 17 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 24 na de Ourense-Verín-O Barco, 8 na de Pontevedra-Salnés, 138 na área de Vigo, 34 na de Santiago-Barbanza e 12 na de Ferrol. Así está a situación desde o 1 de xuño:

Como se actuará ante un posible rebrote?

A estratexia do Ministerio de Sanidad establece, ademais da obriga de realizar unha proba PCR aos casos sospeitosos nas primeiras 24 horas, facer un seguimento exhaustivo aos contactos estreitos. Catalóganse así a aquelas persoas que estiveran coidando a algún dos casos (persoal sanitario ou sociosanitario sen medidas de protección axeitadas, membros familiares ou persoas que tiveran un contacto semellante); calquera persoa que compartira espazo cun caso a menos de dous metros durante máis de 15 minutos, e as persoas que compartiran tren, avión ou outro medio de transporte de longo percorrido, sempre que sexa posible á identificación dos viaxeiros, a calquera persoa situada nun radio de dous asentos arredor do caso e á tripulación ou persoal que tivera contacto co citado caso. O tempo que se considerará para seguir estes contactos establécese desde dous días antes do inicio de síntomas ata o momento do illamento do caso. Nos asintomáticos confirmados por PCR, os contactos buscaranse desde dous días antes do diagnóstico.

Todas estas persoas (aínda que non desenvolvan ningún tipo de síntomas) deberán gardar corentena durante os 14 días posteriores ao último contacto co caso confirmado, extremando as precaucións de hixiene, distancia social e protección. Ademais, Sanidad recomenda a PCR a todos estes contactos para detectar de forma precoz posibles focos secundarios que poidan desenvolver cadeas de transmisión comunitaria. O Sergas mantén activa a súa central de Seguimento de Contactos (CSC), coa que contacta de forma periódica con estas persoas para detectar a posible aparición de síntomas.

O director xeral de Saúde Pública advertiu o domingo da necesidade de ser moi estrito nas precaucións cos contactos estreitos: “Aínda que a PCR sexa negativa, non se levanta a corentena nos 14 días posteriores ao último contacto co caso confirmado, porque se pode dar unha situación de falsa seguridade. Un resultado negativo non significa que xa se pode saír á rúa”, dixo Andrés Paz Ares.

Todos os detalles poden consultarse no documento (PDF) do Ministerio de Sanidad.

Poderían illarse zonas concretas de Galicia?

Si. Os primeiros exemplos na “nova normalidade” xa se viron nas comarcas oscenses de Cinca Medio, Bajo Cinca e La Litera, que concentran os focos vinculados a empresas agrícolas, e tamén de transmisión familiar, e que limitaron de novo a mobilidade da cidadanía debido ao risco de transmisión comunitaria. En Galicia, como xa se ten apuntado nalgún momento da crise desde o Sergas, está sobre a mesa a posibilidade de pechar áreas concretas afectadas por focos.

Un teléfono para os visitantes con síntomas

Ante a crecente afluencia de turistas (que os propios expertos sinalan como un dos principais riscos de rebrote), o Sergas activou un número de teléfono (881 00 20 21) para as persoas que visiten Galicia e presenten síntomas da Covid-19 durante a súa estancia para “extremar o diagnóstico precoz no territorio galego. A liña, segundo expón a Xunta, “pretende facilitar que calquera persoa que visite Galicia nas vindeiras datas, e presente síntomas, poida contactar dun xeito sinxelo cos profesionais do Servizo Galego de Saúde e que estes podan decidir dun xeito áxil tanto á realización das probas de detección da covid-19 que consideren necesarias, como o seu tratamento, no caso de ser preciso”.

Precaucións

Con todo, como insisten as autoridades sanitarias, o principio de precaución é a clave principal para evitar contaxios. Deste xeito, insístese en manter de forma estrita a hixiene, a distancia social e o uso de máscara sempre que sexa posible.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.