A perda de olfacto e gusto relaciounouse coa Covid-19 despois das primeiras etapas da crise.
A perda de olfacto e gusto relaciounouse coa Covid-19 despois das primeiras etapas da crise.

Por que se perde o olfacto e o gusto ao padecer a Covid-19?

O autor explica no texto os mecanismos mediante os que o SARS-CoV-2 pode afectar aos tecidos olfactivos e gustativos durante a infección

* Un artigo de

Quen perdese o olfacto nas últimas semanas debe saber que é posible que tivese unha infección oculta polo virus que produce a enfermidade Covid-19 e aínda non o saiba.

Os síntomas máis coñecidos da Covid-19 son a fatiga, a conxestión nasal e a tose, co inconveniente de que non permiten distinguila dun arrefriado común ou unha gripe. Con todo, a infección polo virus SARS-CoV-2 tamén produce en moitas persoas unha perda de olfacto (anosmia) e do gusto (disxeusia), que moitas veces pasan desapercibidos para o paciente e tamén para moitos médicos. Moitas persoas ignoran que a anosmia adoita ser uns dos síntomas iniciais e, por tanto, pode axudar moito á identificación de persoas portadoras do virus en fase iniciais da enfermidade.

Non lle sabe (nin lle ole) nada

A anosmia, e tamén as alteracións do gusto, describíronse tanto en pacientes graves hospitalizados pola Covid-19 en Italia, como en pacientes con síntomas leves que non necesitaron hospitalización en Estados Unidos. Agora sabemos que arredor do 70% das persoas que son infectadas polo virus presentan anosmia ou disxeusia, aínda que só teñan unha infección leve. Por tanto, na situación de pandemia actual, unha persoa con fatiga, tose e perdida de olfacto é sospeitosa de ter unha infección por Covid-19.

Por que se perde o olfacto debido á infección?

Para entendelo é preciso coñecer a forma en que o virus se coa nas nosas células, e tamén cales son as súas portas de entrada favoritas no corpo humano.

O virus SARS-CoV-2 utiliza basicamente dúas proteínas da superficie das células para entrar nelas: ACE2 (‘Angiotensin converting enzyme II’) e TMPRSS2 (‘transmembrane serine protease 2‘). A proteína ACE2 é o receptor para unha hormona chamada Anxiotensina 2, que entre outras cousas regula a presión arterial.

Pola súa banda, o virus conta cunha proteína esencial na súa superficie chamada proteína S (spike). Funciona como unha chave que pode unirse á proteína ACE2, o receptor ou “fechadura”. Nese momento entra en acción a proteasa TMPRSS2, unha encima que corta a proteína S en dous fragmentos, S1 e S2, o que permite a incursión do virus mediante un proceso coñecido como endocitosis. Unha vez que o virus entra nas células forma unha cuberta coa membrana celular coma se fose un escudo que a suxeita, “agarrándose” á receptores ACE2. E así ten vía libre para invadirnos.

Por que infecta o epitelio olfatorio?

O teito das fosas nasais está tapizado de epitelio olfatorio, un tecido formado por 3 tipos de células: células basais, neuronas sensitivas olfactivas (que sobreviven entre 30 e 60 días) e células de soporte. O que ocorre con SARS-CoV-2 é que ten unha especial facilidade para meterse nas entrañas destas células.

Analizando a expresión dos xenes destas células, os científicos descubriron que as células de soporte presentan unha elevada expresión dos xenes ACE2 e TMPRSS2, segundo adianta un estudo recente que se atopa en revisión. Aínda que é necesario validar estes resultados para confirmar a localización destas proteínas na membrana das células de soporte, cabe sospeitar que o SARS-CoV-2 infecta as células de soporte do epitelio olfatorio utilizando as proteínas ACE2 e TMPRSS2 como porta de entrada. Desta forma, produce un dano nas células de soporte que, posteriormente, afectaría as neuronas sensitivas olfatorias.

O sentido do gusto é outra vítima. A sensación que nos permite distinguir os sabores ao comer atópase nunhas estruturas da lingua, as papilas linguais. Estas papilas teñen uns receptores denominados xemas gustativas formadas por tres tipos de células: células receptoras gustativas, células de soporte e células precursoras ou basais. Aínda que non se coñece aínda o nivel expresión das proteínas ACE2 e TMPRSS2 nas papilas linguais, é probable que o virus infecte nas xemas gustativas da mesma forma que o fai no nariz.

Unha perda reversible

A boa noticia é que é posible recuperar tanto o sentido do olfacto como o sentido do gusto. De que así sexa ocúpanse no nariz as células basais, que son as encargadas de volver formar as neuronas sensitivas olfatorias. Neste proceso tardaríanse uns 60 días, polo que, unha vez superada a enfermidade, a maioría dos pacientes deberían de recuperar o olfacto nun prazo máximo de 2 meses.

En canto ás células receptoras gustativas, rexenéranse a partir das células precursoras cada 10-14 días. Por tanto é previsible que o gusto se recupere antes que o olfacto.

O que está claro é que, na situación epidemiolóxica actual, a anosmia e a disxeusia de recente comezo deben ser considerados como síntomas de alerta temperá, mesmo en ausencia doutros síntomas respiratorios, para identificar novos casos de infección por SARS-CoV-2.


DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.