Estudar as plantas nos ambientes máis extremos do mundo para poder mellorar a agricultura do futuro. O profesor galego da Universidade das Illas Baleares Xurxo Gago Mariño suma máis de seis meses traballando sobre os “tres polos do planeta” —Ártico, Antártida e Himalaia— nos últimos 12 anos. O investigador, orixinal da Pobra do Caramiñal, volve da súa última campaña na Antártida e nos Andes tras avanzar no seu proxecto sobre a capacidade fotosintética en relación coa tolerancia ao estrés ambiental das especies vexetais.
Trátase do terceiro proxecto nacional dunha liña de investigación a longo prazo que levou a Gago a realizar traballos de campo en lugares remotos. Entre outros, estivo no arquipélago Svalbard (no alto Ártico), Groenlandia, a Antártida ou mesmo o Himalaia, a 4.500 metros sobre o nivel do mar. “Son un apaixonado da natureza e poder traballar con especies tan difíciles é todo un desafío que non sempre se ten en conta nos estudos en laboratorio”, destaca.
Proxectos nacionais
O profesor leva dende 2013 estudando a relación da capacidade fotosintética e a tolerancia aos ambientes extremos das plantas. “No primeiro proxecto propuxemos a idea, e comprobamos que existe unha relación negativa da disposición das plantas para sobrevivir e producir nestes lugares. É dicir: aquelas especies que teñen unha alta tolerancia aos ambientes máis límites —secas, xeadas ou altas radiacións, entre outros— non crecen moito”, explica.







O segundo proxecto nacional centrouse naquelas que “parecían que podían romper coa relación negativa contrastada no anterior traballo”, tratando de entender os mecanismos que as facían que creceran mellor nos ambientes máis límites. Para afondar nisto, esta última investigación pon o foco en dúas especies nativas da Antártida: Colobanthus quitensis e Deschampsia antarctica. O equipo quixo analizar a súa tolerancia non só á deshidratación, senón tamén a outros factores ambientais “que definen a produtividade no planeta”, como as temperaturas extremas e a alta radiación.
Investigación na Antártida e nos Andes
Así, o 16 de xaneiro o profesor Mariño chegou co resto do equipo a Antártida para desenvolver sobre o campo este último proxecto nacional. “Contamos cunha gran colaboración tanto do país como doutras partes do mundo, o que nos permite poder realizar os estudos de campo en moitos lugares do planeta”, detalla. Deste xeito, a última campaña percorreu as bases de Arxentina e Corea da Antártida e, tras un pequeno período de tempo na baía Fildes “por temas loxísticos”, voaron a Punta Arenas (Patagonia) e “aproveitamos para poder ir ao Parque Nacional Torres de Paine, nos Andes chilenos”.
Os datos obtidos a través dunha metodoloxía de elaboración propia servirán para mellorar a agricultura do futuro. “Destes estudos podemos aprender as mellores relacións anatómicas entre diferentes orgánulos nas células da folla para dirixir a capacidade fotosintética así como a tolerancia a o estrés. Tamén estamos definindo cales son as rutas bioquímicas máis eficientes en termos de carbono, nitroxenado e enerxía para producir capacidade antioxidante”, explica GagoMariño.
Agricultura do futuro
O obxectivo a longo prazo “é mellorar estes aspectos sen comprometer a capacidade produtiva da planta”. “De nada servirá na agricultura futura que unha especie vexetal sexa tolerante a ambientes extremos, como os que se agardan que se dean co cambio climático, se non ten unha boa capacidade de produción“, conclúe o profesor.
Referencias:
Photosynthesis Optimized across Land Plant Phylogeny (Publicado en Trends in Plant Science).
How do vascular plants perform photosynthesis in extreme environments? An integrative ecophysiological and biochemical story (Publicado en The Plant Journal).
Nutrient availability regulates Deschampsia antarctica photosynthetic and stress tolerance performance in Antarctica (Publicado en Journal of Experimental Botany).
Low-temperature tolerance of the Antarctic species Deschampsia antarctica: A complex metabolic response associated with nutrient remobilization (Publicado en Plant, Cell & Environment).
Cytochrome respiration pathway and sulphur metabolism sustain stress tolerance to low temperature in the Antarctic species Colobanthus quitensis (Publicado en New Phytologist).
O traballo de Xurxo Gago Mariño, que investiga a tolerancia das plantas en ambientes extremos como a Antártida e os Andes, destaca polo seu enfoque innovador e o seu potencial para mellorar a agricultura do futuro. A través dunha metodoloxía propia, Gago e o seu equipo buscan optimizar a capacidade fotosintética e a tolerancia ao estrés das plantas sen comprometer a súa produtividade, un aspecto clave no contexto do cambio climático. Mais, o artigo podería afondar máis nos resultados e aplicacións concretas das súas investigacións, así como nos métodos científicos empregados, para proporcionar unha comprensión máis completa do impacto do seu traballo. A pesar diso, a dedicación e o alcance global da investigación son destacables, amosando un compromiso real coa sostenabilidade agrícola.