Unha paciente con neuroblastoma logrou máis de 18 anos de remisión sen necesidade de tratamentos adicionais tras recibir terapia con células CAR-T. Trátase do caso con maior tempo de remisión rexistrado ata a data para este tipo de tratamento, segundo sinalan os autores dun estudo publicado en Nature Medicine.
A terapia CAR-T consiste en modificar células T do sistema inmunitario para que poidan recoñecer e eliminar células cancerosas. Aínda que demostrou ser eficaz nalgúns tipos de cancro no sangue, como a leucemia e o linfoma, a súa efectividade en tumores sólidos foi máis limitada. O neuroblastoma é un cancro pediátrico pouco frecuente cunha alta taxa de recaída cos tratamentos convencionais.
O achado baséase no seguimento dun ensaio clínico de fase 1 realizado entre 2004 e 2009 no Baylor College of Medicine (EE UU), no que se administrou unha terapia CAR-T dirixida contra a proteína GD2, altamente expresada no neuroblastoma.
Seguimento
Helen Heslop, experta en terapia celular e xenética do cancro, e o seu equipo trataron a 19 nenos con neuroblastoma. Deles, 11 tiñan enfermidade activa no momento da terapia. Aínda que o estudo determinou que o tratamento era seguro, 12 pacientes faleceron entre dous meses e sete anos despois debido a recaídas. Dos sete sobreviventes, cinco continuaron en seguimento durante polo menos 13 anos.
Unha destas pacientes permaneceu máis de 18 anos en remisión sen recibir ningún outro tratamento contra o cancro e deu a luz a dous fillos sans. Ademais, os investigadores detectaron que as células CAR-T persistiron durante polo menos cinco anos en cinco dos pacientes tratados, incluída a paciente coa remisión prolongada.
Menor carga tumoral
Os autores do estudo destacan que os tipos de CAR-T utilizados neste ensaio carecían de elementos de deseño presentes nas versións modernas, como moléculas coestimuladoras. Tamén indican que os pacientes con menor carga tumoral no momento do tratamento poderían beneficiarse máis.
Estes achados indican que a terapia CAR-T podería proporcionar beneficios a longo prazo en tumores sólidos e achegar información valiosa sobre o seu comportamento biolóxico.
Referencia: Che-Hsing Li et al.”Long-term outcomes of GD2-directed CAR-T cell therapy in patients with neuroblastoma (Publicado en Nature Medicine).














