Quilómetros de antigas salinas na costa galega: os segredos da gran industria dos romanos

Un novo estudo revela que a maior concentración coñecida de fábricas de sal do Imperio atópanse entre o Douro e as Rías Baixas

A costa da antiga Gallaecia, a provincia romana que abarcaba todo o noroeste peninsular, está percorrida por salinas romanas. En concreto, entre a zona da desembocadura do Douro e a metade sur das Rías Baixas hai quilómetros e quilómetros destas instalacións nas que se extraía o sal da auga do mar. Así queda recollido nun estudo publicado recentemente na revista Quaternary Science Reviews. Un traballo coral dunha decena de investigadoras e investigadores de España e Portugal, entre os que está Brais Currás Refojos, científico titular do IH do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e investigador do grupo de Estrutura Social e Territorio e Arqueoloxía da Paisaxe (EST-AP) desta institución.

Currás resume o achado: “Temos a maior concentración de salinas coñecidas de todo o Imperio romano”. Pon énfase no coñecidas, posto que en toda a extensión que abarcaba o Imperio hai seguro outros sitios con salinas, pero onde se sabe actualmente de máis restos escavados “é aquí, na costa atlántica de Galicia e norte de Portugal”. En total, estudáronse 26 restos de salinas de orixe romana, situadas entre a ría de Pontevedra e a desembocadura do río Douro. Gran parte das explotacións sobre as que se investigou foron xa descubertas hai anos, entre as décadas dos 60 e 80 do pasado século, pero ou non se identificaran como salinas, ou non se dataran correctamente. Algo non tan estraño, se se ten ademais en conta que non se coñecen fontes escritas ou literarias sobre o tema. “É sorprendente”, destaca Currás. “Tampouco hai nin unha sola referencia epigráfica a traballadores e a sociedades que exploten as salinas. Non sabemos nada sobre isto”, engade.

Publicidade

A importancia do sal na época romana

O texto recolle unha cita de Plinio o Vello que serve de testemuño escrito da relevancia que tiña o sal no Imperio romano: vita humanior sine sale non quit degere (a vida civilizada sería imposible sen este elemento). “O sal no mundo antigo é importantísimo en moitísimos planos”, sinala Currás. Están os usos máis obvios, como na alimentación, para conservar alimentos (de aí a súa relación coas fábricas de salgadura) ou en receitas culinarias, entre elas algúns usos que perduran hoxe, como para o pan, e outros nos que non se mantivo a tradición, como o viño. Pero tamén se empregaba para tarefas do máis variadas: curtir as peles, preparar fórmulas médicas ou veterinarias, na metalurxia ou como elemento simbólico ou relixioso. Por exemplo, nos lararium romanos, os pequenos altares que tiñan nas casas, había sempre un recipiente con sal.

Como explica Currás, se ben xa se sabía da existencia das salinas, “o traballo investigador permitiu afondar na escala do impacto da produción de sal na Gallaecia”; un impacto tanto máis relevante se se ten en conta a importancia deste elemento na sociedade romana. As estruturas analizadas funcionaron, de forma xenérica, entre os séculos I e IV da nosa era, aínda que a datación é un dos aspectos complicados deste traballo. Só as do Areal, en Vigo, e O Seixal, na Guarda, contan con evidencias directas que permitan establecelas neste período. Noutras atopáronse restos que falan dunha orixe romana, ou poden vincularse a outros achados da época. Pero incluso nas que non hai probas directas, a forte similitude na súa morfoloxía fai pensar nunha orixe similar.

Publicidade

Potencia pesqueira

Indo máis aló, esta semellanza permite teorizar sobre unha rede de produción de sal homoxénea na costa da entidade administrativa ou conventus iuridicus, como se denominaba, de Bracarensis. Esta rede estaría vinculada ás fábricas de salgaduras, das que tamén están documentadas restos desde hai tempo e que fan especular sobre o papel da Gallaecia como potencia pesqueira no Imperio romano. Da zona estudada, a maior concentración de salinas atópase na ría de Vigo, onde ademais están próximas a fábricas de salgaduras de peixe. Currás cita algúns exemplos: as instalacións do Areal e Alcabre en Vigo e as da praia de Nerga, en Cangas. A investigación apunta que debería de haber unha serie de actividades conectadas coas factorías de salgadura más aló das salinas, como a elaboración das ánforas empregadas para o seu transporte, que terían un grande impacto nas comunidades locais. Entre os achados que sosteñen a teoría deste dinamismo económico están restos vinculados á poboación de Clunia, unha das localidades máis importantes da época e situada na actual provincia de Burgos, na zona de Vigo.

A falta de fontes bibliográficas ou epigráficas que confirmen como se organizaba esta rede, xorden varias hipóteses. As salinas serían parte do que en dereito romano se denomina “res communes omnium”, que abarcaría “a franxa litoral ata onde chega a marea alta”, explica Currás. Este termo é precursor dos conceptos de ben ou propiedade comúns, e por el enténdese algo do que calquera pode obter beneficios pero non apropiarse. A hipótese sería, por tanto, que “calquera puidera montar unhas salinas sen ser explotacións de carácter privado” afonda o investigador do CSIC, “de axentes privados que obteñen un rendemento deste recurso”.

Fondo interese patrimonial

Ademais, poderíase contar con persoal asalariado para o seu traballo, “xente que está integrándose de xeito activo na economía romana”, sinala Currás, “recibindo un salario que lle permite participar do novo desenvolvemento comercial do Imperio, dunha realidade cada vez máis interconectada onde hai unha continua circulación de bens”. Posiblemente serían grupos de persoas que traballarían de forma estacional, na tempada de verán, o que favorecería un maior dinamismo económico na costa respecto a rexións de interior, e que o resto do ano vivirían das terras.

Máis aló destas teorías, Currás pon en valor o interese patrimonial que teñen estas estruturas. Polo momento, continúanse os traballos con varios dos concellos desta investigación, como A Guarda e Oia, en Galicia, e Esposende e Viana do Castelo, no norte de Portugal, para desenvolver este potencial patrimonial. “Acábannos de dar un proxecto do Plan Nacional do Programa Estatal de I+D do ministerio para seguir estudando salinas”, sinala, e destaca tamén a colaboración cos GALP, os grupos de acción costeira. Todo para recuperar e dar a coñecer unha parte esencial da nosa historia.


Referencia: The roman saltworks of the Atlantic coast of Gallaecia: Traces and evidence of a large sea salt production complex (Publicado en Quaternary Science Reviews)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como eran os campamentos romanos en Galicia? Un proxecto reconstrúeos en 3D

Un equipo de arqueólogos colabora xunto a deseñadores gráficos na elaboración dunha serie de contidos que tentan amosar a natureza dos asentamentos militares do Imperio Romano na provincia da Coruña

Cangas, Muxía, Sarria... Este mapa mostra as inscricións romanas en Galicia

A cidade de Lugo, bautizada polos romanos como Lucus Augusti, é a que acumula un maior número de voces latinas, con 154 epígrafes

Unha semente de uva demostra a presenza de vides en Valencia do Sil no século IV

Os resultados da investigación serán expostos nun seminario organizado en Santiago de Compostela o próximo 24 de novembro

O Imperio romano no que (se supón) pensan os homes nunca existiu

Non sabemos se é certo se pensa moito nesta época histórica, pero si sabemos que no 2023 imaxinamos unha Roma antiga que non foi