Si, é posible xerar enerxía renovable a partir de algas: así o fan nun centro do CSIC

Grazas ao emprego de materiais condutores, os científicos son capaces de cargar pequenos dispositivos a partir da electricidade presente no 'alxinato' destes organismos mariños

Un equipo internacional con participación do Instituto de Ciencia de Materiais de Madrid (ICMM-CSIC) consegue aumentar a electricidade xerada con alxinato, un polisacárido biodegradable presente nas algas mariñas, ao combinalo con MXenes, materiais condutores de titanio e carbono ou nitróxeno, que posúen propiedades similares ao grafeno. O método desenvolvido, publicado na revista ACS Applied Materials & Interfaces, permitirá cargar pequenos dispositivos e xerar enerxía dun xeito autónomo.

Os MXenes son materiais moi condutores e de grosor atómico, similares neste punto ao grafeno, que foron descubertos no ano 2011 polo científico Yury Gogotsi, quen tamén asina este traballo. Ademais, os MXenes son hidrófilos, polo que se poden dispersar e procesar na auga, o que lles confire certas vantaxes sobre o grafeno xa que, ao estar baseado en carbono, non pode dispersarse en auga.

Publicidade

O procesamento deste material é “máis amigable co medioambiente” porque utiliza auga e “non precisa elementos orgánicos potencialmente tóxicos”, explica Bernd Wicklein, investigador no ICMM-CSIC e autor do estudo.

“No noso traballo combinamos dous tipos diferentes de MXenes con alxinato, que é comestible, biodegradable e biocompatible”, detalla Wicklein. Aínda que non é a primeira vez que se consegue electricidade utilizando este biopolímero, o obxectivo do proxecto era aumentar as propiedades eléctricas do alxinato para xerar, deste xeito, enerxía renovable grazas a nanoxeneradores: “Creamos efectos sinérxicos que aumentaron a capacidade de crear enerxía do alxinato”, sinala o científico.

Publicidade

O investigador indica que o efecto eléctrico prodúcese co movemento: “Tes dúas superficies que, ao moverse, entran en contacto e, de forma espontánea, os electróns saltan dunha a outra”. Ao separar estas superficies, a carga de electróns entre unha e outra descompénsase, “e isto é xusto a cantidade de electricidade que recollemos”, engade.

As infinitas posibilidades das algas

Trátase de xerar enerxía a pequena escala: “A potencia que xeramos con este movemento, que se produce con só as vibracións da contorna, é duns 300 milivatios por metro cadrado. Isto non pode competir cunha placa solar, pero non fai falla, porque úsase para outros fins, como dispositivos pequenos e, sobre todo, para xerar enerxía de forma autónoma”.

Deste xeito, conséguese cargar dispositivos pequenos, como termómetros, lámpadas ou aparellos de telemedicina como sensores autónomos. Neste sentido, o investigador menciona un traballo previo no que se usaron dispositivos similares (pero con quitina en lugar de alxinato) para analizar os ouriños de pacientes e detectar problemas de próstata: “O dispositivo actívase co movemento que xeran os ouriños ao caer e, con algoritmos de intelixencia artificial, analizamos eses patróns para relacionalos con distintas patoloxías”.


Referencia: Influence of MXene Composition on Triboelectricity of MXene-Alginate Nanocomposites (Publicado en ACS Applied Materials & Interfaces)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Noites que matan: cando a calor non dá tregua aínda que caia o sol

En noites de exceso de calor extrema, o risco de morrer aumenta un 2,6% respecto ás noites sen tensión térmica. Por Dominic Royé

Do formigón de Ourense aos parques de Santiago: un estudo contrasta os dous modelos de zonas verdes

A cidade do sur galego é unha das tres con peor cobertura, con 4,6 metros cadrados por habitante, moi por debaixo da media de 14,15

É seguro conservar o peixe en envases de plástico? Isto di un novo estudo

Un estudo do CSIC detecta a migración de compostos químicos cara ao produto almacenado en frío. Por Ethel Eljarrat e Maria Vittoria Barbieri

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento