Un estudo galego apela as comunidades locais para mellorar os ecosistemas mariños

Unha investigación das universidades públicas galegas, as de Almería e Cádiz e a Xunta analiza dúas áreas protexidas en Galicia e outra en Andalucía

Un equipo das universidades públicas galegas, as de Almería e Cádiz e da Xunta examinou tres áreas mariñas protexidas en Galicia e Andalucía: o Parque Nacional das Illas Atlánticas, a reserva mariña dos Miñarzos e o Parque Natural de Cabo de Gata-Nijar. O estudo concluíu que o nivel de protección, a proximidade ás poboacións e a estrutura de gobernanza —con especial énfase na participación de pescadores e outros colectivos— son factores clave que determinan os beneficios económicos, medioambientais e sociais que se obteñen dos ecosistemas mariños. En conxunto, isto denomínase provisión de Servizos dos Ecosistemas Mariños (SEM).

O estudo no que se recollen as conclusións publicouno a revista Ecology and Society e forma parte do proxecto Ecoser coordinado polo profesor Sebastián Villasante da Universidade de Santiago (USC) e financiado pola Fundación Biodiversidad. Máis polo miúdo, estudáronse as Illas Altánticas pola alta presión turística e enfocadas na protección á biodiversidade; Os Miñarzos, por estar xestionada coa participación de pescadores locais; e Cabo de Gata-Níjar por ser unha área de gran tamaño con múltiples usos concorrentes.

Publicidade

Participación comunitaria

Entre os resultados para o conxunto das tres áreas, o equipo investigador salienta a participación comunitaria como moi proveitosa, pois a implicación das comunidades locais na xestión das áreas mariñas protexidas mellora significativamente a provisión de SEM e o benestar humano. Ademais, as áreas ben xestionadas poden aumentar a produtividade pesqueira, protexer especies clave e fomentar o turismo sostible.

A investigación tamén conclúe que o éxito destas áreas depende dun enfoque equilibrado que combine conservación e uso sostible, evitando conflitos entre intereses diversos. Neste sentido, o nivel de protección determina significativamente a natureza dos servizos que unha área proporciona e os derivados para o benestar humano. A proximidade a centros de poboación e destinos turísticos, así como a estrutura de gobernanza, son factores importantes para comprender a dinámica dos SEM e os conflitos entre as persoas usuarias e as partes interesadas nas zonas protexidas. De feito, o sistema de coxestión empregado na reserva dos Miñarzos e a baixa concorrencia de diferentes usos poden contribuír a reducir os conflitos en comparación coas outras dúas áreas.

Publicidade

As tres áreas

Para o caso do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, o artigo sinala que a súa designación como Parque Nacional favoreceu a protección de hábitats críticos, beneficiando tanto especies mariñas como actividades recreativas. Con todo, aínda que o turismo xera ingresos significativos, a súa alta presión require estratexias estritas de regulación para evitar impactos negativos nos ecosistemas. Como desafíos están compatibilizar a conservación co uso turístico e garantir a participación dos pescadores na toma de decisións.

Na Reserva Mariña de Interese Pesqueiro dos Miñarzos: a participación dos pescadores locais nas decisións de xestión resultou en beneficios directos, como o aumento de capturas de especies clave; ademais, a colaboración fortaleceu a confianza entre pescadores e xestores, promovendo prácticas sostibles. O desafío para manter este modelo é que require recursos continuos para garantir a vixilancia e o cumprimento das normativas.

No Parque Natural de Cabo de Gata-Níjar, a área mariña combina actividades pesqueiras, agrícolas e turísticas, o que engade complexidade á súa xestión, pero as medidas de conservación melloraron a calidade da auga e permitiron un crecemento no turismo de natureza, xerando emprego local. O tamaño da área e a variedade de actividades esixen unha coordinación efectiva entre distintos actores e unha vixilancia constante.

Recomendacións

Nas súas conclusións, o artigo recomenda fortalecer a implicación activa das comunidades, especialmente dos pescadores, para o éxito das áreas mariñas protexidas; ve esencial informar os colectivos implicados sobre os beneficios e as normas de xestión para fomentar o seu cumprimento e constata a necesidade de asegurar recursos estables, pois a vixilancia e a xestión requiren financiamento e apoio institucional a longo prazo.


Referencia: Assessing the delivery of ecosystem services and benefits to human well-being of three contrasting MPAs in Spain (Publicado en Ecology and Society)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Péptidos para transportar medicamentos xenéticos: a aposta de TraffikGene

A empresa nada na USC, gañadora GCiencia Galicia Spin-Off como Idea Emerxente, desenvolve unha plataforma para conducir ADN e ARN ao interior das células

Científicos galegos e arxentinos desvelan o potencial do cacho de gambón para protexer a retina

Un estudo desenvolve nanopartículas antioxidantes derivadas de residuos pesqueiros con resultados prometedores en probas in vitro

Novembro para descubrir, rir e namorar da ciencia en galego

A UVigo conmemora o Día da Ciencia en Galego cun programa de actividades que durará todo o mes

Radiografía do consumo de alimentos ultraprocesados na infancia: “Estase a perder a dieta atlántica”

Unha investigación con participación galega relaciona este tipo de comida con sobrepreso e obesidade, resistencia á insulina e dislipemias en idades preescolares