“A prohibición da pesca de fondo baséase nun escaso coñecemento científico”

Sebastián Villasante, líder de EqualSea Lab, cuestiona os informes esgrimidos pola Comisión Europea para o veto por tratar a biodiversidade mariña "como un dogma”

Comezou a conta atrás.  O próximo 9 de outubro entra en vigor a prohibición da pesca de fondo en 87 zonas sensibles do Atlántico noreste, situadas na plataforma continental desde Cádiz a Irlanda ditada pola Comisión Europea – regulamento de execución (UE) 2022/1614 – no medio dunha forte polémica que enfronta intereses ambientais, socio-económicos e nacionais.  A decisión de Bruselas colocou no punto de mira o informe do Consello Internacional para a Exploración do Mar ( ICES ), esgrimido polo comisario europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius,  para avalar a a decisión.

Sebastián Villasante, profesor da USC,  analiza un informe que os expertos considera cheo de eivas. Villasante está especializado no estudo das transformacións socio-ecolóxicas vinculadas aos ecosistemas mariños e á pesca artesanal, nos impactos do cambio climático nas sociedades ligadas á pesca e no estudo da xestión das áreas mariñas protexidas. Lidera o grupo de investigación EqualSea Lab, é un dos codirectores da avaliación global de cambios transformadores impulsada polo IPBES e fundou o grupo de traballo sobre Resiliencia e Servizos Ecosistémicos Mariños do ICES. 

Considera axeitada a prohibición da pesca de fondo, a decisión adoptada pola CE co obxectivo declarado de recuperar e preservar  a biodiversidade e os fondos mariños? 

—Non. Podo entender o que pretende a Comisión Europea procurando preservar a biodiversidade, mais non da forma e co sustento científico que empregou neste caso. Nin sequera o informe do ICES considerou os posibles impactos na biodiversidade —céntrase principalmente en especies e con débil información científica—, nin os beneficios e servizos eco-sistémicos mariños que proporcionan estas áreas de pesca.

Publicidade

“Podo entender que a Comisión Europea procure a biodiversidade, mais non da forma e co sustento científico que empregou neste caso”

—Pode o déficit de argumentación pór en cuestión a loita a prol do medio ambiente, do futuro do planeta?

—Decisións como estas, baseadas nun escaso coñecemento científico, poden xerar non só rexeitamento por parte da sociedade, senón tamén un posible efecto contrario no futuro de querer conservar a biodiversidade mariña como un dogma. Todas as decisións deben estar sempre baseadas no mellor coñecemento científico dispoñible, e neste caso só se empregou o informe de ICES.

O veto é para toda a pesca de fondo, habería que distinguir entre as distintas artes de pesca? Entre as artes de fondo (redes de arrastre, dragas, palangre, nasas) e artes menores/de rede (trasmallo, enmalle de fondo, …)?

Desde logo, e mesmo dentro das artes de fondo habería que difererenciar, por exemplo, o arrastre do palangre. Os posibles impactos das artes de pesca no medio mariño difiren considerablemente, e non distinguilas na adopción de medidas lexislativas supón un descoñecemento acerca de como funcionan as artes de pesca e a xestión da biodiversidade mariña.

“Os impactos das artes de pesca difiren considerablemente, non distinguilas supón un descoñecemento”

O sector pesqueiro denuncia que os datos do informe científico do ICES no que se sustenta a medida están obsoletos, e de feito haberá novos informes en novembro. Que bota en falta nos utilizados?

—O sector ten razón. Tecnicamente os informes son deficientes, non só polas metodoloxías empregadas senón tamén pola base de información. En relación coas zonas de pesca, a medida lexislativa adoptada pola Comisión ten un alcance moito maior do que indica o informe de ICES. Ou, por exemplo, sobre algunhas artes de pesca que se prohiben, como o palangre de fondo ou as redes de enmalle, non foron obxecto de avaliación por parte do informe do ICES.  

Ademais, este tipo de medidas supoñen un problema serio de transparencia, en tanto que non houbo un proceso de consulta e/ou participación tanto co sector como cos científicos que realizan investigación no ámbito socio-económico. O sector é un actor fundamental e, na miña opinión, tería que formar parte do equipo de traballo que contribúa a elaborar estes informes científicos.

“Hai un problema serio de transparencia: non houbo un proceso de participación nin co sector nin cos científicos”

Na súa opinión, como se poderían equilibrar os intereses ambientais de preservación do mar e os socio-económicos (pesqueiros, nacionais…)?

—Na miña opinión a cuestión chave aquí non está vinculada cos intereses ambientais de conservación do mar. O realmente importante é que estamos asistindo a un déficit de participación do sector pesqueiro na gobernanza dos caladoiros europeos. Baixo este marco, o proceso de toma de decisións mostra, claramente, un problema do que eu chamo a triloxía das 3 íes: insuficiencia, ideoloxía e inercia.

—De que estamos a falar? 

Falamos de insuficiencia porque a meirande parte dos grupos de ICES que teñen a responsabilidade de xerar coñecemento científico só abordan cuestións biolóxicas das especies e/ou ecosistemas mariños, o que sitúa a outras ciencias ou disciplinas como a economía nun espazo marxinal. De ideoloxía porque os paradigmas dominantes na xestión dos océanos seguen —a pesares dos importantes avances que se están a facer nos últimos anos— centrándose nos aspectos biolóxicos ou ecolóxicos.  E de inercia porque a academia, o sector pesqueiro e as administracións habitualmente imos un paso detrás dos problemas coma este, e mesmo necesitamos unha coordinación máis efectiva, contemplando todas as capacidades científicas das que se dispón para así adiantarnos e non reaccionar ex-post cando a marxe de actuación é menor.

2 COMENTÁRIOS

  1. ¿Pero sobre que base pensa este home que se debe de establecer o coñecemento científico sobre este tema se non é sobre as especies e os ecosistemas? Evidentemente estase presentado neste artigo como se fose un científico, cando non o é.

  2. O artigo esquece comentar, coido que interesadamente a area de coñecemento do experto, é Economía Aplicada.

    Por outra banda, é lastimoso ver en GCiencia semellante
    ataque ao colectivo científico ou transmitir a idea
    de que o método científico se basea no dogma, en
    palabras dun economista. O mundo ao revés.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As claves do sobrepeso en Galicia: “Un 14% dos galegos tende a subestimar a súa masa corporal”

Un estudo da USC mostra que en 2023 a prevalencia en Galicia foi do 37%, unha cifra lixeiramente inferior á media española do 38,9%

Tratado de Alta Mar: unha nova esperanzadora para a saúde dos océanos

O ordenamento das zonas máis afastadas da costa leva discutindo desde hai dúas décadas e só recentemente asinouse un Tratado de Alta Mar

Un gran mapa xenético de Galicia localiza as mutacións máis frecuentes e asociadas a sete enfermidades

O catedrático da USC Antonio Salas esboza unha cartografía que pode servir como guía para a detección precoz, a prevención e a medicina personalizada

Un equipo galego valida un sistema de IA para predicir o risco de desenvolver diabetes

GluFormer é produto dunha investigación internacional que acaba de publicar a revista 'Nature' e que conta coa participación da USC