Hoxe NON é o Día Internacional do Profesor (aínda que o diga Google)

Google dedica hoxe o seu Doodle ao Día Internacional do Profesor.

‘Día Internacional do Profesor’, di o simpático ‘Doodle‘ co que sorprende Google este martes 27 de novembro. A clásica bóla do mundo presente nas aulas máis clásicas xira e xira para que rematen orbitando en torno a ela planetas que simbolizan as distintas asignaturas que imparten mestres e mestras. Cando se pincha na ligazón, Google nos envía á páxina da Wikipedia do Día Internacional do Profesor. O problema é que hoxe, por moito que insistan na empesa de Montain View, non é o Día Internacional do Profesor, que xa se celebrou o pasado 5 de outubro. É o Día do Profesor en España.

Xosé de Calasanz.

Porque, efectivamente, hoxe a Igrexa Católica celebra a festividade de Xosé de Calasanz. E falamos dun gran pedagogo, renovador do ensino dacabalo entre os séculos XVI e XVII. Pero a súa festa dos mestres celébrase nesta data en España, mentres que outros países teñen un día distinto e mesmo a Unesco fixou unha data unificada da que xa pasaron sete semanas.

A data de Xosé de Calasanz foi elixida en España en homenaxe a este sacerdote, pedagogo e precursor da educación moderna a través da primeira escola cristiá popular e gratuíta en Europa. As escolas Pías, que fundou no século XVII, atópanse repartidas hoxe por todo o mundo.

O aragonés Xosé de Calasanz Gastón (Peralta do Sal, 11 de setembro de 1556 ou de 1557-Roma, 25 de agosto de 1648) defendeu a universalización do ensino e a utilización da lingua nacional de cada país da Europa católica, acompañada polo latín, que era o idioma educativo preponderante da época.

As súas ideas expandíronse grazas ás máis de 10.000 cartas que escribiu e por mor dos documentos e regulamentos de carácter práctico, onde asentou a fundación, organización e funcionamento dos centros e da congregación. Entre outros avances, sistematizou a educación escolar por niveis e ciclos de primaria e tamén de formación profesional.

En recoñecemento ao pedagogo, en España o Día do Profesor e este 27 de novembro. Pero non acontece así no resto do mundo. Vexamos uns exemplos: na Arxentina é o 11 de setembro; en Brasil, o 15 de outubro… e seguimos: Estados Unidos (primeiro martes de maio), México (15 de maio), Venezuela (15 de xaneiro), Uruguai (22 de setembro), Perú (6 de xullo). E así unha data en cada país americano.

Pasemos a Europa: Alemaña (15 de xuño), Francia (5 de abril), Portugal (5 de outubro), Polonia (14 de outubro)… e resulta mellor non seguir porque a lista de diferenzas é demasiado longa.

O máis curioso é que a Unesco fixou unha data única, o 5 de outubro. Que sería o verdadeiro Día Internacional do Profesorado. Pero case ningún país a respecta. Así que non: por moito que diga Google no seu Doodle, hoxe non é o Día Internacional do Profesor. Pero é un día tan bo como calquera outro para agradecer o traballo formidable que fan os mestres e mestras de todo o planeta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.