Venres 19 Abril 2024

Cabo Ortegal, novo Xeoparque Mundial: “A decisión da Unesco reforzará o turismo de calidade”

O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira, cre que a distinción impulsará o asentamento de poboación nova

Galicia xa conta co primeiro Xeoparque Mundial de costa. En 2017 iniciáronse os traballos para que Cabo Ortegal acadase esta declaración, un enclave que constitúe unha auténtica viaxe ao centro da Terra. As súas rochas teñen máis de 400 millóns de anos de antigüidade, proveñen das partes máis internas do planeta e en contados lugares do mundo poden observarse. Aínda que o comité científico da Unesco xa fixera pública a súa deliberación hai uns días, o vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira, alega que a nova é “moi ilusionante” tras un longo percorrido, que trae “esperanza” para asentar poboación na Coruña ao poñer en marcha ideas empresariais relacionadas co xeoturismo.

Nun comunicado, a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal –integrada polos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño– lembrou que en 2020 se presentou por primeira vez a candidatura a Xeoparque ante a Comisión Nacional Española de Cooperación coa Unesco, mais non foi seleccionada como a proposta de España. Posteriormente reformulouse a candidatura e en 2022 foi avaliada por dous auditores da Unesco que visitaron o enclave para facer unha valoración in situ. Foi na asamblea 216 do Consello Executivo da Unesco cando se “alcanzou o éxito”. “É unha gran oportunidade para o desenvolvemento socioeconómico dos sete concellos, porque un Xeoparque, sobre calquera outra cousa, é un proxecto de desenvolvemento territorial”, sinalan.

Publicidade

A Xunta de Galicia celebrou a decisión da Unesco e alegou que se sumará ao resto de figuras de protección coas que conta: catro zonas especiais de conservación, dúas de especial protección de aves, dúas áreas Ramsar e dous humedais protexidos. Dende a Deputación consideran que o nomeamento significará un antes e un despois para A Coruña, unha etiqueta mundial que atraerá “turismo de calidade” ao recibir o selo da Unesco, o que facilitará que Cabo Ortegal sexa coñecido en todo o planeta e chame a atención –aínda máis– da comunidade científica. “Esta contorna vén de cobrar unha magnitude e importancia diferente. A Coruña vai ter a posiblidade de posuír varios patrimonios mundiais”, postula Xosé Regueira. Na súa opinión, esta distinción da Unesco coloca á provincia como un territorio atractivo para viaxar. “Un turismo singular, non masificado, vinculado ás potencialidades da paisaxe e territorio dá grandes esperanzas para asentar poboación”, engade.

No xeoparque fomentaranse proxectos de adaptación ao cambio climático e mobilidade sostible

O Proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal forma parte dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino postos en marcha pola Deputación da Coruña. Está enfocado no deseño e elaboración dun produto turístico especializado, precisamente enmarcado nesta candidatura a Xeoparque Mundial. Entre as accións e programas que se contemplan no enclave inclúense a planificación, rexeneración e valorización do patrimonio singular; proxectos de adaptación ao cambio climático e mobilidade sostible, creación de instrumentos de xestión, gobernanza e participación de actores locais; desenvolvemento de produtos turísticos, mellora da calidade dos equipamentos turísticos do destino e servizo nas empresas; implantación de sistemas de avaliación, recoñecemento e certificación que melloren a competitividade; deseño e posta en marcha de ferramentas de promoción e comercialización, con especial énfase na dixitalización.

Referente xeolóxico mundial

Cabo Ortegal posúe unha das maiores concentracións de rochas do interior e da parte superior do manto terrestre. A súa singularidade radica en que estes elementos proveñen do movemento do planeta e que, de maneira habitual, se atopan a máis de 70 quilómetros de profundidade. A oroxenia varisca foi a colisión entre os continentes de Laurussia e Gondwana, que formou a maior cordilleira montañosa que existiu na Terra hai 350 millóns de anos. A súa altura era maior que a do Himalaia e provocou que saíran á superficie as rochas que hoxe podemos ver no enclave da Coruña: peridotitas, serpentinitas, metavulcanitas e metasedimentos. Tamén hai anfibolitas, granulitas, gneises e un dos maiores afloramentos mundiais de ecloxitas, que son rochas producidas por presións de máis de 10.000 atmosferas e temperaturas superiores aos 800ºC. Unha das particularidades desta contorna xa protexida pola Unesco é que nela se atopa a única praia negra de orixe volcánica coñecida.

Cabo Ortegal pasa a formar parte da rede mundial xunto con outros 17 e convértese no segundo xeoparque de Galicia despois do Xeoparque Montañas do Courel, é o primero da provincia da Coruña e o único na Península Ibérica que obtén este distintivo este ano. O seu valor histórico e arqueolóxico non ten fin. Hai uns meses nunhas xornadas previas a Semana Santa, unha xeóloga identificou fósiles que poden ter ata 480 millóns de anos. Son crinoideos, –lirios de mar–, e por motivos de conservación, non se desvelou onde están localizados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Á venda un forno de posible orixe medieval en Noia

Ana Filgueiras, arqueóloga municipal da vila, está a realizar un informe do inmoble para despexar dúbidas e guiar actuacións de futuro

A Unesco considera unha “acción destrutiva” o proxecto de praia fluvial en Lugo

O comité científico do organismo emitiu unha resolución demoledora sobre o impacto medioambiental na Reserva da Biosfera Terras do Miño

Á venda unha casa que forma parte do mosteiro cisterciense de Montederramo

Familias, negocios e unha escola pública ocuparon dependencias do convento após da desamortización e ata entrado o século XXI

Os ataques ao patrimonio agroman nas Rías Baixas: escalan a Torre de San Sadurniño, do século IX

Dous turistas ruben polas ruínas da construción, un dos maiores tesouros da vila de Cambados