Sábado 20 Abril 2024

As preguntas incómodas da ciencia sobre a velutina

Nada frea á Vespa velutina en Galicia. Nuns anos, pasouse de menos dunha decena de niños a milleiros de avespeiros que invaden moitos concellos do país. Segundo a Consellería de Medio Rural, en máis de 100 concellos detectáronse (en cada un deles) máis de 100 niños, con datos do día 12 de novembro, a pesar das actuacións de trampeo, a medida máis mencionada neste combate contra a especie.

Os apicultores, sobre todo, pero tamén moitos outros cidadáns que ven como medran niños enormes a carón das casas, afrontan con preocupación e impotencia o avance deste insecto invasor. Para entender a magnitude do problema, abonda con ver os datos que recolleu o corpo de bombeiros de Santiago de Compostela: a metade dos 2.590 avisos que recibiron no 2017 foron para retirar niños de velutina.

Publicidade

A voracidade do insecto pillou co pé cambiado ás Administracións, que aínda non foron aínda quen de declarar a velutina como especie exótica invasora. Aínda que cada ano a cifra de niños localizados e exterminados é maior, con centos de persoas implicadas no trampeo e na retirada de avespeiros, non parece haber unha relación directa entre o éxito das capturas e o freo no avance da especie. Os propios coñecedores da situación, reunidos o mes pasado en Santiago, concluíron que a erradicación era “practicamente imposible”, ao tempo que reclamaban máis recursos e unha maior implicación da Xunta de Galicia para abordar o problema.

“Os estudos científicos rebátense con outros estudos científicos”, sinala o veterinario e experto en velutina Xesús Feás

Neste contexto, un estudo realizado por investigadoras da universidade de Vigo e publicado na revista científica Apidologie, unha publicación oficial do Institut National de la Recherche Agronomique (INRA) de Francia e o Deutscher Imkerbund (Asociación Alemá de Apicultura), expuxo, a raíz dun traballo de campo en 2016, que máis do 99% dos insectos que capturaron as trampas instaladas para a investigación capturaron outras especies. Só o 0,90% eran velutinas. Unhas cifras que sementaron aínda máis dúbidas, polos posibles danos colaterais no ecosistema que podería causar esta práctica.

As reaccións foron iradas: “Mentira”, “asco”, “artigo infame” ou “investigación sesgada” foron algunhas das palabras que se puideron ler a raíz da información. Moitos comentarios ían acompañados de imaxes nas que se vía un gran número de velutinas capturadas nas trampas instaladas por toda Galicia, e que intentaban desbotar as conclusións dunha investigación científica realizada durante varios meses da primavera e o verán de 2016, con milleiros de datos recabados.

O debate existe e as investigacións científicas (ou a ausencia delas) fomentan o intercambio de impresións na loita contra unha praga que, sen dúbida, está lonxe de terminar.

Abonda co trampeo masivo?

O estudo da universidade de Vigo non é o primeiro que o advirte. Outros científicos galegos, como Xulio Maside, da USC, levan tempo avisando de que “o trampeo masivo pode ser malo para o ecosistema”, como subliñou a GCiencia en outubro deste ano.

“Non hai evidencias de que un trampeo masivo, con este tipo de trampas, sexa unha solución sostible”, expón Sandra Rojas, unha das autoras do comentado artigo de Apidologie. Rojas, investigadora da Facultade de Bioloxía da UVigo e colaboradora de AGA (Asociación Galega de Apicultura), engade que “un dos factores que hai que ter en conta é a gran capacidade colonizadora da especie; en Francia levan anos facendo trampeos e non se viu que axudaran a frear o avance”, destaca a científica. E “outros estudos en Francia e España chegaron a conclusións semellantes sobre a efectividade das trampas con cebo, noutras rexións e épocas”, subliña.

Tipos de trampas utilizadas no estudo de 'Apidologie': Avispa'clack (a ), Véto-pharma (b ), e trampa caseira (c). Fonte: Rojas et. al (2018).
Tipos de trampas utilizadas no estudo de ‘Apidologie’: Avispa’clack (a ), Véto-pharma (b ), e trampa caseira (c). Fonte: Rojas et. al (2018).

Xesús Feás, membro da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia e científico no Campus Terra da USC, expón que as conclusións do traballo son “demostrables”, e “é un estudo moi ben feito, e publicado nunha revista de referencia, polo que non hai nada que obxectar. Os estudos científicos rebátense con estudos científicos”.

Hai trampas ‘mellores’ e ‘peores’?

O estudo publicado en Apidologie atopou diferenzas significativas na efectividade das trampas segundo o seu deseño. Por isto inciden en controlar a colocación destos dispositivos. Xesús Feás chega a subliñar que “nalgúns casos chegaron a atrapar a vertebrados, como lagartos”, debido a un deseño deficiente.

Neste punto, o científico fai unha comparación con outra especie que tamén xera controversia en Galicia: “Podemos estar máis ou menos de acordo en que o eucalipto é unha especie invasora, e que hai que frear a súa expansión. Pero hai que ter coidado, porque senón, para eliminar dez eucaliptos, destruímos cen carballos, queirogas, amieros e outra vexetación autóctona que non ten culpa ningunha”.

Sandra Rojas engade: “Nos últimos anos avanzouse no estudo das sinais químicas sexuais que poderían ser usadas como cebos atraíntes. E tamén se propuxeron diferentes modificacións ás típicas trampas, como poñer esponxas no cebo, abrir máis ocos de saída e poñer rampas tamén de saída; en fin, todo o que axude a que os animais máis pequenos non queden atrapados”.

Estanse tomando datos dos niños e vespas capturadas?

Hai un rexistro por parte da Xunta dos niños detectados e retirados e, en moitos casos, cóntanse as vespas retiradas das trampas instaladas por toda Galicia, que son miles. Porén, os investigadores reclaman que estes datos sexan compartidos e usados nunha investigación máis profunda, tendo en conta todas as variables posibles, para mellorar o coñecemento científico sobre o problema.

Mapa de niños en cada un dos concellos onde se detectou a 'Vespa velutina'. Fonte: Medio Rural.
Mapa de niños en cada un dos concellos onde se detectou a ‘Vespa velutina’. Fonte: Medio Rural.

Así, carécese, por exemplo, de datos que recollan a situación exacta das trampas xunto á súa exposición á luz solar, á humidade, a dispoñibilidade de auga ou alimento, os líquidos que se usan como cebo, os insectos que se capturan, entre outros factores. “Serían informacións moi valiosas para a investigación, e non se están recollendo”, subliña Xesús Feás, que traballa no marco dun convenio coa Deputación da Coruña para buscar saídas a través da ciencia para loitar contra a velutina.

Nas súas charlas divulgativas, Feás leva tempo advertindo do problema que recollen Rojas e as súas colegas. “Cando se fan actividades sen contrastar, sen persoal especializado, e se fomenta o trampeo desde as institucións, mesmo con campañas de propaganda, ata nos colexios, non se están facendo as cousas ben”, engade o investigador. “Aos nenos hai que contarlle as cousas doutro xeito; non se lles pode dicir que unha especie é mala porque si, e ensinarlles a exterminala”.

Que danos está causando o trampeo sobre os insectos?

É de sobra coñecida a voracidade coa que a velutina ataca ás abellas e outros insectos. Porén, cando se fala do dano potencial que se evita ao capturar milleiros de velutinas, Xesús Feás é escéptico: “Son un pouco como as contas da leiteira; non se poden sacar conclusións baseadas en impresións ou experiencias persoais, iso non é ciencia. Non hai datos que cuantifiquen e demostren cantos insectos se salvan con cada velutina capturada. Estamos nunha etapa cunha caída moi preocupante a nivel mundial dos polinizadores, así que canto menos deberiamos ser algo coidadosos”.

Nesa liña incide o estudo de Sandra Rojas, María Calviño, Noelia Novoa e Antonio Serrano: “Débense crear ferramentas máis eficaces para combater á velutina sen causar máis presión sobre os insectos nativos do dano que xa causa á especie invasora”. Un dos achados da investigación foi que unha porcentaxe importante das especies atrapadas nas trampas non son presas da velutina.

Entón, que se pode facer?

Ante as reaccións que suscitou o traballo, Sandra Rojas expón: “Coñezo a impotencia que se sente ao ver como estes animais comen as abellas, outros insectos e afectan á vida das persoas, e que non haxa unha forma de parar o problema”. Así, enténdese que a reacción lóxica sexa defender, ante a evidencia do número de velutinas capturadas, que o trampeo masivo sexa a solución máis axeitada.

Entre as posibles solucións, o investigador Xulio Maside traballa nunha liña de estudos para atopar parasitos autóctonos que poidan afectar á vespa, co obxectivo de iniciar unha “guerra biolóxica” contra a velutina. Por outra banda, tanto Maside como Feás sinalan que as trampas eléctricas que xa se colocan xunto aos apiarios son un dispositivo “moi interesante” que podería axudar a curto e medio prazo.

A maiores, os investigadores confían “en que os laboratorios que traballan en novas trampas e atraíntes dean resultados pronto”, confía Sandra Rojas.

Porén, a perspectiva para abordar o problema debe ser integral, segundo conclúe Feás. “A velutina xa está incidindo en diferentes sectores da sociedade, e como tal hai que tratala. Non abonda que estean implicados só os biólogos, os veterinarios ou os apicultores; precisamos matemáticos, informáticos, xeógrafos, economistas, etc.” que nos axuden, a través da investigación e da creatividade, a buscar solucións, canto menos de control.

2 COMENTÁRIOS

  1. Gracias por este segundo artigo, ao meu entender mais ponderado que o anterior.
    Coido q o estudio falla xeneralizando “trampas” e non discernindo líquidos usados.
    Levo probado mejunjes copiados e feitos por min con moi malos resultados, si, incluso preocupantes por pillar de todo casi menos velutinas
    Optei por comprar e gastar cartos en plan Quijote na miña percepción de que o problema é gravisimo.
    E, si, si hay alomenos un produto que pilla prácticamente soio belutinas: liquido color e cheiro a viño clarete.
    A ciencia, entendo soio desde o meu punto experimental, debe estar por riba de dimes e diretes e, a modo de conclusión, creo se lle debe de pedir á xente do pobo, coma min, que NON use trampas que fagan mais mal que ben e mentras pedir ás administracións que, sin medo a ser tachadas de negociantas, subvencionen os líquidos que de verdade funcionan.
    Seria un grande paso para este desastre.
    Gracias

  2. Parabéns polo artigo, valente, preciso e necessário. As acções contra a velutina requerem da sinergia entre abelheiros, administração e cientistas. Se falha um pé a trépia cae. Abelheiros e cientistas estão cada vez mais sincroniçados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A loita contra a velutina reduce un 20% os beneficios por venda de mel en Galicia

Os apicultores gastaron 561 euros de media, sendo Pontevedra a provincia máis afectada debido ás súas condicións climatolóxicas

Máis ventas e menos negocio: as contradiccións que ameazan a apicultura galega

A velutina, o quecemento global e outros desafíos lastran o sector pese a incremento da demanda de mel desde a pandemia

Un congreso reúne en Vigo a expertos mundiais no estudo da velutina

O encontro reúne aos parceiros do proxecto Atlantic-POSitiVE, que conta con 2,3 millóns de euros de financiamento para conter o avance da especie en Europa

Unha cochinilla, aliada para combater a invasora unlla de gato?

Investigadores da UVigo demostran que a combinación da "Pulvinariella mesembryanthemi" co control mecánico acelera a descomposición nesta planta