Raíña de velutina formando o seu niño.

“O trampeo masivo contra as velutinas pode ser malo para o ecosistema”

A loita contra a praga da vespa asiática en Galicia ten na implantación de trampas artesanais polo país a súa máxima expresión. En fincas pequenas e grandes de toda Galicia pode verse como a preocupación polo aumento exponencial das poboacións deste insecto en pouco tempo levou á xente a combater a velutina con todo tipo de enxeños, dende os máis rudimentarios que consisten nunha botella de plástico con algún líquido atrainte, ata as arpas eléctricas ou artefactos máis sofisticados.

Parte das 1.950 raíñas velutinas capturadas en Carballo. Imaxe: carballo.gal.
Raíñas de velutina capturadas en Carballo.

Todo o mundo coñece a alguén que presume de que captura moitas velutinas co método que emprega. O problema é que neste tipo de trampas tamén caen outros insectos e isto pode acabar creando problemas no ecosistema. Xulio Maside, investigador da USC, explica que en Francia (onde a praga chegou antes) as autoridades desaconsellan o trampeo indiscriminado. “O esencial e mellorar a eficacia das trampas e dedicalas sobre todo a protexer os apiarios, xa que as abellas son as máis afectadas”, engade Maside.

“Algún estudo sinala que o 60% das presas das vespas asiáticas son abellas e iso está a crear unha considerable presión sobre elas e estamos a ver que a produción de mel viuse moi afectada. O trampeo serve para atrapar velutinas pero tamén caen outros insectos, mesmo abellas, e por iso non está nada claro que sexa a mellor fórmula para loitar contra a praga”, apunta Maside.

O investigador sinala que aparellos como as arpas eléctricas que se usan para protexer os apiarios poden ter unha porcentaxe de efectivade de ata un 90% no que se refire a captura de velutinas, pero noutros casos a porcentaxe é moito menor e outras especies de insectos poden verse afectadas, aínda que non hai datos para falar do impacto real que o trampeo masivo pode ter nestas poboacións.

Ademais, Maside está convencido de que o trampeo masivo e indiscriminado tampouco vai resolver o problema. Precisamente este investigador traballa nunha liña de investigación que apunta a descubrir os parasitos autóctonos que poden afectar á velutina para, nun prazo de tempo aínda indeterminado, poder poñer en marcha unha “guerra biolóxica” contra esta praga. De tódolos xeitos, a investigación aínda está dando os seus primeiros pasos e mentres tanto é necesario tomar outro tipo de medidas.

A alarma social que provoca a expansión da vespa asiática por Galicia alcanzou este verán cotas moi altas debido ao aumento dos ataques destes insectos a persoas, aínda que dos tres falecidos que houbo nos últimos meses por ataques de vespas só un deles foi causado por velutinas. A razón de que estes ataques aumentaran semella que está no propio ciclo de vida deste insecto.

A investigación para emprender unha “guerra biolóxica” contra a velutina está a comezar

Maside sinala que a primavera húmida que se rexistrou este ano favoreceu que as velutinas non chegasen a crear o niño secundario en altura que acostuman a facer cando avanza o verán. Moitos dos niños primarios que crean as raíñas en zonas baixas e abrigadas durante a primavera acaban por converterse en permanentes e por iso e máis doado que as persoas podan golpealos cando fan algún traballo nas fincas e acaban sendo atacadas.

Porén é rechamante que a densidade de poboación desta especie poda mesmo ter diminuído este ano, aínda que non hai datos fiábeis para poder afirmalo con rotundidade. Pero si que pode dicirse que, por exemplo, en Santiago baixaron de xeito considerable as actuacións dos bombeiros para acturar fronte ós niños de velutina. Entre xaneiro e agosto deste ano en Santiago se retiraron 485 niños fronte aos 971 no mesmo período do ano anterior. O atraso no ciclo da vespa asiática pode favorecer que aparezan moitos máis niños durante o outono. No conxunto de Galicia os datos de retirada de niños entre xaneiro e setembro, son semellantes. Segundo datos da Consellería de Medio Rural, retiráronse 14.758 en 2017 e 14.333 en 2018 (ata o 24 de setembro neste caso).

A praga acabará por chegar a toda Galicia pero non está claro que logre implantarse en todo o territorio

No que se refire á expansión da praga é certo que mesmo se detectou a presenza da velutina en zonas altas como O Caurel pero hai lugares no que aínda non se atoparon niños, como é o leste da provincia de Ourense e zonas de montaña da provincia de Lugo. Segundo sinala Maside, o lóxico é pensar que acabará por chegar a toda Galicia pero non está tan claro que consiga implantarse firmemente en todo o territorio porque dependerá moito das condicións climáticas. Os invernos fríos e longos farán máis difícil que se chegue a implantar nalgunhas zonas. As condicións climáticas poden ser tamén un arma importante na loita contra unha praga que é necesario coñecer máis en profundidade para poder enfrontala con eficacia.

3 COMENTÁRIOS

  1. O día 29/09, estando Candeán – Vivo; nunha figueira vin as Velutinas e chamei o 012, me pasaron co 112, me dixeron si había niño, que eles solo pasaban o aviso si o había; eu xa lle dixen que non me iba a meter no medio da figueira para ver si o había. Me dixo que iba a pasar a nota como que había niño, o cal non o entendo; osea, que si non vexo o niño non van?
    Conseguín facerlle unha fotofoto a unha; pero non había unha sola, senón moitas, e como lle atacaban as otras.
    Ainda non pasaron po la casa, a temos dentro da finca.
    Que podemos facer?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.