Xoves 28 Marzo 2024

Carballo, o concello que cazou case 2.000 raíñas velutinas nun mes

“Resultados que impresionan e que tamén alarman”. Así expoñen desde o Concello de Carballo as cifras da campaña de trampeo da avespa velutina que desenvolven nesta primavera. Nun só mes, as trampas instaladas conseguiron capturar 1.950 raíñas, o que evitou a aparición doutros tantos niños no municipio. Unha cifra que triplica os datos do ano pasado, que xa foi de récord, con 647, e que á súa vez triplicaba os do 2016.

O trampeo é unha actuación clave para intentar poñer freo á presenza desta especie exótica invasora, xa que impide a creación dos niños e a aparición dos exércitos de obreiras. Porén, debido ao mal tempo da primavera, as tarefas de trampeo en Galicia comezaron máis tarde do agardado.  Segundo sinalan desde o municipio carballés, nestes traballos foi clave a axuda dos apicultores, os cidadáns e, en especial, dos alumnos e alumnas dos centros de educación infantil e primaria do concello, que participaron durante xaneiro e febreiro nunha campaña divulgativa para saber detectar e actuar ante estes insectos.

Publicidade

 

No chamativo caso de Carballo, en varias parroquias contáronse por centos as capturas de raíñas. Destacan as cifras de Rus (594 raíñas), a capital municipal (421), Razo e Oza (354), Artes (161) e Ardaña (151).

Trampeo de raíñas

Para evitar a aparición de niños, é recomendable instalar trampas que se poden facer con materiais ao alcance de todos. Nunha botella de plástico cun burato polo que poida entrar a avespa, pódese botar un líquido atraínte, como auga con azucre ou zume. É aconsellable situar as trampas preto de árbores como os camelios ou os rododendros, que atraen de xeito especial á velutina. Calquera persoa que detecte un niño destas vespas pode comunícalo aos teléfonos 012 ou 112.

Como é o ciclo da vespa velutina?

O seu ciclo anual distribúese en cinco fases. En inverno, as raíñas fundadoras hibernan e morren os machos e as avespas obreiras. Arredor dos meses de febreiro e marzo, as raíñas comezan a construír os niños primarios, os máis pequenos, en zonas agochadas. Coa primavera, entre abril e maio, nacen as obreiras e mudan ao niño secundario, de maior tamaño, e que adoita estar en zonas elevadas. Aquí, a raíña pon os ovos.

A colonia medra durante o verán, ata alcanzar un máximo de entre 1.200 e 1.800 individuos por colonia entre setembro e outubro. Nesta estación prodúcense a maior parte dos ataques contra as colmeas das abellas. É neste momento cando nacen os machos e as femias e se produce a fecundación. Xa no outono, as raíñas fundadoras emigran do niño secundario e hibernan ata que comeza de novo o ciclo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A nova ameaza das velutinas: o abandono dos pequenos viñedos

Investigadoras da UDC analizan por vez primeira o impacto desta especie invasora sobre a produción de uva

Velutinas, porco vietnamita, cangrexo vermello… Así chegan a Galicia as especies invasoras

María José Servia, investigadora da UDC, augura novos exemplares “co foco poco posto nos himenópteros: avespas, formigas e abellas”

Os vermes que ameazan os cultivos multiplícanse en Galicia: a praga que ninguén esperaba

O crecemento desmesurado desta poboación vén provocado polas altas temperaturas e a humidade entre o final do verán e o inicio do outono

A loita contra a velutina reduce un 20% os beneficios por venda de mel en Galicia

Os apicultores gastaron 561 euros de media, sendo Pontevedra a provincia máis afectada debido ás súas condicións climatolóxicas