Sábado 20 Abril 2024

Comeza a loita contra a ‘Vespa velutina’ en 253 concellos galegos

Apenas comezou a primavera, e o tempo frío e chuvioso non contribúe moito a que se espalle a Vespa velutina, pero os niños xa están aparecendo en Galicia. Segundo os datos da Consellería de Medio Rural a mediados de marzo, xa hai preto de 50 concellos galegos nos que se detectaron máis de cinco niños desta especie invasora no que vai de ano. A maioría deles, nas provincias da Coruña e Pontevedra, as máis afectadas, pero tamén aparecen niños en zonas montañosas, como A Fonsagrada, nos que a presenza do insecto foi moito menor desde a súa chegada.

É clave capturar as raíñas de ‘Vespa velutina’ antes de que se encerren no niño a poñer ovos

Para prepararse ante o previsible incremento do número de niños, a consellería fixo público en febreiro un protocolo de captura de raíñas de Vespa velutina de cara á primavera. Unha acción importante xa que “cada raíña capturada suporá que haberá un niño menos no entorno”, segundo sinala o documento. Debido ao alto nivel de depredación que a Vespa velutina exerce sobre as colmeas de abellas, a colocación de trampas no entorno dos colmeares “presenta unha alta eficacia na captura das raíñas”. O sector apícola é, precisamente, un dos máis afectados polo avance desta especie invasora, que está ocasionando serias perdas económicas na produción de mel.

Publicidade

Coincidindo co final do período de hibernación, as novas raíñas comezan a construír o niño, poñendo primeiro os ovos no niño primario e trasladando despois a pequena colonia ao niño secundario, onde a raíña ficará durante o resto do ciclo anual poñendo ovos. “É necesario aproveitar o período no que as raíñas se mostren activas no exterior do niño na primavera para proceder á súa captura”, un período que se estende ata o mes de xuño.

Instrucións de uso dunha das trampas facilitadas contra a 'Vespa velutina'. Fonte: Medio Rural.

Instrucións de uso dunha das trampas facilitadas contra a ‘Vespa velutina’. Fonte: Medio Rural.

A través das Oficinas Agrarias Comarcais, a Consellería de Medio Rural distribuirá as trampas e líquido atraente aos apicultores que o soliciten. Unha campaña que, segundo La Voz de Galicia, chegará este ano a 253 dos 313 concellos de Galicia, oito de cada dez.

Despois de chegar a Europa por Francia no ano 2004, a Vespa velutina espallouse pola cornixa cantábrica ata chegar a Galicia en 2013. En 2016 xa se retiraran 10.000 niños, e o seu ritmo de crecemento seguiu medrando, pois os últimos estudos falan xa de máis de 21.000 niños establecidos en Galicia. Desde a detección da praga, Administracións Públicas, centros de investigación, universidades, apicultores e outros profesionais traballan para dar cun antídoto contra o seu avance. Con todo, algunhas predicións non son esperanzadoras, e prevén un aumento da súa presenza.

Calquera persoa que detecte un niño destas vespas pode comunícalo aos teléfonos 012 ou 112.

Como é o ciclo da vespa velutina?

O seu ciclo anual distribúese en cinco fases. En inverno, as raíñas fundadoras hibernan e morren os machos e as avespas obreiras. Arredor dos meses de febreiro e marzo, as raíñas comezan a construír os niños primarios, os máis pequenos, en zonas agochadas. Coa primavera, entre abril e maio, nacen as obreiras e mudan ao niño secundario, de maior tamaño, e que adoita estar en zonas elevadas. Aquí, a raíña pon os ovos.

A colonia medra durante o verán, ata alcanzar un máximo de entre 1.200 e 1.800 individuos por colonia entre setembro e outubro. Nesta estación prodúcense a maior parte dos ataques contra as colmeas das abellas. É neste momento cando nacen os machos e as femias e se produce a fecundación. Xa no outono, as raíñas fundadoras emigran do niño secundario e hibernan ata que comeza de novo o ciclo.

 

 

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Velutinas, porco vietnamita, cangrexo vermello… Así chegan a Galicia as especies invasoras

María José Servia, investigadora da UDC, augura novos exemplares “co foco poco posto nos himenópteros: avespas, formigas e abellas”

A falsa endemia de malaria e outros intentos para desecar a lagoa de Antela

A partir do século XVIII a zona húmida foi considerada inimiga da agricultura. Os veciños intentaron evitar o desaugamento das terras que utilizaban para o pastoreo

A UVigo axudará a rexenerar as pradarías submarinas da ría de Aveiro

Este proxecto europeo basearase na maricultura para apoiar as necesidades de plantas e sementes para a súa reintrodución

Un equipo da UVigo avalía o posible impacto da inxección de aerosois na atmosfera para contrarrestar o cambio climático

Os investigadores galegos aseguran que a técnica reduciría a cantidade de enerxía solar que chega á superficie e reduciría a temperatura