Os expertos conclúen que a erradicación da velutina é “prácticamente imposible”

O Museo de Historia Natural da USC acolleu estes días pasados unha xornada na que participaron diferentes colectivos para tratar o problema en Galicia do tártago de patas amarelas (Vespa velutina)Á xuntanza asistiron investigadores das tres universidades galegas e membros da Asociación Galega de Apicultura co obxectivo de atopar vías para o desenvolvemento de métodos de control eficaces, toda vez que a erradicación, segundo puxeron de manifesto na xuntanza, é moi complicada. Ademais, representantes dos principais sectores afectados, integrados na Plataforma Stop Velutina, puxeron en común as diferentes visións e debateron as accións a desenvolver e as propostas para elevar á Administración, como máxima responsable na xestión deste problema.

Participantes na reunión celebrada en Santiago. Foto: USC.

A unión entre o colectivo científico e os sectores afectados pola Vespa velutina foi a principal idea trasladada na xornada do xoves no Museo, que ademais alberga unha exposición temporal sobre esta problemática. A iniciativa partiu da Asociación Galega de Apicultura, que este verán xuntou investigadores e investigadoras das universidades galegas para constituír un grupo de traballo científico no que integrar tamén o sector apícola e outros afectados polo problema.

Publicidade

Sinalan que os a investigación e os esforzos deben centrarse no control da expansión da praga

A principal conclusión do encontro, como deixaron de manifesto, é que ante o avance da praga e a constatación de que a erradicación é “practicamente imposible”, a investigación é “ indispensable” para mellorar os sistemas actuais de loita e atopar novas ferramentas máis eficaces e selectivas que poidan controlar a expansión e “reducir os efectos negativos que produce a Vespa velutina sobre a saúde pública, o medio ambiente e as actividades produtivas do sector primario”. “Faltan recursos e financiamento para continuar investigando e chegar a métodos eficaces de control da praga e diminución dos danos”, denunciaron, á vez que acordaron acudir á Administración galega, a través da Consellaría de Medio Ambiente, a solicitar esas axudas para a investigación, “cunha proposta clara e concreta, elaborada dende unha visión científica e coa experiencia dos apicultores e apicultoras, observadores privilexiados da Vespa velutina e un dos colectivos máis prexudicados”.

Nesa mesma sesión do xoves participou a Plataforma Stop Velutina que, con preto de 50 entidades integrantes, naceu co obxectivo de xuntar forzas para esixir á Administración competente que leve a cabo as accións necesarias para facer fronte a esta praga. “Ao tratarse dun problema global debería ser tratado de forma transversal implicando a todo o aparato institucional pero, dada a súa especificidade en cada territorio e coas particularidades de cada sector afectado, no caso galego é necesario un tratamento específico por parte das Consellarías de Medio Ambiente -en canto problema medioambiental que pon en risco a biodiversidade- e de Medio Rural, apoiando os sectores directamente afectados como é o caso do apícola”, advirten.

Publicidade

Os colectivos reunidos en Santiago son críticos coa xestión da Xunta de Galicia

Neste senso, as organizacións apícolas solicitaron axudas para cubrir os gastos derivados de protexer as colmeas, como por exemplo coa instalación de trampas eléctricas nos colmeares, única medida que demostrou ata o momento resultados positivos pero que require un gran investimento.

Os asistentes á xuntanza foron críticos coa xestión desta problemática por parte da Xunta de Galicia. Así, fronte á “inoperatividade” da comisión de seguimento propoñen a constitución dunha mesa sectorial que inclúa tanto a Administración como o resto de sectores: apícola, agrario, forestal, sindical, concellos, ecoloxistas e académico. Do mesmo xeito, critican que a Xunta delegue o traballo do trampeo ou a retirada de niños nos concellos, moitos deles con escasos recursos e persoal, “deixando avanzar o problema acudindo ao argumento de que hai que convivir coa praga ou que noutros lugares xa non se retiran os niños e amosando así unha actitude pasiva ante este problema”.

Nos próximos días, tanto o Grupo de Investigación sobre a Vespa velutina como os integrantes da Plataforma, elaborarán documentos no que se plasmarán as ideas e propostas traballadas na xuntanza para trasladar ás administracións responsables e continuar co traballo de loita en conxunto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopados os restos óseos dun individuo durante a escavación da foxa de Beira, en Carral

Un equipo da USC busca espazos de violencia franquista na parroquia coruñesa, onde foron enterradas entre agosto e setembro de 1936 un mínimo de 18 vítimas na contorna da igrexa

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un estudo da USC revela que a poboación española avalaría un endurecemento das medidas antitabaco

O artigo sinala que as propostas con menor apoio son a prohibición de fumar en terrazas e o aumento da idade mínima de venda ata os 21 anos

Unha investigación galega afonda nunha enfermidade con só 19 casos no mundo a través do peixe cebra

Un estudo da USC desenvolve un modelo animal co obxectivo de reproducir os síntomas da patoloxía multisistémica RFT1-CDG