“Os argumentos científicos son claros”, di Adolfo Cordero, profesor da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra. Cordero foi un dos expertos consultados polo Comité Científico de Flora y Fauna Silvestres, que asesora ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e Medio Ambiente, para elaborar un ditame no que se resolveu que as especies do xénero Eucalyptus debían ser incluídas no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras. A especie globulus, a máis abundante en Galicia, xa figura como invasor, de feito, na comunidade, segundo o Plan Estratéxico Galego de Xestión das Especies Exóticas Invasoras.
Pero non vai ser así. O Ministerio rexeitou o ditame do seu Comité Científico e o eucalipto seguirá fóra da lista española de especies invasoras. Confirmárono onte fontes consultadas por GCiencia, e cóntao este xoves Materia, que tivo acceso a documentos da Subdirección General de Política Forestal. Este organismo do Goberno criticou duramente o informe dos seus propios asesores científicos, acusándoos dunha “actitude tendenciosa” por emitir “un xuízo de valor premeditado en canto ao carácter invasor destas especies, presuntamente baseado en criterios non científicos e en opinións persoais e políticas”.
Bases científicas
A pesar das críticas do Ministerio, o ditame do Comité Científico enumera decenas de investigacións que sustentan a declaración do eucalipto como invasor. O equipo, coordinado por Inés Álvarez, do Real Jardín Botanico de Madrid, e formado tamén por Ángel Bañanes, Mario Díaz e Montse Vilà, recoñecidos expertos neste eido, consultou tamén a investigadores galegos, como Adolfo Cordero e María Calviño, da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra.
Así tumbou o Goberno a declaración do eucalipto como especie invasora
Na súa argumentación, que fixo pública esta semana a Asociación Ecoloxista Adega, o Comité di que os estudos demostran que o eucalipto emprobrece as cadeas tróficas, altera as propiedades físico-químicas, bioquímicas e microbiolóxicas do solo, provoca perda de biodiversidade, fragmenta os espazos naturais, coloniza espazos abertos e aumenta o risco de incendio, entre outras razóns.
Neste senso, Galicia, onde o eucalipto ocupa máis dun 26% da superficie forestal, estes danos vense incrementados, tal e como sinala o propio Comité. Fala tamén de problemas concretos en espazos protexidos, como as Fragas do Eume, onde se demostrou que o eucalipto “altera significativamente estas propiedades en maior medida que os incendios forestais en bosques autóctonos de carballos”. Outras investigacións demostran tamén que a biodiversidade de aves é menor nos eucaliptais que nos piñeirais e nos bosques autóctonos, así como as súas capacidades pirófitas, é dicir, que medra moito mellor que outras especies en zonas que foron afectadas por incendios forestais.
A petición do Concello de Teo
Este procedemento comeza o 18 de setembro de 2017, cando o alcalde de Teo, Rafael Sisto, presenta un escrito dirixido á Dirección General de Calidad y Evaluación Ambiental y Medio Natural, no que solicita a inclusión das especies – son centos – do xénero Eucalyptus no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras.
Había precedentes que xogaban a favor da petición do Concello de Teo. As especies camaldulensis e globulus xa estaban incluídas no Anexo II do catálogo, consideradas como “con potencial invasor”. Ademais, en 2012, outro ditame do mesmo Comité Científico xa recomendou a inclusión nese catálogo do nitens (tamén presente en Galicia, e que soporta mellor a altitude e o frío que o globulus). Pero un novo Real Decreto anulou o Anexo II, e a inclusión do nitens non se chegou a aceptar, polo que as tres especies mencionadas seguiron sen ser consideradas especies invasoras.
Erradicación do eucalipto
De saír adiante, a inclusión do eucalipto no Catálogo Español de Especies Invasoras levaría consigo, segundo a normativa, un plan de erradicación. Unha medida que deixaría moi ferido ao sector forestal, que dá emprego a milleiros de persoas en Galicia. Algo que, sen dúbida, pesou na decisión do Goberno. Segundo informa Materia, o Concello de Teo xa presentou un recurso contra a decisión.
Aquí podes consultar o ditame do Comité Científico de Flora e Fauna Silvestre sobre o eucalipto