Un pombal na Coruña e dúas antigas escolas en Cenlle entran na Lista Vermella do Patrimonio

Só no que vai de 2025, 14 novas estruturas foron incorporadas á catalogación realizada por Hispania Nostra, das cales tamén hai Bens de Interese Cultural

A Lista Vermella do Patrimonio realizada por Hispania Nostra volver poñer o foco na situación de diversos edificios en Galicia. Desde comezos de ano, 14 estruturas ou conxuntos foron incluídas nesta catalogación, que destaca o seu mal estado e a necesidade urxente de actuar para evitar que o dano sexa irreparable.

Pombal do Reitoral
Pombal do reitoral de Santa María do Xobre

Só desde comezos de setembro, xa hai dous lugares máis nesta lista. Trátase do pombal da reitoral de Santa María do Xobre e as Escolas Pías de Riobó en Ourense. O primeiro, de forma circular e situado na Pobra do Caramiñal, na Coruña, conta cunha cuberta cónica de tella curva. A estrutura está catalogada pola Xunta e no Plan Xeral Ordenación Municipal e está asociado ao conxunto de edificios da reitoral, que foi residencia da aristocracia eclesiástica en época barroca e reedificada no ano 1758 para incluir un patio de uso agrícola. Desde a asociación Hispania Nostra consideran que o estado de todo o conxunto reitoral é deficiente, pero que o pombal é o elemento en peor estado.

Publicidade

Un ano en vermello

No caso das Escolas Pías, son dous edificacións xa que distinguían por xénero aos seus alumnos (nenos e nenas). Foron fundadas polo titular do pazo de Riobó (en Cenlle) e cóengo da catedral de Santiago Bernardino de Prado e Ulloa no ano 1780. O espazo foi fundamental na educación dos rapaces da zona de Riobó, Anllo, Osmo e outras aldeas veciñas.

A escola das rapazas conta con dúas plantas ocupadas con aulas grandes. O edificio, feito con boa cantería e con marcos e relevos nas xanelas e portas, tamén ten balcóns de ferro nos laterais. No caso dos nenos, cunha estrutura similar, conta tamén coa placa da inscrición da súa fundación. A diferenza da das rapazas, tivo unha reforma en 1915, malia que o seu estado actual segue a ser bastante malo.

Publicidade

No que levamos de ano, Galicia xa conta con 14 novas estruturas patrimoniais na lista vermella. O peor mes foi o de xullo, con cinco novas incorporacións. Entre elas, atópanse Bens de Interese Cultural como o Hórreo do Cura de Ribela, na Estrada. Creado a finais do século XVIII e comezos do XIX, a súa función era almacenar o gran que se recollía das rendas eclesiásticas. Con dez claros, 22,2 metros de lonxitude e 1,5 metros de ancho é un dos máis grandes de Galicia pero o seu estado de conservación é, segundo Hispania Nostra, preocupante. “Presenta un alto risco derrube”, expón na descrición.

A Torre-Fortaleza de Burón. Foto: Hispania Nostra.
A Torre-Fortaleza de Burón. Foto: Hispania Nostra.

A Lista Verde

Aínda máis antigo é o caso da Torre-Fortaleza da Proba de Burón, na Fonsagrada. Construída no século XV era propiedade dos condes de Altamira. Situábase xunto ao camiño primitivo de Santiago, e foi reconstruída tras as revoltas Irmandiñas do século XV. Foi a capital administrativa do antigo concello de Burón. A torre presenta xa numerosos derrubes e a vexetación e as gretas ameazan con causar máis danos importantes no edificio.

Outros casos son a casa renacentista do Vao, a torre de Friol ou ata a Central Térmica das Pontes que, malia que a maioría das estruturas presentan un bo estado, algunhas das salas teñen previstas o seu desmantelamento. Hispania Nostra tamén ten unha lista verde, que inclúe aqueles bens reparados. En Galicia, 17 conxuntos estruturais están incluídos nesa catalogación. Nos últimos anos, a única incorporación foi a Torre do Olivar, un edificio de entre o século XV e XVI que foi retirada da lista vermella no ano 2024.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un ensaio na Serra do Candán propón cambiar a disposición das colmeas para frear o ácaro que arrasa as abellas

A estratexia baséase en xirar as estruturas 90 graos para crear un ambiente máis húmido que axude a cortar a reprodución do parasito

O científico galego César de la Fuente lidera a creación dunha IA para deseñar antibióticos máis eficaces

A ferramenta ApexGO permite optimizar moléculas e acelerar a obtención de tratamentos fronte a patóxenos resistentes

Os mapas dos temporais máis extremos de Galicia: Copernicus reconstrúe 80 anos de datos atmosféricos

A ferramenta europea Weather Replay permite analizar episodios históricos mediante simulacións meteorolóxicas interactivas

A Xunta publica o novo mapa das zonas de baño de Galicia: estas son as 42 praias non aptas

A Coruña é a provincia con máis áreas nas que está prohibido mergullarse, como no areal urbano da Virxe do Camiño, no concello de Muros