Cinco mozas galegas defenden na ONU un sistema para protexer o mar: “Aprendemos moitísimo”

Quitina é o nome do proxecto e o material biodegradable usado polas estudantes do colexio ourensá para substituír os palillos plásticos

Cando unha persoa pensa nas Nacións Unidas (ONU), polo xeral ten a imaxe das salas ateigadas de políticos, de longos discursos en diferentes idiomas e do impoñente edificio da súa sede en Nova York. É o centro da política mundial no que, malia que moitas veces se amosa impotente para tomar decisións importantes, tamén hai centos de persoas realizando accións para mellorar o mundo. E, nesa lista, xa forman parte  Ainhoa, Alba, Ángela e Jimena, alumnas de cuarto da ESO do Santo Ángel de Ourense que presentaron un innovador sistema para facer a pesca máis sostible.

O seu proxecto, Quitina, pretende dar solución a un problema habitual no mar galego: a acumulación de residuos plásticos procedentes das bateas de mexillón. As alumnas, xunto coa súa profesora Rocío Prieto, deseñaron un sistema de suxeición alternativo aos palillos plásticos. Para iso, utilizaron biopolímeros biodegradables derivados da quitina, que é unha substancia presente en crustáceos e moluscos.

Publicidade

“Vimos que máis ou menos a resistencia mecánica e química era moi similar á dun palillo normal”, destaca Prieto. A pasada semana, foron as rapazas as que tiveron que explicar a idea, todos os días, a diferentes grupos por distintos lugares de Boston e Nova York. Tamén visitaron outros espazos, con charlas e actividades de carácter social situados na Estatua da Liberdade, no Museo da Inmigración e no Museo de Arte Moderno (MoMA). Fixeron presentacións nas oficinas de Google, na Universidade de Yale, no Instituto Tecnolóxico de Massachusets (MIT) e, con algo máis de nervios, nas Nacións Unidas.

Representar a Galicia

As galegas, ás portas da sede da ONU

“Elas presentaron o proxecto centos de veces e sempre o fan con cariño, pero claro, a ONU impón”, admite Prieto. A profesora di que a pesar da mistura entre nervios e a responsabilidade de representar a Galicia, fixérono moi ben. “Claro, na ONU non nos deixaron pasar nada, fomos sen prototipos, sen imaxes, era máis difícil”, concreta. A sala estaba repleta de asentos, de embaixadores e de representantes de diversos países que centraban a súa mirada nas galegas. Tamén contaba con numerosos dispositivos de tradución. Por suposto, isto ofreceu varios desafíos, coma no caso da palabra ‘batea‘. “Fóra das nosas costas, pouca xente sabe o que é”, recorda a profesora.

Publicidade

Ao rematar, as rapazas tiveron a oportunidade de falar de forma máis distendida e co apoio de imaxes sobre as súas ideas. A conversa serviu para achegar un problema ecolóxico real ás máis altas institucións, que é algo sinxelo e viable. Para o equipo foi unha experiencia única para aprender máis sobre como desenvolver a súa idea. Na ONU, explicáronlles como hai varias liñas de actuación que se axustan ao proxecto das rapazas. Na súa viaxe, xunto con outros seis equipos españois, recibiron formación sobre propiedade intelectual, posibles colaboracións e outros conceptos como o Producto de Mínimo Viable (MVP). “Aprendemos moitísimo”, explicou a profesora.

As estudantes galegas, no MIT

Un traballo de clase

Todo xurdiu dun traballo de aprendizaxe e servizo para realizar na clase, baseado nalgún dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS). Elas quixeron facer algo vinculado co mar. “Están as praias cheas destes palillóns, dixen e xa me dixo unha delas: Ah si, eu tamén os vin!”, relata Prieto.

A partir de aí, comezou un traballo de investigación. Trataron de falar con profesionais para entender que se estaba a facer, e como buscar materiais que puidesen ser máis respectuosos co medio ambiente. “Contactamos cunha empresa francesa que traballaba cos filamentos dos moluscos e que daban bos resultados”, explica. Tras facer os primeiros prototipos e mandalos a laboratorios, puidemos ver que a resistencia mecánica e química era moi similar. “As probas están dando bos resultados”, destaca Prieto.

Máis de 2.000 proxectos

O equipo participou, xunto con outros 99 finalistas, no Campus EduCaixa celebrado en Barcelona do 7 ao 10 de maio. Entre diversos obradoiros e encontros, todos os grupos debían defender as súas propostas ante un grupo de expertos. En total, sete dos 2.034 proxectos presentados puideron ir ata Estados Unidos. Toda unha oportunidade para amosar as súas ideas.

As catro rapazas, que cursan 4º da ESO e todavía co bacharelato por diante, non teñen de todo claro que carreira escollerán. De momento, todas están na rama científica. Iso si, elixan o que elixan, xa teñen un proxecto que pode ter moito percorrido. E, tamén, unha experiencia única que poderán contar durante toda a súa vida.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inestabilidade e risco extremo de incendio: así será o tempo durante a fin de semana en Galicia

O vento do nordés deixará case 20 graos de diferenza entre o sur e o norte da comunidade galega

O polbo e dúas especies de lura, entre os cefalópodos máis vulnerables ao quecemento do mar en Galicia

Un estudo internacional no que participa o IEO de Vigo analiza como a temperatura, salinidade e profundidade condicionan a distribución das especies

Un modelo da UDC simula como se comportará a rótula tras unha operación de prótese de xeonllo

A ferramenta desenvolvida no CITENI permite comparar diferentes escenarios cirúrxicos e adaptados ás características de cada paciente

Unha noite máxica: estas son as imaxes da eclipse do 12 de agosto en Galicia

O evento congregou grandes grupos de persoas tanto dentro da franxa de totalidade como na de parcialidade