A educación, a clave para evitar a violencia sexual continua que sofren as mulleres

A investigadora da UVigo Rosana Martínez presentou no campus de Ourense a súa tese, que aborda o problema da violencia e ciberviolencia

A violencia sexual, lembra Rosana Martínez, investigadora do Grupo de Saúde, Sexualidade e Xénero da Universidade de Vigo, “é unha realidade que sofren maioritariamente as nenas e mulleres”. Na infancia e na adolescencia, detalla, é cando comezan as súas primeiras experiencias que se materializan a través do abuso sexual infantil e/ou acoso sexual entre iguais pero “as violencias sexuais seguen o seu transcurso na etapa adulta dunha muller, transformándose en condutas de acoso sexual, acoso por razón de sexo e agresión sexual”. Desta forma, “a violencia sexual convértese na violencia máis xeneralizada e menos recoñecida do mundo”, afirma. Na súa tese de doutoramento, esta educadora social abordou este continuo das violencias e das ciberviolencias sexuais e o papel que a educación pode xogar na súa prevención.

A tese, titulada O continuo das (ciber)violencias sexuais nas mulleres: a educación sexual como prevención, foi presentada na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense baixo a dirección de Yolanda Rodríguez e Maria Victoria Carrera. Para entender esta perspectiva das (ciber)violencias como “unha realidade constante e continua ao longo da vida” e para contribuír á súa prevención, na súa tese, explica Rosana Martínez, marcouse como obxectivo analizar as situacións de violencias sexuais que sofren adolescentes e mulleres ao longo da vida, tanto na esfera on-line como off-line, e profundar nas intervencións da educación sexual especialmente dirixidas cara o colectivo adolescente. A inclusión da esfera virtual, sinala, débese a que “a revolución tecnolóxica ten creado un novo espazo no que as e os adolescentes perpetúan situacións de violencia entre os seus iguais e nas relacións de parella (como o cibercontrol, o sexting e a sextorsión, entre outros)”.

Publicidade

Con este obxectivo, detalla Rosana Martínez, leváronse a cabo catro investigacións no marco do Grupo de Investigación de Saúde, Sexualidade e Xénero da UVigo nas que se empregaron metodoloxías de tipo cuantitativo e cualitativo e que deron lugar á elaboración por parte da investigadora de catro artigos de investigación nos que se recollen e valorizan os seus resultados.

Estes resultados, subliña a xa doutora, “visibilizan como as violencias sexuais tanto no plano on-line como off-line convertéronse nun feito xeneralizado, normalizado e continuo na vida de adolescentes e mulleres”. Por este motivo, subliña, “é fundamental implementar programas de educación sexual no sistema educativo, baseados nunha perspectiva integral que permitan aos/as adolescentes desenvolver coñecementos, actitudes e destrezas para mellorar a súa saúde sexual, así como o desenvolvemento do pensamento crítico que lles capacite para defender os seus propios dereitos desde a igualdade, o respecto e a tolerancia cero cara a violencia sexual e de xénero”. Nestes programas, afirma, “é fundamental tamén que se inclúa a prevención da violencia a través das TIC, para que as mozas e mozos poidan vivir as súas relacións socioafectivas, tanto off-line como on-line, de forma igualitaria, respectuosa e libre”.

Publicidade

Rosana Martínez (na imaxe de negro) coas súas directoras de tese e o tribunal que a avaliou. Foto: Duvi.
Rosana Martínez (na imaxe de negro) coas súas directoras de tese e o tribunal que a avaliou. Foto: Duvi.

Un dos estudos recollidos na tese é Ciberacoso en parellas, sexismo, pornografía e sexting en adolescentes: novos desafíos para a educación sexual, que forma parte dun proxecto de violencia dixital nas relacións afectivo-sexuais de adolescentes financiado pola Deputación de Ourense en colaboración coa UVigo. Nel, levouse a cabo un traballo cuantitativo no que participaron 993 estudantes españois de Educación Secundaria. “Os principais resultados evidencian que os rapaces levan a cabo máis comportamentos de sexting e consumen máis contido pornográfico on-line que as rapazas”, sinala a xa doutora. O estudo tamén amosa que “as e os adolescentes presentan actitudes sexistas ambivalentes, sendo os rapaces os que teñen maior nivel de sexismo hostil e benevolente que as rapazas”. Os rapaces e rapazas máis “sexistas benevolentes” e que levan a cabo máis comportamentos de sexting, tende segundo este estudo a cibercontrolar máis á súa parella.

A tese tamén recolle o estudo A análise da campaña #PrimAcoso: un continuo de violencias sexuais, que forma parte do proxecto O Meu Primeiro Acoso Sexual, financiado polo Concello de Pontevedra e no que se analiza a primeira experiencia de violencia sexual que teñen sufrido as mulleres ao largo da súa vida a través dos tuits de denuncia na Campaña #PrimAcoso. Os resultados indican que dos 688 tuits analizados, o 75% aluden a casos de múltiples violencias sexuais contra os menores de 18 anos (65% foron situacións de abuso sexual a menores e o 11% acoso sexual entre iguais), e o 24% a múltiples violencias contra as mulleres adultas (21,3% acoso sexual, 1,6% acoso por razón de sexo e 1,1% agresión sexual). “As conclusións deste estudo permítennos evidenciar que o perfil do acosador na súa gran maioría é de homes descoñecidos para a vítima e con menos frecuencia homes coñecidos, pertencentes ao ámbito laboral, académico e/ou de amizades”, afirma a investigadora.

O acoso sexual na universidade: a visión do alumnado foi outro dos estudos abordados, neste caso no marco do proxecto de diagnose de acoso sexual na Universidade financiado pola Unidade de Igualdade da UVigo e destinado a analizar os coñecementos, as percepcións e as actitudes do alumnado cara o acoso sexual. Nel realizáronse entrevistas e grupos de discusión nas que participaron 77 estudantes. Sobre a información recadada, Rosana Martínez sinala que “os resultados evidencian que o alumnado ten poucos coñecemento sobre o acoso sexual e, ademais, non recibe formación que lle achegue as ferramentas que lle permitan identificalo e combatelo”. As situacións máis habituais de acoso sexual no contexto universitario, segundo se recollen no estudo, materialízanse segundo o alumnado entrevistado a través de comentarios verbais e non verbais. “As e os estudantes perciben actitudes permisivas cara o acoso sexual por parte dos profesores e tamén por parte da Universidade, considerando que non hai unha verdadeira implicación para intervir nas situacións de acoso sexual”, sinala Rosana Martínez.

Por último, a tese recolle os resultados do estudo A educación sexual no centro de atención: que está funcionando?, no que se leva a cabo unha revisión sistemática dos estudos existentes sobre as intervencións de programas de educación sexual nos centros educativos, nas plataformas dixitais e con metodoloxías de aprendizaxe mixtas (on-line versus off-line) para o colectivo adolescente e se analiza a súa efectividade. “Os resultados evidencian que a maioría dos programas de educación sexual para as e os adolescentes céntranse principalmente en reducir as conductas de risco (por exemplo, VIH/ITS e embarazos non desexados), mentres que se obvian temas como o desexo e o pracer”, afirma a investigadora da UVigo.


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Arden máis os espazos protexidos? Cando os datos non xustifican o relato

Os estudos dispoñibles non demostran que a protección aumente o risco de incendio nin que unha maior intervención sobre a vexetación sexa a resposta
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto