ENCE produce celulosa a partir da madeira de eucalipto. Imaxe: Pixabay.
ENCE produce celulosa a partir de madera de eucalipto. Imagen: Pixabay.

O Goberno avalou o eucalipto co informe dun catedrático que foi patrocinado por ENCE

Aquí podes ler a noticia en castelán:

El Gobierno avaló el eucalipto con el informe de un catedrático que fue patrocinado por ENCE

O Goberno recorreu a un experto que fora financiado por ENCE para tumbar o ditame do seu propio Comité Científico, que pedía declarar o eucalipto como especie exótica invasora. Luis Gil, catedrático da Universidad Politécnica de Madrid, é o autor do informe no que se apoiou a Subdirección General de Política Forestal para desautorizar ao Comité. No documento asinado por Gil criticábase e poñíase en dúbida a calidade científica do ditame, que fora apoiado de forma unánime por un grupo de expertos designados polo propio Ministerio.

Tal e como amosan informacións e documentación da propia empresa e a Universidad Politécnica de Madrid, o departamento de Xenética e Fisioloxía Vexetal, do que Gil é investigador responsable, participou nun proxecto que ENCE financiou en Etiopía.

ENCE e “Eucalipto solidario”

Información publicada na web da Universidad Politécnica de Madrid na que se menciona o patrocinio de ENCE ao congreso sobre o eucalipto en Etiopía.
Información publicada na web da Universidad Politécnica de Madrid na que se menciona o patrocinio de ENCE ao congreso sobre o eucalipto en Etiopía.

O proxecto “Eucalipto solidario” comezou en 2004, froito da colaboración entre o Grupo de Cooperación de Apoyo al Desarrollo Forestal da Universidad Politécnica de Madrid e o Ethiopian Institute of Agriculture Research, para favorecer o desenvolvemento de comunidades rurais das Terras Altas de Etiopía a través de actividades forestais. ENCE sumouse en 2006 e colaborou durante varios anos con cartos, persoal, coñecemento e materiais para poñer en marcha plantacións de eucalipto.

Desde entón, varias actividades dan conta da relación entre ENCE e Luis Gil. Así, nas memorias de sustentabilidade da empresa en 2008 e 2010 menciónase a colaboración co proxecto impulsado pola Politécnica de Madrid no marco das súas actividades de responsabilidade social corporativa. Segundo o recollido nestas memorias, a empresa enviou sementes e plantas de eucalipto ao país africano.

Nas actas do Congreso agradécese a ENCE o apoio financieiro que prestou

E en setembro de 2010 celebrouse no país un congreso que, segundo as informacións que se publicaron daquela, estaba patrocinado por ENCE. Levaba por título “Historia, estado actual e tendencias da xestión de plantacións de eucalipto en Etiopía”. Froito desta colaboración entre a pasteira, o grupo de investigación da Universidad Politécnica de Madrid e os científicos etíopes xurdiron varios artigos publicados en revistas científicas nas que se poñía énfase no suposto impacto positivo do eucalipto nos ecosistemas das Terras Altas de Etiopía e na economía da poboación local.

Luis Gil, en conversa con GCiencia, confirmou que ENCE financiou o Congreso. O catedrático, segundo el mesmo detallou, figura como responsable dun contrato de patrocinio polo que a empresa pasteira pagou 16.000 euros. Esta cantidade destinouse aos gastos de asistencia dalgúns dos participantes no Congreso, á infraestrutura do evento e á edición dun libro no que se recollen as achegas investigadoras. GCiencia contactou con ENCE para recabar máis información sobre este tema, pero aínda non obtivo resposta.

O apoio de ENCE aos proxectos de investigación no eido forestal non son un feito novidoso. Por exemplo, desde o ano 2000 desenvólvese na Universidade de Vigo a Cátedra ENCE, coa que se financia a creación de coñecemento destinada ao sector. Con todo, as colaboracións previas entre Luis Gil e a empresa poñen en dúbida, segundo fontes consultadas por GCiencia, a idoneidade de que el fora o experto no que se apoiase o Goberno para emitir unha resposta imparcial sobre o ditame do Comité Científico.

A polémica sobre o eucalipto

A comezos do mes de abril coñeceuse que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Medio Ambiente rexeitaba declarar ao eucalipto como especie exótica invasora. Foi unha decisión adoptada en contra do que ditaminara, de forma unánime, o Comité Científico de Flora e Fauna Silvestre – un equipo asesor do propio Ministerio, e composto por investigadores de recoñecido prestixio – que recomendara a inclusión do xénero Eucalyptus no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras.

No informe que tumbaba o ditame dos expertos que foran requiridos polo Goberno, e alén dunha serie de argumentos meramente científicos, a Subdirección General de Política Forestal criticaba aos investigadores con argumentos que poñían en dúbida o método científico empregado. Dicíase que había unha “actitude tendenciosa“, “en orde a emitir un xuízo de valor premeditado en canto ao carácter invasor destas especies, presuntamente baseado en criterios non científicos e en opinións persoais e políticas”.

Gil acusa de “maliciosas” as argumentacións do Comité e de “ignorantes” a “quen as acepta e defende”

E para reforzar o sentido da súa resolución, o Ministerio presentou o informe de Luis Gil, no que se cita unha bibliografía de 35 artigos. O documento, que levaba por título “Análise da ecoloxía de Eucalyptus nitens e do estado actual desta especie alóctona en España”, non só abordaba aspectos relacionados coa evidencia científica, senón que se dedicaba un longo apartado á importancia económica da árbore, especialmente no caso de Galicia, e se criticaba o “prexuízo estético e ideolóxico” que hai sobre o eucalipto respecto aos supostos danos que causa no ecosistema.

GCiencia tamén preguntou a Luis Gil pola posible parcialidade que puidera haber ante a súa colaboración con ENCE. Negou que haxa conflito de intereses, e engade que é “moi crítico” coa empresa nalgúns aspectos. O catedrático, profesor da Politécnica desde 1983 e estudoso do eucalipto desde hai máis de 30 anos. Expón: “A miña opinión está baseada no que di a ciencia sobre a especie”, di. E remarca: “Consultei outras fontes para completar a información allea á miña especialización para lograr unha visión máis completa”.

Sobre o ditame do Comité Científico, o catedrático di “que se atribúen (ao eucalipto) unhas cualidades non demostradas a unhas especies que son beneficiosas e ‘solidarias’ para a propiedade rural. Non se fala de calidade de paisaxe, que é unha cuestión opinable; fanse afirmacións que son consideradas opinións científicas e non son verdade, polo que contribúen á desinformación xeral”. E engade que os membros do Comité emiten “opinións persoais” que son “maliciosas, e quenes as aceptan e defenden, ignorantes“.

O procedemento, que comezara a raíz dunha solicitude do Concello de Teo para declarar ao eucalipto como especie invasora, seguirá nos tribunais nos próximos meses. Segundo confirmou o goberno local de Teo, recurrirán ao Contencioso a decisión do Goberno.

Tamén podes ler:

medioambiental/eucalipto-invasor-goberno/

medioambiental/informes-goberno-eucalipto/

 

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.