Crean por accidente unha encima ‘mutante’ que devora plástico

Un equipo de científicos británicos e estadounidenses creou “accidentalmente” unha encima que devora o plástico a unha velocidade considerable, o que podería ter implicacións na mellora do tratamento deste tipo de residuos. No achado participaron investigadores da universidade de Portsmouth e do Laboratorio Nacional de Enerxía Renovable (NREL) dos Estados Unidos, e os resultados da investigación acaban de ser publicados na revista Proceedings of the National Academy of Sciences (PNAS).

O descubrimento produciuse cando os investigadores estaban a examinar a estrutura dunha encima natural presente nunha bacteria, a Ideonella sakaiensis, que fora atopada tamén casualmente en 2016 nun vertedeiro de Xapón. Naquel momento, un artigo publicado en Science describía como a bacteria podía alimentarse de plástico a través da acción da encima. Aos científicos chamoulles a atención que este organismo fose capaz de degradar un produto como o tereftalato de polietileno (PET), principal material empregado nas botellas de plástico, e que non existiu ata a súa síntese nos anos 40. Isto suxería que a bacteria experimentou algún tipo de mutación para poder procesar este composto.

Publicidade

Ao estudar a encima, desenvolveron unha mutación que melloraba a súa capacidade de devorar plástico

Unha vez descrita a encima responsable de que a bacteria puidera degradar o PET, os científicos estaban a estudar a súa estrutura cando, de xeito accidental, desenvolveron unha mutación nova na encima, que acelerou aínda máis a súa capacidade á hora de degradar este tipo de plásticos. “A casualidade xoga ás veces un papel importante na investigación científica, e o noso achado non é unha excepción”, declarou John McGeehan, investigador da universidade de Portsmouth. Para coñecer mellor a estrutura desta encima, o equipo investigador empregou o Diamond Light Source, un aparello punteiro de raios X que permite estudar a nivel molecular os compostos.

Deste xeito, a encima, denominada PETasa, degrada as botellas e outros recipientes de plástico dun xeito moito máis rápido que no medio natural, como é o caso dos océanos, onde estes compostos tardan anos en desintegrarse. Así, contaminan o ecosistema e provocan danos na flora e na fauna mariñas.

Publicidade

E o resultado podería ser aínda mellor. “Aínda que a mellora é modesta, este achado inesperado suxire que hai lugar a mellorar aínda máis estas encimas, achegándonos máis preto dunha solución para o crecente problema dos residuos plásticos”, segundo sinala McGeehan. A polución causada por estes compostos é un dos maiores problemas medioambientais aos que se enfronta a Terra.

 

 

 

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tres cruceiros coinciden (outra vez) no porto de Vigo: isto é o que contaminan

Colectivos ecoloxistas denuncian o desembarque de 14.000 pasaxeiros provoca un turismo de altas emisións contaminantes, equivalente a que 18 millóns de coches circulen pola cidade

Unha grande obra hidráulica bloquea o caudal do río Umia: estas son as consecuencias medioambientais

Os biólogos alertan da alteración do ecosistema por unha obra que algúns dos afectados sospeitan que pode estar ligada ao abastecemento de auga da Illa da Toxa

O caso da sentenza das Conchas: por que a Xunta volve abrir o decreto sobre nitratos da Limia?

A reapertura da consulta pública coincide co primeiro fallo do TSXG sobre o encoro e impulsa o debate para frear a contaminación da comarca

Un método creado na UDC predí a liberación de fibras nos téxtiles para reducir o seu impacto ambiental

A tese de Mercedes Pereira analiza 25 estruturas elaboradas con poliéster, algodón, la, viscosa e elastano en escenarios próximos á vida real