Xoves 25 Abril 2024

As nove especies de fauna e flora ameazadas polo megaproxecto industrial de Palas de Rei

A multinacional portuguesa Altri quere construír unha fábrica de fibras téxtiles na comarca da Ulloa, nun espazo ambiental sensible e preto da Rede Natura

Palas de Rei, municipio da provincia de Lugo, é a zona que a multinacional portuguesa Altri mantén como favorita para construír unha fábrica de fibra téxtil. O tecido que pretenden producir denomínase lyocell e para a súa elaboración precísanse grandes cantidades de madeira de eucalipto e de auga doce. O espazo onde se instalaría a planta de Altri sería a Finca Rioseco, unha parcela de alto valor medioambinental que linda coa Serra do Carreón, pertencente á Rede Natura 2000 e declarada Zona de Especial Conservación (ZEC). Esta é, por tanto, unha área altamente sensible a nivel ambiental que conta, ademais, con varias especies ameazadas que se poderían ver afectadas.

Hai unhas semanas, varias asociacións ecoloxistas e entidades galegas emitiron un comunicado para advertir do risco medioambiental que suporía a construción desta factoria na comarca da Ulloa. Segundo os colectivos asinantes, trátase dun espazo con varias especies de fauna en perigo de extinción e especies de flora exclusivas desta área xeográfica. Deste modo, a construción da fábrica de Altri ameazaría a poboacións que actualmente xa viven nunha situación de vulnerabilidade.

Publicidade

Nos arredores da Finca Rioseco hai varias especies de fauna ameazadas e varias especies de flora exclusivas desta área

Segundo recolle o comunicado, as principais aves en perigo de extinción nos arredores da Finca Rioseco son a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a gatafornela (Circus cyaneus), dúas especies que viven en terreos de monte baixo, polo que a alteración e destrución do seu hábitat tería efectos directos sobre estas aves. Ademais, este proxecto afectaría tamén de forma significativa a dúas especies de anfibios, a rela (Hyla molleri) e a rá patilonga (Rana iberica).

No tocante á flora, hai varias especies na zona da Ulloa que só existe nesta área xeográfica. A maiores, dende hai anos, a súa situación é moi grave porque están en perigo de extinción. Trátase da chamada herba de namorar de Merino (Armeria merinoi), a magarza de Barazón (Leucanthemum gallaecicum) e a santolina de Melide (Santolina melidensis). 

As aves: a tartaraña cincenta e a gatafornela

Máis polo miúdo, a tartaraña cincenta e a gatafornela son dúas especies de aves de rapiña que nos últimos anos sufriron unha perda importante de biodiversidade en Galicia, provocada en gran parte polos cambios no uso do solo. Tal e como indica un informe do biólogo Luis Tapia, publicado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), nos últimos anos desapareceron en Galicia grandes formacións de matogueiras, turbeiras e pasteiros que servían de hábitat para moitas especies de fauna e flora.

De feito, ditas especies aparecen rexistradas como “vulnerables” tanto no Libro Vermello das aves de España, no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial, como no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, aínda que son moitos os expertos que tras avaliar a súa situación no territorio galego demandan que pasen a ser consideradas como especies “perigo de extinción”.

Segundo indica o Catálogo de Biodiversidade da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a tartaraña cincenta é de menor tamaño que a gatafornela. Caracterízase por ter unhas ás longas, estreitas e puntiagudas. Ademais posúen unha cola alongada e os machos adoitan ser de cor máis clara que as femias, que locen tons máis pardos. En Galicia adoitan habitar entre a vexetación de pasteiros, humedais e matogueiras, entre toxos e arbustos, ubicados en zonas próximas a pequenas lagoas ou acumulacións de auga. Pola súa parte, a gatafornela ten a súa plumaxe agrisada e branca no ventre, as súas ás longas e anchas coas puntas negras e a cola tamén longa e ancha. Adoita vivir en zonas de certa altitude, pero tamén en matogueira densa.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Son dúas especies migratorias, a primeira sahariana e a segunda europea central. En España, a súa cría dáse en zonas moi localizadas, sobre todo na parte central e leste do país. En Galicia, unha das zonas onde se concentran é na área entre Palas de Rei e Melide, mais nos últimos anos están a piques de desaparecer debido á transformación dos pasteiros e matogueiras en plantacións de pinos e eucaliptos, dato que recolle na páxina da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente. “As grandes transformacións nos últimos anos, con tanta eucaliptización e roces masivos en zona de matogueira, provocaron que a situación destas especies sexa hoxe en día aínda máis grave do que era”, explica Serafín González, investigador do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).

Os anfibios: a rela e a ra patilonga

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda declarou o pasado 19 de abril espazo privado de interese natural o lugar denominado Fragas e Brañas do Alto do Gaiteiro, na provincia de Aa Coruña, aprobándose así as súas normas de xestión e de conservación. Neste informe recóllese e valórase a biodiversidade desta área, o que xa supón un avance para a preservación de especies de anfíbios como a rela e a ra patilonga, que adoitan vivir nestas zonas de matogueiras das brañas e lagoas.

En España estas especies atópanse ameazadas. “Coa construción da fábrica nesta parcela da Ulloa, onde hai unha pequena lagoa que acolle estes dous tipos de ras, destruiríase directamente o seu hábitat, non só pola alteración do terreo, senón tamén polo enorme consumo de auga que tería a fábrica e a contaminación de lagoas e rías próximas á mesma”, expón González.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Flora exclusiva de Galicia, en risco de extinción

A herba de namorar de Merino, a magarza de Barazón e a santolina de Melide son tres especies de flora que só se atopan na área serpentínica do centro de Galicia. “Son plantas moi especiais, asociadas a un tipo de rocha denominada serpentina ou serpentinita, que son relativamente escasas a nivel mundial, que se caracterizan por ter grandes concentracións de níquel e magnesio e presentar menor calcio do que teñen as rochas habituais”, indica o presidente da SGHN. Estas concentracións de metais pesados adoita ser tóxica para moitas plantas, e isto dificulta ou impide que medren neste tipo de solos. “Porén, hai unha serie de especies que poden sobrevivir neses medios, especies que adoitan existir únicamente nos afloramentos serpentiníticos da zona de Melide”, engade.

Segundo expón o Catálogo de Flora Vulnerable da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a herba de namorar de Merino adoita vivir en zonas moi específicas, xeralmente de matogueiras, prados e solos temporalmente encharcados. As súas poboacións están localizadas na Serra do Careón, incluidas entre os Lugares propostos de Importancia Comunitaria (LIC). Debido á sua escasa distribución a nivel mundial, esta especie atópase en constante ameaza, sobre todo pola construción de novas vías de comunicación, pastoreo ou de explotación forestal.

O pase de diapositivas require JavaScript.

A margarza de Barazón é a segunda especie orixinal de Galicia, en especial de afloramentos puntuais de rochas ultrabásicas de Melide. Habita en pasteiros, matogueira aberta e ocasionalmente nos bornos dos camiños. En condicións naturais hai un equilibrio entre as plantas que morren e as que nacen, mais, nos últimos anos, os incendios supuxeron un dos principais motivos que poñen en risco a súa existencia, alterando de forma imprevisible a dinámica poboacional da especie.

Por último, a santolina de Melide localízase no límite entre as provincias da Coruña e Lugo (Santiso e Palas de Rei), dentro do LIC Serra do Careón. Aínda que a súa taxa de mortalidade é moi elevada, estímase que a poboación permaneza estable nos próximos anos debido a que unha porcentaxe dos individuos vexetativos se corresponde con xuvenís. Desenvólvese en solos de pouca fertilidade, con abundancia de magnesio e elementos tóxicos. Principalmente, atópase ameazada pola transformación do seu hábitat en eucaliptais e prados.

Outras especies en risco arredor do río Ulloa

Ademais das especies menicionadas, os cambios no terreo nesta zona de Ulloa son tamén ameazantes para outro tipo de fauna e flora pola que diversos colectivos ecoloxistas e expertos neste ámbito levan anos loitando por protexer e preservar en Galicia. Entre elas, o desmán ibérico (Galemys pyrenaicus), mamífero de augas limpas e correntes, e o mexillón de río (Margaritifera margaritifera), son dúas especies en perigo de extinción que actualmente están protexidas polo Programa LIFE Margal Ulla, coordinado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en colaboración coa USC e Augas de Galicia, e financiado pola Unión Europea.

O pase de diapositivas require JavaScript.

O obxectivo a conseguir é o de desenvolver unha serie de accións na área da cunca do Ulla, orientadas a conservar as súas poboacións. “A gran cantidade de auga que demandaría a fábrica de Altri, unido ás verteduras desta industria, entre outros factores, terían unha repercusión notable sobre estas especies que poderían verse gravemente prexudicadas e ata chegar a desaparecer”, admite Serafín González.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Ulla, un tesouro en perigo: Altri, Touro e todas as ameazas dun río esencial en Galicia

Os expertos sinalan o cambio climático, as plantacións de eucaliptos e os proxectos industriais como os grandes inimigos dun dos principais caudais galegos

Queres saber cal é a flora que predomina no teu concello? Contámoscho aquí

O proxecto de ciencia cidadá Pl@ntNet permite acceder á biodiversidade vexetal existente en cada zona do planeta a través do uso de imaxes

Os centros galegos de recuperación atenderon máis de 4.000 animais no que vai de ano

A Xunta incide no grande papel que teñen estas instalacións no coidado dos animais que non estean en condicións de subsistir por si mesmos no medio natural

Estes son os danos que provocan as vagas de calor na saúde animal

Expertos galegos indican que varias especies sufriron queimaduras, golpes de calor e incluso a morte derivada das altas temperaturas