Un novo tipo de vacina contra o cancro é capaz de frustrar a resposta defensiva dos tumores ao ataque inmunitario inducido por esta, segundo un novo estudo publicado esta semana na revista Nature. Aínda que son resultados preliminares, os autores afirman que poderían achandar o camiño para novas probas que determinen a súa aplicabilidade clínica.
A maioría das vacinas contra o cancro diríxense ás proteínas específicas da superficie celular, é dicir, aos antíxenos que expresan as células tumorais, o que axuda ao sistema inmunitario a recoñecelas e atacalas.
Con todo, a natureza e a inmunoxenicidade (a capacidade de estimular unha resposta inmunitaria) destes antíxenos é única para cada individuo, o que limita o desenvolvemento dun medicamento universal. Ademais, os tumores adoitan escapar ao ataque inmunitario mutando e alterando a presentación dos antíxenos, o que reduce o seu recoñecemento.
Neste traballo liderado por un equipo do Instituto do Cancro Dana-Farber de Boston (Estados Unidos), a vacina, cuxa eficacia e seguridade foi probada en ratos e primates non humanos (macaco Rhesus), induce un ataque coordinado por parte de diversas poboacións de células T e células asasinas naturais (NK).
“A nosa vacina segue sendo eficaz contra tumores con mutacións de resistencia comúns e provoca un ataque xeral coordinado e independente dos antíxenos do tumor”, explica a SINC Kai Wucherpfennig, autor principal do centro estadounidense.
Claves desta nova vacina
Este medicamento diríxese a dous tipos de proteínas de superficie (MICA e MICB) cuxa expresión aumenta en situacións de estrés en varios cancros humanos. Os linfocitos T e as células NK actívanse normalmente ao unirse a estas proteínas de estrés, pero as células tumorais poden eludir este ataque cortando ambas e desprendéndose delas.
Esta vacina, con todo, pode impedir este corte, aumentando así a cantidade de expresión das proteínas de estrés e, en consecuencia, facilitando a estimulación dun ataque dual por parte das células T e NK.
Necesítase un ensaio clínico para determinar se esta estratexia funciona en pacientes con cancro
Para os investigadores, estes resultados iniciais revelan que esta vacina pode promover unha inmunidade protectora contra os tumores, incluso os que presentan mutacións evasivas. Iso si, serán necesarios futuros estudos para avaliar este potencial en humanos.
“Necesítase un ensaio clínico para determinar se esta estratexia funciona en pacientes con cancro”, subliña Wucherpfennig. “De feito, está a idearse un para o próximo ano e a vacina utilizarase inicialmente en persoas con cancro avanzado que presenten niveis elevados de MICA/B no soro”, conclúe.
Referencia: A vaccine targeting resistant tumours by dual T cell plus NK cell attack (Publicado en Nature)