O refraneiro galego é moi prolífico para coa sardiña e, de forma específica, coa xouba ou parrocha. Un dos refráns máis populares en Galicia xa apela á calidade gastronómica deste peixe azul, sinalando que as pezas de menor tamaño son máis saborosas e apreciadas: A sardiña e a xouba, canto máis pequena, máis louba.
Non é casualidade que estas sardiñas, tanto en fresco como en conserva, fosen enxalzadas por escritores (Julio Camba, Álvaro Cunqueiro, Emilia Pardo Bazán e Camilo José Cela), xornalistas (Carlos Herrera e Pepe Domingo Castaño) e cociñeiros (Gordon Ramsay, José Andrés e Lucía Freitas).
Xa no Imperio romano a captura de sardiña foi unha actividade pesqueira fundamental, orientada principalmente á elaboración do garum, unha salsa de peixe fermentada moi apreciada polos patricios romanos.
A nivel divulgativo este feito quedou ben reflectido no cómic de Astérix en Lusitania, publicado en 2025. Para a captura da sardiña utilizábanse redes de enmalle, redes de cerco e nasas de vimbia en zonas costeiras. As sardiñas salgadas e as salsas derivadas almacenábanse e transportaban en ánforas seladas por todo o Mediterráneo.
A xouba: nutritiva e funcional
Existe actualmente unha gran tendencia a buscar alimentos funcionais para a súa incorporación ás dietas; isto é, aqueles alimentos que alén do seu valor nutricional tradicional conteñen compoñentes bioloxicamente activos que ofrecen beneficios específicos para a saúde.
A sardiña cumpre todas estas características para entrar no pódium dos alimentos funcionais. Así, é unha fonte portentosa do ácido graxo omega-3, un composto clave pola súa actividade biolóxica, por exemplo, a nivel estrutural (é un compoñente das membranas celulares), metabólico (reduce a formación de triglicéridos no fígado) e cardiovascular (mellora a función dos vasos sanguíneos e diminúe a formación de coágulos). Tamén é unha fonte de minerais como o iodo e o ferro (actúan na formación de hemoglobina e a regulación tiroidea), o calcio (é clave na estrutura ósea, ou na súa forma iónica, Ca⁺², participa en múltiples reaccións metabólicas como mensaxeiro intracelular) e o selenio (con actividade antioxidante).

O xeito, unha arte de pesca
O xeito é unha arte de pesca tradicional galega que consiste nun enmalle de deriva que está constituído por unha rede rectangular (dividida en “panos”) estendida entre dous cabos ou trallas: un superior, con boias, que permite regular a profundidade da rede; e outro inferior, con chumbos, que permite que os panos estean completamente estendidos.
Un elemento característico desta arte de pesca é que a rede debe permanecer sempre atada ao barco. A captura prodúcese cando o peixe trata de cruzar a rede, quedando atrapado na malla.
Trátase dun método utilizado polos barcos pequenos —de entre 5 e 10 metros de eslora— que, en Galicia, traballan fundamentalmente dentro das rías. É unha técnica moi selectiva, tanto pola malla como pola baixa resistencia mecánica da rede, polo que soamente quedan atrapadas a sardiña, o bocarte e o xurelo. O resto escapa facilmente atravesando a malla ou rompendo a rede.
Hai que aclarar que se trata de sardiñas pequenas, pero que entran dentro do tamaño mínimo legal deste peixe (Sardina pilchardus) en España e o resto da Unión Europea, que se sitúa en 11 centímetros. A pesca co xeito é moi selectiva, polo tamaño da malla, e non se colle nada de menor tamaño.
Ademais, a xouba capturada coa arte de xeito en Galicia ten un límite de cota que a Xunta revisa para garantir o control do stock e evitar o esgotamento prematuro do caladoiro. Este 2026 está nun tope de 80 quilogramos por tripulante a bordo e 80 quilogramos adicionais por embarcación e día.

Impacto ambiental
A técnica artesanal do xeito é tremendamente respectuosa co medio ambiente: non ten descartes, isto é, non se captura nada que se devolva ao mar, vivo ou morto, por non ser comercialmente viable ou por regulacións normativas.
A súa pegada de carbono é moi baixa, con valores aproximados de 105 g de CO₂ equivalente para unha ración de 125 g de xouba. É aproximadamente o que emite un só coche de gasolina ou diésel de baixas emisións ao percorrer 1 km. O impacto débese fundamentalmente ao consumo de combustible do barco no traxecto porto-caladoiro-porto.

Doutra banda, a súa pegada hídrica é insignificante: o consumo directo ou indirecto de auga é practicamente nulo.
A xouba capturada mediante o xeito é un manxar sostible ao alcance de todos, que axuda a unha harmonía saudable entre o home e o océano, froito dunha tradición e soberanía alimentaria dos pobos costeiros.















Xoubas con pan de boroa ou empanada ou en caldeirada… Pódese morrer comendo nelas.
E mira que explotaron os caladoiros galegos sen pudor: até existían as fábricas do cheiro, funcionando día e noite para facer fariña dese peixe marabilloso que estiveron a punto de aniquilar.