A NASA anuncia dúas misións para chegar ao “inferno” de Venus antes do 2030

Os proxectos Davinci e Veritas estudarán, respectivamente, a atmosfera e a topografía do planeta, case 40 anos despois da Magalhães, en 1989

A Axencia Espacial Estadounidense (NASA) anunciou este mércores que seleccionou dúas misións, de nome Davinci e Veritas, para chegar ao planeta Venus antes do ano 2030. O seu obxectivo será o de comprender como este planeta, con bastantes características semellantes ás da Terra, se converteu nun lugar inhabitable, un “mundo infernal”, en palabras da propia NASA. Crese que Venus podería ser, no seu momento, o primeiro mundo habitable no Sistema solar, cun océano e un clima parecido ao do noso planeta. Estes dous proxectos estudarán, cun detalle sen precedentes, a atmosfera e a topografía do planeta.

As investigacións anunciadas pola NASA foron seleccionadas entre catro conceptos de misión que a axencia estudou nos últimos anos. Trala revisión realizada, escolleu Davinci e Veritas polo seu “potencial científico e a viabilidade dos plans de desenvolvemento”. Cada unha delas recibirá 500 millóns de dólares para o seu desenvolvemento, e agárdase que sexan lanzadas entre 2028 e 2030.

Publicidade

En 2020, Venus xerou un importante debate científico despois dun artigo que anunciaba o achado de indicios de vida no planeta. Análises posteriores cuestionaron a validez destes datos para soster os achados. E moitas voces avanzaron que futuras misións, como a Davinci (daquela aínda non confirmada) poderían despexar boa parte das incógnitas que aínda permanecen.

Davinci

A misión que leva o nome do polímata florentino é o acrónimo de Deep Atmosphere Venus Investigation of Noble gases, Chemistry, and Imaging. Este proxecto estudará a composición da atmosfera venusiana para determinar se o planeta tivo algunha vez un océano. Consistirá nunha esfera descendente que se ‘mergullará’ na espesa capa exterior do planeta para medir gases nobres e outros elementos, interpretando deste xeito por que o planeta ten un efecto invernadoiro tan extremo.

Publicidade

Alén disto, a misión Davinci remitirá as primeiras imaxes en alta resolución dunhas características xeolóxicas moi interesantes de Venus, as coñecidas como teselas, comparables aos continentes terrestres, e que suxiren que neste planeta tamén podería haber placas tectónicas.

Veritas

A outra misión seleccionada realizará un estudo en detalle da superficie venusiana para comprender a historia xeolóxica do planeta e por que se desenvolveu dun xeito tan distinto ao da Terra. Orbitará arredor del, cun radar de apertura sintética, para trazar as elevacións da superficie de case todo o globo venusiano e crear reconstrucións en tres dimensións da topografía. Do mesmo xeito, confirmará se algúns procesos, como a tectónica de placas ou o vulcanismo, seguen activos alá. Veritas é o acrónimo de Venus Emissivity, Radio Science, InSAR, Topography, and Spectroscopy.

Esta misión tamén analizará as emisións infravermellas da superficie para coñecer os tipos de rocha, en gran parte descoñecidos, e determinar se os volcáns, no caso de estaren activos, liberan vapor de auga á atmosfera.

“Estamos acelerando o noso programa de ciencia planetaria cunha intensa exploración dun mundo que a NASA non visita desde hai máis de 30 anos”, dixo Thomas Zurbuchen, un dos principais cargos da NASA. Zurbuchen engadiu que é de agardar que estas dúas misións poidan tecer sinerxías con outros proxectos en marcha, como o Telescopio Espacial James Webb, cuxo lanzamento está previsto para finais deste 2021.

“É asombroso o pouco que sabemos sobre Venus, pero os resultados combinados destas misiós falarannos do planeta, desde as nubes no seu ceo ata o seu núcleo, pasando polos volcáns da súa superficie”, expuxo Tom Wagner, científico do programa Discovery da NASA. “Será como se volveramos descubrir o planeta de novo”, engadiu.

Que facemos agora con Venus?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A NASA anuncia que haberá mais tormentas xeomagnéticas coa chegada do máximo solar

O cambio de ciclo do Sol, producido cada 11 anos, afecta á frecuencia e intensidade dos distintos fenómenos que acontecen na estrela: de que xeito inflúe isto na Terra?

A NASA xa ten resposta para as sorprendentes “arañas” que cobren a superficie de Marte

Investigadores estadounidense recrean nun laboratorio o proceso que dá lugar ás estrañas formas captadas polos satélites no planeta vermello

A visualización da NASA que alerta do quecemento global: “O peor está por chegar”

A axencia espacial estadounidense advirte que a última década foi a máis cálida dende que hai rexistros

Cantos meteoritos impactaron contra a Terra? Descúbreo neste mapa interactivo

A ferramenta da NASA recompila a información recollida polos seus sensores dende 1988 e actualízase periodicamente