Martes 27 Febreiro 2024

Que facemos agora con Venus?

* Un artigo de

O descubrimento no noso infernal veciño Venus dunha molécula considerada como biomarcador ou “pegada da vida”, o fosfano, sorprendeu aos científicos que traballamos nas atmosferas planetarias. Recuperados do primeiro impacto e tras os ríos de tinta que correron, tanto gabando como rebaixando o descubrimento, chega o momento de reflexionar sobre os seguintes pasos que debemos dar para chegar a unha resposta concluínte.

Comezamos co máis evidente: a detección de fosfano debe ser replicada.

Os compostos químicos atmosféricos deixan na luz unha serie complicada de liñas que os identifican inequivocamente. Detectar máis liñas, en rexións diferentes do espectro e coa maior claridade posible, será o primeiro obxectivo. Non só do equipo que anunciou a detección, senón tamén doutros investigadores que xa se puxeron ao choio.

Hai un enorme interese en investigar se a concentración deste composto é variable ao longo do ano de Venus, ou se é diferente en diversas rexións do planeta. Dada a súa baixa concentración, non todas estas preguntas poderán ser respondidas cos medios actuais e engadirán un novo motor para o desenvolvemento técnico que require a ciencia.

Atopamos unha “pegada da vida”?

Hai unha serie de cuestións máis profundas que afectan ás propias premisas do estudo. A gran pregunta que subxace é a seguinte: é realmente o fosfano unha “pegada da vida”?

Hai un ano presentouse convincentemente o papel do fosfano como biomarcador pola súa imposibilidade de ser creado por medios non artificiais nas condicións dos planetas rochosos. Desde a bioloxía aínda debemos afondar en como determinados microorganismos anaeróbicos xeran este composto e se poderían soportar as durísimas condicións ambientais de Venus, aínda rebaixadas aos niveis atmosféricos onde se situarían.

Anuncian o achado de posibles indicios de vida en Venus

Os organismos vivos tamén foron propostos no pasado para explicar algunhas das estruturas que vemos no espectro ultravioleta de Venus, dunha maneira moito máis aventurada que a que nos ocupa. Poderían estas hipóteses estar conectadas dalgunha maneira? Só a bioloxía poderá responder a estas preguntas.

O que nos queda por comprender sobre a atmosfera de Venus

No terreo da química atmosférica os interrogantes tamén se multiplican. Aínda que o fosfano está presente en Xúpiter e Saturno, os xigantes gaseosos son capaces de xeralo grazas a dous ingredientes dos que Venus carece: unha enorme cantidade de hidróxeno (practicamente a totalidade das súas atmosferas) e unha presión atmosférica descomunal debido á súa tamén xigantesca masa.

Estes ingredientes non os atopamos nos planetas rochosos, mesmo a pesar de que Venus non é como a Terra en canto a presión e temperatura. Aínda que os autores do descubrimento buscaron con afán mecanismos alternativos, tiveron que descartalos todos. Con todo, é xusto dicir que as incógnitas acerca dos procesos químicos que operan no planeta aínda son demasiado numerosas como para pasalas por alto.

Non comprendemos ben a química da atmosfera de Venus. É precisamente neste campo onde cabe esperar un debate máis interesante nos próximos meses.

Un empurrón para a misión DAVINCI+

Moitas destas preguntas non se poderán responder coa información da que dispoñemos agora mesmo. Probablemente tampouco coa misión Akatsuki da Axencia Xaponesa de Exploración Aeroespacial, que actualmente orbita en torno ao planeta, nin coas misións propostas EnVision (ESA) nin VERITAS (NASA), porque todas elas observan o planeta desde fóra.

Necesitamos unha nave capaz de atravesar a densa atmosfera de Venus e darnos información de calidade sobre os niveis máis profundos. É a idea de DAVINCI+, unha das misións preseleccionadas por NASA dentro do seu programa Discovery, e pendente da decisión final que tomarán o próximo verán.

De levarse a cabo, sería capaz de ofrecernos un percorrido pola evolución atmosférica do noso veciño, desde o seu pasado potencialmente habitable e húmido ata o inferno no que o efecto invernadoiro o acabou convertendo. O achado de fosfano dá un forte impulso para a súa confirmación ao poñer encima da mesa unha posibilidade que, ata a data, poucos tomaban en serio.

O avance da ciencia, aínda que estea salpicado de obstáculos inesperados e retrocesos, é continuo e imparable. Fomos testemuñas nos últimos días dun anuncio inesperado, ben fundamentado no feitos pero aínda rodeado de numerosas incógnitas. A partir de aquí, veremos emerxer unha árbore de investigacións científicas que nos levarán nunha dirección ou noutra pero que, en todo caso, farannos moito máis sabios polo camiño.


* Santiago Pérez Hoyos é Investigador Doutor Permanente en Astronomía e Astrofísica na Universidade do País Vasco.

Cláusula de divulgación: o autor non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia notifica 10 mortes ao día por consumo de tabaco

A investigadora da USC Julia Rey Brandariz constata na súa tese que a comunidade galega é a duodécima que máis falecementos rexistra por esta substancia

O aire en Europa é o máis seco dos últimos 400 anos

Unha investigación demostra que, desde principios do século XXI, se está a producir un desecamento xeralizado debido á actividade humana

Identificada unha proteína esencial na regulación da obesidade

Un estudo do CSIC descobre que Dido1 ten unha función clave no desenvolvemento do tecido adiposo

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento