Silleda e Marín entran nas áreas de restricións pola Covid-19, das que sae Bergantiños

A Xunta de Galicia mantén as medidas nunha decena de municipios, ademais dalgúns barrios da Coruña, despois de revisar a situación epidemiolóxica

O mapa de medidas de contención da pandemia da Covid-19 volve mudar despois dunha nova reunión do comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da crise. A evolución epidemiolóxica levou a incluír aos municipios de Silleda e Marín e a levantar as restricións nos catro concellos da comarca de Bergantiños (Carballo, A Laracha, Ponteceso e Laxe) que nos últimos días ou semanas viran medrar a incidencia do virus.

Deste xeito, o mapa queda así:

Publicidade

Está previsto que unha orde publicada polo Diario Oficial de Galicia estableza as medidas concretas en cada unha das áreas e a súa duración, así como a descrición da situación epidemiolóxica. Nas últimas reunións decidiuse que a situación nas áreas nas que se implantan restricións sería revisada nun prazo máximo non superior a unha semana. Isto non exclúe, como aconteceu o pasado venres, que se engadan novos concellos a esta lista por mor dun aumento de casos de Covid-19.

As medidas

De manterse as decisións tomadas previamente, os concellos nos que se introducen ou renovan as limitacións desde a medianoite deste mércores (Arteixo, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, Poio, Vilaboa, Marín, Pontevedra, O Rosal, A Guarda, Lalín, Silleda e parte da cidade da Coruña) verán limitada a capacidade do 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros. Tamén se establece a limitación do número máximo de persoas nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública fixado nun máximo de 10 persoas; así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto.

Publicidade

No caso de celebracións como vodas, bautizos e comuñóns, non poderán superar o 50% do número de capacidade máximo do salón de banquetes nin o número máximo de 50 persoas para lugares pechados e de 100 persoas no caso de celebrarse en espazos ao aire libre.

Na comparecencia deste mércores, o novo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña,  aclarou que nos concellos onde se introduciron desde o venres as novas medidas (na área de Pontevedra e a comarca do Deza) non se pechan as residencias sociosanitarias e centros de día, aínda que quedan abertos ás limitacións que marquen os protocolos establecidos polo comité clínico.

Segundo avanzou nas últimas semanas a propia Consellería de Sanidade, a intención das medidas é “poder actuar de xeito más selectivo e con maior rapidez ante a aparición de casos nunha zona concreta”, acoutando o eido de actuación a nivel de concellos concellos, cidades ou mesmo barrios.

Situación actual

Segundo a información difundida este mércores, engadíronse á cifra de casos en Galicia desde o comezo da pandemia 201 novos positivos despois da suma de 4.679 probas PCR. Outras 178 persoas considéranse curadas respecto ao martes, e rexistráronse dous falecementos, un deles dunha persoa usuaria dunha residencia de maiores. Son en total 696 óbitos, 77 deles desde o pasado 7 de agosto. Desde que comezou a crise, e segundo as cifras que difunde Sanidade, 20.847 persoas foron diagnosticadas coa Covid-19 en Galicia.

No referente a casos activos, a cifra sitúase en 4.322. A tendencia é estable ou mesmo á baixa, debido á curación das persoas vinculadas a algúns dos brotes producidos nas últimas semanas, agás en Pontevedra, onde os casos están medrando a maior velocidade nos últimos días.

A ocupación por mor da Covid-19 nos hospitais descende respecto ao martes, con 29 persoas na UCI e 211 noutras unidades de hospitalización. A meirande parte das persoas afectadas (4.082, máis dun 96,4%) está no domicilio.

Deste xeito, Galicia amosa unha mellor situación ao compararse co resto do territorio estatal, cunha incidencia acumulada que baixa segundo as últimas actualizacións tanto a 14 días como a 7. Ademais, a ocupación nos hospitais, que achega o Ministerio de Sanidad, expón que un 3% das camas están ocupadas por pacientes de Covid-19, fronte a un 8,5% do conxunto de España.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inestabilidade e risco extremo de incendio: así será o tempo durante a fin de semana en Galicia

O vento do nordés deixará case 20 graos de diferenza entre o sur e o norte da comunidade galega

O polbo e dúas especies de lura, entre os cefalópodos máis vulnerables ao quecemento do mar en Galicia

Un estudo internacional no que participa o IEO de Vigo analiza como a temperatura, salinidade e profundidade condicionan a distribución das especies

Unha noite máxica: estas son as imaxes da eclipse do 12 de agosto en Galicia

O evento congregou grandes grupos de persoas tanto dentro da franxa de totalidade como na de parcialidade

Un 12 de agosto histórico: a eclipse total que escureceu o día en Galicia

Miles de persoas levantaron a vista ao ceo e sentiron o silencio e frío que acompañaron os minutos nos que a Lúa ocultou por completo o Sol