O posible achado de fosfina en importantes cantidades en Venus fixo abrir un importante abano de preguntas.
O posible achado de fosfina en importantes cantidades en Venus fixo abrir un importante abano de preguntas.

Unha revisión dos datos cuestiona o achado de indicios de vida en Venus

Dous artigos distintos expoñen varias dúbidas sobre o relevante anuncio difundido en setembro e esixen unha retractación do artigo

Un dos máis relevantes achados da exploración espacial nos últimos meses está baixo cuestión. A mediados de setembro, a revista Nature Astronomy publicou un artigo no que científicos de varios países describían o achado de fosfina (PH3) en Venus, unha molécula considerada como biomarcador, podendo dar sinais da presenza de vida. A pesar da revisión por pares pola que pasou o artigo, naquel momento xa xurdiran algunhas dúbidas sobre os datos nos que se baseaba a investigación na comunidade científica. Tal e como xa avanzaban algúns expertos, era preciso replicar a detección da fosfina con novas análises que confirmaran aquelas medicións. E nos últimos días, a publicación de dous artigos pre-print (aínda non revisados), manifestan as súas serias dúbidas.

O primeiro dos traballos foi publicado o pasado día 21 por científicos dos Países Baixos. No texto, remitido para a súa publicación á revista Astronomy & Astrophysics, desvela que algúns axustes nos cálculos realizados polo artigo que describía o achado de fosfina “conducen a resultados falsos“, e que en realidade as análises realizadas conducen a uns niveis de fosfina “por debaixo do umbral da significancia estatística“.

E este martes, outra análise distinta súmase ao cuestionamento. Co título No phosphine in the atmosphere of Venus, outro grupo de investigadores remitiron a Nature Astronomy a súa análise, solicitando aos autores do artigo publicado en setembro que se retracten e retiren o artigo. Tal e como explica Francis Villatoro en Naukas, esta nova análise aparecerá na sección de Matters Arising da revista do grupo Nature, onde se recollen as dúbidas e cuestionamentos sobre artigos difundidos na mesma publicación. É moi posible, por tanto, que ata que se revisen os datos analizados e se contrasten de novo os resultados, o artigo sexa retirado.

Desde que se publicaron os datos en setembro, foron numerosos os equipos científicos que intentaron replicar as medicións, realizadas nos últimos anos a través dos telescopios James Clerk Maxwell (JCMT), en Hawai, e o ALMA, o radiotelescopio máis grande do mundo, situado no deserto de Chile, pero ata o momento non conseguiron facelo. É probable, segundo estas análises, que a detección da fosfina se debera a unha confusión con dióxido de xofre (SO2), nunha liña moi próxima do espectro.


Referencias:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.