Exemplar de árnica. Foto: Pixabay.
Exemplar de árnica. Foto: Pixabay.

Un plan para protexer e cultivar a árnica, o “ouro verde” de Galicia

Científicos do Campus de Lugo desenvolven, con financiamento da Deputación, un estudo que constata a viabilidade do cultivo e salienta as súas propiedades

Desde hai tempo, a árnica (Arnica montana) esperta o interese de industrias como a farmacéutica polas súas coñecidas propiedades medicinais. Tal e como se destaca desde a USC, “ben podería merecer en Galicia a popular consideración de ‘ouro verde’”. Para afondar no coñecemento sobre as características desta especie, un equipo de investigadores do Campus Terra de Lugo desenvolve un proxecto financiado pola Deputación Provincial, co que se pretende explorar as múltiples posibilidades de explotación dun recurso natural cultivable e rendible.

Os resultados preliminares desta investigación, na que traballan desde hai dous anos Rosa Romero e Manel Vera, xunto con outros investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, “non fan máis que ratificar as potencialidades dun recurso natural silvestre que, a tenor dos ensaios xa desenvolvidos, tamén se pode cultivar”, expón a universidade. A Deputación de Lugo achegou inicialmente 20.000 euros, unha contía que se aumentou no presente exercicio a 21.500 euros para ampliar a investigación.

Mellores propiedades da árnica en Galicia

“As propiedades farmacolóxicas ou medicinais da árnica, unha planta de sempre ben considerada polas súas propiedades antiinflamatorias e tamén de reabsorción de hematomas ou mazaduras son aínda máis acentuadas no caso da maioría das poboacións de árnica de Galicia”, segundo subliña a investigadora do Departamento de Produción Vexetal da USC Rosa Romero.

Rosa Romero e Manel Vera, investigadores do proxecto sobre a árnica. Foto: USC.
Rosa Romero e Manel Vera, investigadores do proxecto sobre a árnica. Foto: USC.

Alén das posibles implicacións de factores ambientais, as causas do maior aprecio que ten a árnica de Galicia responde a motivos xenéticos, dado que a maioría das plantas (variedades locais de árnica) presentes en Galicia correspóndense co chamado quimiotipo ibérico, moitos menos alerxénico có quimiotipo centroeuropeo, o máis habitual noutras rexións do centro-leste europeo e, sobre todo, en Romanía.

Rosa Romero, que xa participara en investigacións anteriores sobre a árnica cos profesores Manuel Antonio Rodríguez Guitián, Carlos Real ou Antonio Rigueiro, entre outros destaca que a maior vantaxe competitiva da árnica de Galicia respecto das variedades desta especie presentes noutras rexións xeográficas, estriba en que depara menos efectos alerxénicos, unha singularidade que, como é obvio, incrementa o interese por parte das industrias e das compañías farmacéuticas.

A árnica de montana é unha planta silvestre que nace tanto en pradarías como en brezais  ou tubeiras e cuxa presenza tanto se pode advertir nestes tres tipos de hábitats a expensas da altura na que se atopen. De feito, os investigadores do proxecto estudaron exemplares localizados nos tres hábitats e a diferentes altura respecto do nivel do mar. Como curiosidade, os científicos salientan que as plantas de árnica de quimiotipo europeo están máis presentes nas zonas máis altas, tal e como ocorre na serra do Courel.

Mapa de Galicia con localizacións de poboacións de árnica. Fonte: USC.
Mapa de Galicia con localizacións de poboacións de árnica. Fonte: USC.

Pola súa parte, Manel Vera destaca que “as lactonas sesquiterpémicas do quimiotipo ibérico da árnica son asemade as que presentan as propiedades terapéuticas que espertan un maior interese por parte das farmacéuticas”, coordinador dos estudos xenéticos, o ADN e os marcadores moleculares neste proxecto, coa colaboración de Carmen Bouza e o persoal do grupo ACUIGEN da Facultade de Veterinaria.

Unha vez analizados os marcadores moleculares dos exemplares de árnica acopiados no Herbario do Campus de Lugo e logo de determinar a existencia de tres grupos poboacionais de árnica en Galicia (dous deles asociados ao quimiotipo ibérico e outro, a o centroeuropeo), as pescudas no ámbito da xenética nesta segunda anualidade do proxecto están orientadas á elaboración de librerías xenómicas, a fin de coñecer se hai outras rexións da cornixa cantábrica que contan con poboacións de árnica coas mesmas características xenéticas que as que presenta esta planta en Galicia e a identificación de xenes que expliquen as diferencias entre os quimiotipos.

O cultivo da árnica

As posibilidades de cultivo da especie quedaron tamén probadas no marco deste proxecto, cuxos investigadores desenvolveron unha plantación experimental na Finca da Bouza, unha propiedade de Xosé Otero localizada na parroquia de Xermar, en Cospeito. Neste viveiro experimental, os investigadores probaron o comportamento de ata catro localidades de árnica procedentes da Terra Chá.

O comportamento destas plantas no primeiro ano foi semellante, explican os investigadores, ao tempo que precisan que a árnica é unha planta que require de sol, e de solos húmidos ou, no seu caso, de rega. Ademais, engaden, dado que a árnica é unha planta cuxo crecemento se ve ameazado por outras herbas, no cultivar experimental optaron por colocar unha malla antiherbas.

A árnica cultivada ofrece unha produtividade moito más alta que a silvestre, sinalan os investigadores da USC, que, logo de lembrar que a flor é o elemento máis valioso desta planta e o que concentra as súas propiedades medicinais, indicaron que unha planta de árnica silvestre produce unha media de 1,5 capítulos (flores) no primeiro ano, unha cantidade que no caso das cultivadas pode ata septuplicarse. Durante o segundo ano e posteriores, a árnica pode multiplicar por 30 a súa produción inicial de capítulos.

Os autores da investigación recomendan apostar polas variedades locais da planta fronte á habitual importación

Información, regulación e control

O atractivo da potencial rendibilidade que ofrece a árnica está a propiciar que moitos particulares se interesen polo cultivo dunha planta que adoitan a mercar por internet, dado que en Galicia, non existen bancos de semente desta especie, indican Romero e Vera. Porén, o problema é que a árnica adquirida ten o quimiotipo centroeuropeo e, daquela, o valor de mercado do seu futuro froito é menor para as farmacéuticas.

A importación de árnica para a súa plantación en Galicia é un erro, sosteñen os investigadores da USC, que aconsellan sempre apostar polas variedades locais de cada zona, ao tempo que piden unha regulación máis exhaustiva sobre o control e a comercialización deste material vexetal, a fin de aumentar a protección da árnica local. Doutra banda, Romero e Vera subliñan o alto rendemento económico que poden deparar os cultivares de árnica, aínda que tamén fan fincapé no feito de que é unha planta que require certa laboriosidade e coidados por parte do produtor, ademais de que a recolleita de capítulos (flores) é un proceso manual.

1 comentario

  1. Xa sabemos onde non se debe mercar. Consecuentemente, onde a debemos/podemos mercar?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.