Un equipo galego participa nun proxecto sobre comunicacións ciberseguras no espazo

O grupo aeroespacial de atlanTTic garantirá que o sistema europeo sexa tecnicamente viable, operativamente efectivo e economicamente sostible

O proxecto europeo Optimas, no que colabora o centro atlanTTic da Universidade de Vigo (UVigo), acaba de iniciar a súa andaina. Liderado por monodon, a área de innovación de Navantia, ten por obxectivo desenvolver un sistema avanzado de comunicacións ópticas en espazo libre para aplicacións en defensa multidominio. A iniciativa busca proporcionar comunicacións de transferencia de datos de alta velocidade cun “nivel de seguridade excepcional”, integrando tecnoloxías de cifrado de última xeración, como a distribución de claves cuánticas (QKD).

Segundo explica o equipo implicado no proxecto, “Optimas marcará un fito no desenvolvemento de sistemas de comunicación láser aerotransportados, proporcionando comunicacións seguras e de alta velocidade”. Está deseñado para operar en constelacións de satélites con aplicacións para unidades espaciais, aéreas (drons), navais e terrestres.

Publicidade

O demostrador final do proxecto centrarase en lograr comunicacións ópticas bidireccionais, seguras e de alta velocidade. Permitirá capacidades avanzadas de apuntamento, adquisición e seguimento de satélites en órbitas terrestres baixas (low Earth orbits, LEO). Tamén se explorarán as aplicacións en órbitas medias (medium orbits, MEO) e órbitas xeoestacionarias (geostationary orbits, GEO), ampliando o alcance e as posibilidades do sistema.

Un consorcio europeo con liderado español

Optimas conta cun potente consorcio europeo formado por 12 entidades de sete países, destacando unha forte presenza española con seis organizacións implicadas. Entre elas, monodon de Navantia asume o papel de coordinador do proxecto.

Publicidade

Pola súa banda, o papel do Grupo de Investigación en Tecnoloxías Aeroespaciais do Centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, no proxecto Optimas será clave para establecer as bases técnicas do proxecto, definindo as expectativas operativas xerais do sistema, os casos de uso, os compoñentes básicos e os requisitos para a solución multidominio.

Este traballo incluirá unha análise e definición de requisitos que servirán como base para as fases posteriores do proxecto, permitindo o desenvolvemento de capacidades adicionais, como a integración de distribución de claves cuánticas (Quantum Key Distribution, QKD) e fotónica integrada (Photonic Integrated Circuits, PIC), así como a implementación do sistema en segmento espazo, aéreo (drons), e naval.

Este traballo será fundamental non só para establecer as bases técnicas e conceptuais de Optimas, senón tamén para guiar as fases futuras do proxecto. En particular, permitirá a integración progresiva de capacidades avanzadas como QKD e PIC, e a expansión do sistema cara a outros dominios, como o naval. O Grupo de Investigación en Tecnoloxías Aeroespaciais garantirá que o sistema sexa tecnicamente viable, operativamente efectivo e economicamente sostible.

No marco do programa de traballo 2023 do Fondo Europeo de Defensa

O proxecto desenvólvese no marco do programa de traballo 2023 do Fondo Europeo de Defensa (EDF – European Défense Fund), consolidando a cooperación internacional en innovación tecnolóxica para a defensa.

Baixo a coordinación de monodon de Navantia, participan como socios españois, xunto á UVigo, o Centro de Láseres Pulsados, CLPU, Tecnobit-Grupo Oesía, o Instituto de Astrofísica de Canarias e o grupo Sener. A participación internacional está conformada por Cailabs (Francia), GMVIS Skysoft SA (Portugal), Mbryonics Limited (Irlanda), Odysseus Space SA (Luxemburgo), Reflex Aerospace GMBH (Alemaña) e Schiebel Elektronische Geraete GMBH (Austria).


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os sedimentos dos solos dos Penedos da Raíña Loba revelan catro séculos de ocupación medieval

Un estudo da UVigo emprega a xeoarqueoloxía no enclave ourensán e achega novas pistas sobre a posible localización do castelo de Aguiar da Moa

Científicos galegos e arxentinos desvelan o potencial do cacho de gambón para protexer a retina

Un estudo desenvolve nanopartículas antioxidantes derivadas de residuos pesqueiros con resultados prometedores en probas in vitro

Novembro para descubrir, rir e namorar da ciencia en galego

A UVigo conmemora o Día da Ciencia en Galego cun programa de actividades que durará todo o mes

O poder oculto das raíces da alfábega

O proxecto AGRI-RESVAL, no que participan a UVigo, Néboda Farms e FEUGA, investiga o potencial dos residuos da agricultura para atrasar a oxidación dos conxelados