Eclipses de lúa, de sol e chuvias de estrelas: os eventos astronómicos de 2025 en Galicia

O ano arrincou cunha aurora boreal e continuará co escurecemento total da lúa en marzo que se poderá observar a simple vista

O 2025 comezou cun fenómeno espectacular: as auroras boreais tinguiron de rosa os ceos galegos durante a primeira noite do Aninovo. Pero que outros eventos astronómicos se poderán observar no firmamento de Galicia nos próximos meses? O Observatorio Astronómico Nacional (OAN) indica que serán visibles dúas eclipses totais de lúa e unha parcial de sol, ademais das principais chuvias de meteoros como as cuadrántidas, que aínda se poden apreciar ata o día 12 de xaneiro.

Considérase unha eclipse cando un obxecto astronómico escurece temporalmente ao pasar un corpo ou a súa sombra entre o propio obxecto e o observador. Este ano os galegos poderán apreciar tres eclipses: dúas totais de lúa e un parcial de sol.

Publicidade

Eclipse parcial de Sol

O primeiro destes eventos terá lugar o 14 de marzo. Será unha eclipse total de Lúa que será visible en gran parte do mundo e en todo o territorio galego. A súa observación pódese realizar a simple vista “xa que non implica ningún tipo de perigo nin require instrumentación especial”, destacan dende o OAN. O fenómeno terá o seu punto máximo ás 07:58 horas, segundo os datos da institución.

Poucos días despois terá lugar a única eclipse parcial de Sol visible en Galicia. Será o 29 de marzo e alcanzará unha magnitude máxima superior ao 0,4 no territorio galego. Se se realiza a súa observación dende a provincia de Lugo poderase ver un escurecemento maior que dende outras áreas galegas. O evento acontecerá entre as 10:45 e as 12:38 horas e o punto máximo darase ás 11:40 horas.

Publicidade

Malia que este ano serán parciais, o observatorio nacional avanza que o 12 de agosto de 2026 poderase ver unha eclipse solar total nas provincias da Coruña e Lugo. En Pontevedra e Ourense non se chegará a apreciar o total escurecemento do astro.

Si será visible dende a meirande Galicia a eclipse total de lúa do día 7 de setembro deste ano. Durante a noite dese domingo o satélite terrestre non estará completamente escuro senón que se tinguirá dun matiz vermello debido a que a luz solar será desviada pola atmosfera. “No extremo máis occidental o fenómeno finalizará antes da saída da lúa polo que só será visible o final da fase parcial”, advirte o OAN.

Fenómenos de xaneiro

Este día 4 de xaneiro a Terra vivirá o seu perihelio, o punto no que está máis preto do Sol. Ademais, a institución nacional avanza que durante este mes será posible ver catro planetas no firmamento: Venus, Marte, Xúpiter e Saturno durante o solpor. Pola contra, no amencer será posible observar Mercurio e tamén Marte.

Chuvias de meteoros: máis que as Perseidas

A chuvia de meteoros é o fenómeno resultante da penetración dunha gran cantidade de partículas de material na atmosfera a gran velocidade. Após do punto máximo das Cuadrántidas, que tivo lugar a noite do 3 de xaneiro —aínda se poden desfrutar ata o día 12— Galicia poderá observar outras moitas chuvias de estrelas este ano.

As seguintes serán as Líridas —entre o 14 e o 30 de abril—, cuxo punto máximo será o día 22 dese mes. De xeito simultáneo tamén se poderán observar as Eta Acuáridas —entre o 19 de abril e 28 de maio—, cuxo día chave será o 6.

Pola súa banda, as Delta Acuáridas daranse entre o 12 de xullo e o 23 de agosto, malia que terán unha velocidade e ritmo cenital menor ás súas homónimas anteriores. Durante o final de verán producirase a chuvia de estrelas máis popular: as Perseidas. A súa visibilidade será entre o 17 de xullo e o 24 de agosto, pero o punto álxido será o día 12, con máis de 100 meteoros por hora.

Durante o outono e inverno será a quenda das Dracónidas —entre o 6 e 19 de outubro—, as Oriónidas —do 2 de outubro ao 7 de novembro—, as Leónidas —entre o 6 e 30 de novembro—, as Xemínidas —do 4 ao 20 de decembro— e as Úrsidas —do 17 ao 26 de decembro— pecharán as principais chuvias de estrelas desde 2025.  

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inestabilidade e risco extremo de incendio: así será o tempo durante a fin de semana en Galicia

O vento do nordés deixará case 20 graos de diferenza entre o sur e o norte da comunidade galega

O polbo e dúas especies de lura, entre os cefalópodos máis vulnerables ao quecemento do mar en Galicia

Un estudo internacional no que participa o IEO de Vigo analiza como a temperatura, salinidade e profundidade condicionan a distribución das especies

Dende Doniños ata Francia: así viviron as grandes científicas e científicos galegos a eclipse total de Sol

O fenómeno do 12 de agosto reuniu a referentes da ciencia en distintos puntos do mapa, que o viron en praias e xardíns

Unha noite máxica: estas son as imaxes da eclipse do 12 de agosto en Galicia

O evento congregou grandes grupos de persoas tanto dentro da franxa de totalidade como na de parcialidade