A ciencia abre novos interrogantes sobre a afectación na saúde de persoas e animais do controvertido glifosato, o herbicida máis utilizado no planeta e empregado de forma masiva en Galicia. Canto chega ao noso organismo? Por que vía? Canto se tarda en eliminalo?
Agora, un estudo publicado na revista Environment International cuestiona a idoneidade dos ouriños como biomarcador de referencia para monitorizar a exposición ao glifosato dos humanos, animais de granxa e morcegos (como exemplo de fauna silvestre), tras analizar a presenza do pesticida en 716 mostras de feces humanas e 249 de animais. As probas foron recollidas e validadas por especialistas de centros de investigación e universidades dunha decena de países europeos e de Arxentina. Entre as institucións participantes hai unha española, a Universidade Politécnica de Cartaxena.
Maior exposición da que se pensaba
Esta investigación é o primeiro biocontrol humano e animal a grande escala de glifosato e AMPA (metabolito ambiental) con feces. Ao comparar os resultados cos obtidos co marcador habitual, os ouriños, constátanse diferenzas significativas, tanto nas frecuencias de detección (FD) como nas concentracións medianas (CM). Unhas diferenzas que revelan que a exposición da poboación é maior do que se coñecía ata o de agora e que sitúan as feces humanas e animais como unha matriz adicional e eficiente para avaliar o nivel de exposición.
Detectouse glifosato no 71% das mostras de feces humanas europeas e no 100% das arxentinas, mentres que nas correspondentes mostras de ouriños a porcentaxe caía ao 35% no caso das mostras tomadas en Europa e diminuían ao 86% ao analizar as de Arxentina. Pola súa banda, a CM (concentración mediana) de glifosato rexistrada nas feces foi de 17,6 µg/kg (Europa) e 153 µg/kg (Arxentina).
A disparidade entre os datos revelados polas feces e os ouriños revela unha inframedición á hora de analizar a exposición ao glifosato e, en consecuencia, unha subestimación do risco. A súa maior presenza nas feces obedece á súa baixa taxa de absorción intestinal, o que fai que non chegue ao sangue e sexa expulsado nun período de 24 horas, o que facilita o control.
Ollo coa dieta
O estudo contemplou distintas subpoboacións —agricultores convencionais, agricultores orgánicos, veciños e consumidores non relacionados con actividades agrícolas— coa fin de detectar a existencia de posibles diferenzas. Non se constataron disparidades salientábeis nin nas concentracións medias nin na densidade do glifosato entre sexos e entre os agricultores tradicionais, veciños e consumidores pero si niveis de detección máis baixos nos agricultores orgánicos europeos.
O equipo internacional multidisciplinar responsable do biovixilancia explica esta diferenza ao sinalar a dieta como unha fonte de exposición determinante, aínda que subliñan que é necesario profundar na investigación e incluír a inxestión dietética (alimentos e auga) con maior detalle en ulteriores estudos.
Respecto ás feces de gando e animais a presenza de glifosato foi maioritaria en consonancia cos residuos presentes no seu alimentos. Ademais as altas concentracións de glifosato e AMPA nas feces de morcegos acreditou que a exposición ao herbicida alcanza niveis tróficos máis altos nos ecosistemas das áreas investigadas.
Distintos usos
O glifosato introduciuse no mercado, baixo a marca Roundup, en 1974 pola compañía norteamericana Monsanto, adquirida por Bayer en 2016. É un herbicida de amplo espectro, non selectivo e sistémico e amplamente utilizado en todo o mundo: de xeito maioritario para usos agrícolas (como desecante de cultivos e para axudar á produción) pero tamén para control de malezas, combater especies invasoras e manter infraestruturas viarias, ferroviarias etc. O seu uso masivo, e non sempre controlado, pon en perigo solos, cursos de auga e a biodiversidade, ademais da saúde das persoas.
En Galicia, como no resto de España, o glifosato é unha presenza habitual en tarefas agrícolas, nas que se rexistra un lento e continuo retroceso a causa da promoción de prácticas agrícolas que melloran a saúde do solo e a resistencia natural dous cultivos, como poden ser a rotación de cultivos, a labranza reducida, o uso de coberturas vexetais e a agricultura orgánica certificada que reducen o uso de pesticidas. Con todo, mantense un uso a grande escala no mantemento das infraestruturas viarias: para eliminar a maleza ao bordo das estradas, vías ferroviarias e servidumes de paso. E este uso non agrícola supón preto do 70% do consumo deste químico en España, segundo os datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).
A Xunta comprometeuse no ano 2020 a abandonar, ou cando menos minorar, o seu uso no mantemento da rede viaria autonómica, unha posibilidade tamén apuntada —pero sen maior percorrido— polo MAPA. Con todo, dous anos máis tarde o Defensor do Pobo reprendía á Xunta, aos concellos e ao Goberno de España polo abuso de glifosato para o mantemento das estradas en Galicia. Por outra banda, Adif mantén o “tren de glifosato” como instrumento de erradicación de maleza das vías férreas en todo o territorio estatal.
Moi usado en silvicultura
O glifosato é utilizado tamén puntualmente en tarefas de silvicultura como, por exemplo, na loita contra as plantas invasoras (acacia, herba da pampa…). Como explica Juan Picos, profesor e investigador do departamento de Enxeñería dos recursos naturais e medio ambiente da UVigo, “para o ámbito forestal, onde eu me movo, utilizámolo para erradicar plantas invasoras, de maneira localizada e prudente, con seguridade, controlando os cursos de auga, a época da fauna…”.
“Á hora de eliminar maleza no monte recorremos a prácticas respectuosas co medio ambiente: rozas a man, uso de gando, queimas…” engade Picos. “O problema do glifosato é a súa utilización a grande escala” recalca. Unha valoración que compartía a doutora en Ciencias Biolóxicas Rosa Mosquera en GCiencia.
Referencia: Large scale biomonitoring of glyphosate and AMPA by analysis of human and animal feces and comparison with urine (Publicado en Environment International)













