Cancro, contaminación da auga e perda de biodiversidade: os riscos do uso masivo de glifosato

Rosa Mosquera, doutora en Ciencias Biolóxicas: "Temos que reducir o emprego xeralizado de herbicidas sintéticos, pola nosa saúde e pola do medio ambiente”

O glifosato segue a xerar debate: está xustificado o seu uso coas contraindicacións que xa existen? Recentemente, o Defensor del Pueblo recriminaba á Xunta polo emprego de herbicidas con este composto nas marxes das estradas estatais galegas tras detectar “insuficiencias no pretexto da necesidade de empregar fitosanitarios con glifosato, na aplicación do sistema de avisos e no seguimento e control do seu uso”. Estas valoracións chegan o mesmo ano no que remata a prórroga que a Unión Europea concedeu á autorización da utilización deste herbicida dentro dos estados membros.

O Defensor lembrou ademais ás administracións estatal e autonómica a súa obriga de fomentar técnicas alternativas ao emprego de glifosato, garantir que a cidadanía estea informada do seu uso e realizar un seguimento de posibles efectos adversos. Para xustificar a utilización deste composto en Galicia, a Consellería de Infraestruturas alegou motivos de tipo económico. “Calquera alternativa suporía un incremento do gasto público en control da biomasa”, sinala. A realidade é que “detrás do uso masivo de glifosato hai moitos intereses comerciais”, indica María Rosa Mosquera, doutora en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago (USC).

Publicidade

A Xunta apela a motivos económicos na defensa do herbicida sospeitoso de provocar cancro

O glifosato é un herbicida de amplo espectro non selectivo usado para eliminar as malas herbas en grandes cantidades, sen discriminar as plantas por tipo. En marzo de 2015, a Organización Mundial da Saúde (OMS) respaldaba un informe da súa Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC) no que se clasificaba de “probablemente canceríxeno“, dentro do grupo 2A. Pero non todo son alarmas. Nun artigo de Rosa Porcel para The Conversation, a investigadora en Biotecnoloxia Vexetal da Universitat Politècnica de València sinalaba que esa clasificación está “ao mesmo nivel que ter quenda de noite no traballo, consumir carne vermella ou as bebidas moi quentes, e nada disto se prohibiu”.

Porcel indicaba que a “decisión inicial da IARC estivo rodeada de sombras desde o principio”. E engadía: “Descubriuse que a axencia omitira información clave no seu informe, que apoiaba a seguridade do glifosato. Tamén se criticou a metodoloxía utilizada pola IARC xunto con posibles conflitos de interese do panel avaliador”. Estas afirmacións contrastan coa multa de 2.000 millóns de dólares no 2019 á multinacional Monsanto, propiedade de Bayer, despois de que un xurado popular de Oakland (California, Estados Unidos), considerase que a unha parella de avanzada idade o herbicida da marca Roundup, baseado no coñecido composto glifosato, lles causara un linfoma non-Hodgkin.

Publicidade

“Hai numerosas publicacións que relacionan o consumo de glifosato a través da auga co cancro de mama”

Pero esa só é a punta do iceberg. Bayer recoñeceu en outubro de 2019 que ata esa data se notificaran aproximadamente 42.700 demandas nos Estados Unidos en relación ao glifosato e o seu posible efecto canceríxeno. Un ano despois, o xigante químico alemán aceptaba pagar 11.000 millóns de dólares ás vítimas do glifosato —sobre 125.000 demandantes— para evitar ter que pasar polos tribunais. Non obstante, seguía mantendo que o herbicida non provoca cancro. Neste contexto, María Rosa Mosquera engade: “Este composto actúa como un disruptor endocrino, polo tanto, si ten un risco para a saúde. Hai numerosas publicacións que relacionan o consumo de glifosato a través da auga co cancro de mama”.

Riscos para o medio ambiente e alternativas

O uso do glifosato ten varias consecuencias. Mosquera destaca “a perda de fertilidade do solo e a contaminación das augas, así como das especies que habitan nelas”. Outro efecto prexudicial é a diminución de polinizadores, en parte debido a que “os herbicidas afectan directamente sobre a súa actividade biolóxica e sobre as plantas que empregan para obter o polen”. E engade que iso ten repercusións moi importantes dende o punto de vista da biodiversidade, especialmente nos hábitats agrícolas. “Se non hai polinización, non hai froitos”, zanxa.

Existen alternativas ao uso deste herbicida? Mosquera responde que si. “No caso das beirarrúas, o principal problema que ten Galicia é o abandono e o despoboamento do rural, polo que si foramos capaces de dinamizar e conseguir comunidades rurais máis activas, esas zonas de maleza estarían coidadas”. Para controlar a acumulación de biomasa, que pode chegar ás 100 toneladas por hectárea, unha solución que apunta a catedrática da USC é “ter cultivos ao seu redor con arbustos, xa que teñen grandes bondades dende o punto de vista da biodiversidade”.

Entre as consecuencias do uso do glifosato destacan a perda de fertilidade do solo, a contaminación da auga e a diminución de especies polinizadoras

Na agricultura, para as chamadas malas herbas habería distintos tipos de propostas. “Por exemplo, o emprego de certa sombra de árbores para cultivos como o centeo ou o trigo, porque esas herbas cunha sombra do 10% non aparecen”, indica Mosquera. Ao que engade a existencia de produtos máis naturais elaborados a partir de extractos de plantas en sustitución dos herbicidas sintéticos, como os desenvolvidos por Antonio Rigueiro Rodríguez e Elvira Diaz Vizcaino, ambos profesores da USC.

Mapa elaborado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Sentenzas e prórrogas sobre o seu uso

O glifosato, baixo a marca Roundup®, foi introducido por Monsanto en 1974 e converteuse no herbicida máis usado do mundo en agricultura. Os posibles riscos que comporta este composto para a saúde das persoas e do medio ambiente iniciaron un polémico debate sobre a súa utilización, unha controversia que non foi allea á Unión Europea. Así, a votación en 2017 para a renovación do permiso do seu uso foi moi axustada. Entre os países que votaron a favor están España, Reino Unido ou Finlandia; entre os que votaron en contra Bélxica, Francia ou Italia.

Finalmente, o emprego do glifosato en Europa ampliouse cinco anos, ata o 2022, onde se realizará de novo unha votación que decidirá o futuro do composto. A este respecto, o Parlamento Europeo esixiu unha prohibición total dos herbicidas a base de glifosato a partir de decembro deste ano. En relación a isto, Mosquera conclúe: “Temos que ir cara o camiño de reducir o emprego masivo e xeralizado de herbicidas e pesticidas sintéticos, pola nosa saúde e pola do medio ambiente”.

2 COMENTÁRIOS

  1. Redución non é a solución, desaparición si! Está claro que por derriba de todo están os intereses económicos, nunca a saúde da xente. Parece mentira que dende os anos que hai que se sabe o nocivo que é para a saúde aínda se permita e non se prohibira o seu uso. Multitude de patoloxías do noso século teñen que ver co veleno ese, ser disruptor endocrino é unha de tantas. Pero coma sempre, Spain defendendo o indefendible.
    Que siga o enterro!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Duplícase o número de nenos de 5 a 14 anos que non saben falar o galego en cinco anos

A nova Enquisa estrutural a fogares do Instituto Galego de Estatística revela que o castelán xa é máis predominante na comunidade

O ceo galego tínguese de rosa: así foi a nova (e espectacular) aurora boreal

Unha potente tormenta xeomagnética iluminou a noite do xoves cunha cor específica dos fenómenos nos niveis máis altos da ionosfera

A desaparición da ostra salvaxe en Galicia revela a deterioración do leito mariño

Un equipo europeo con participación do IEO de Vigo elabora o rexistro máis completo sobre a antiga extensión da especie bentónica nun estado silvestre

Así chega un furacán convertido en borrasca: radiografía de Kirk e do seu paso por Galicia

O físico Gonzalo Míguez Macho analiza a natureza deste fenómeno meteorolóxico extremo e a súa transformación