Xoves 18 Abril 2024

A Xunta apela a motivos económicos na defensa do herbicida sospeitoso de provocar cancro

Infraestruturas sinala ao Defensor del Pueblo que as alternativas ao glifosato suporían “un incremento do gasto en control da biomasa”

A  utilización do glifosato nos estados membros da UE é obxecto de permanente controversia. Este herbicida, que se emprega na agricultura e no mantemento de estradas e vías férreas, está no punto de mira de ecoloxistas, científicos e institucións desde que un informe avalado pola OMS o sinalase como “probablemente canceríxeno”. En Galicia, o seu empleo valeulle á Xunta unha recriminación do Defensor del Pueblo, que critica un uso que “non se axusta aos requisitos” e denuncia falta de control pese ás denuncias por intoxicacións ao gando. Entre os argumentos da Consellería de Infraestruturas aparecen os de tipo económico. “Calqueira alternativa suporía un incremento do gasto público en control da biomasa”, sinala.

A xustificación figura nun informe da Axencia Galega de Infraestruturas incorporado ao expediente do Defensor del Pueblo, no que o organismo autonómico sinala que pese a repercusión pública do glifosato, “fai falla recordar que é un herbicida que ten unha calificación coa menor toxicidade, polo que non sería lóxico utilizar un de maior toxicidade”. O ente de Infraestruturas descarta como alternativa facer desbroce mecánico en verán —“como sería obigado de non utilizar outros medios de control da biomasa”— por entrañar “certo risco de xerar incendios”.

Publicidade

Imaxe de uso de herbicidas.

Frente a esta explicación, a Dirección Xeral de Montes, da Consellería de Medio Rural, discrepa e alerta de que os tratamentos químicos a base de herbicidas para eliminar a vexetación durante a época de perigo alto de incendio forestal sin outro tratamento adicional “provoca a proliferación de combustible fino morto” nas beiras, “determinante no risco de propagación de incendios forestais”. Polo tanto, dito uso “provoca efectos contrarios ao obxectivo de reducción da biomasa forestal e supón un incremento do risco de propagación do lume”.

Medio rural defende os tratamentos químicos só ata o mes de maio, e combinados con outros de tipo mecánicos para un adecuado cumplimiento da normativa. “O uso do glifosato e de calquera outro herbicida debe planificarse coidadosamente no tempo e complementarse con desbroces”, agrega a documentación da Dirección Xeral de Montes remitida ao Defensor del Pueblo.

Consecuencias negativas

Defensor del Pueblo detectou falta de comunicación e aviso sobre o uso deste composto para controlar a vexetación das marxes das estradas, e alertou das consecuencias negativas desta opción. Segundo recolle o seu informe de actividade correspondente a 2021, o Defensor lembrou ás administracións estatal e autonómica a súa obriga de fomentar técnicas alternativas ao emprego de glifosato, garantir que a cidadanía estea informada do seu uso e realizar un seguimento de posibles efectos adversos.

O glifosato é un herbicida de amplo espectro non selectivo cunha autorización en Europa conclúe este 2022. E o máis empregado no mundo  para eliminar as “malas herbas” en grandes cantidades, sen discriminar as plantas por tipo. En marzo de 2015 a Organización Mundial da Saúde respaldaba un informe da súa Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC), no que se clasificaba de “probablemente canceríxeno“, dentro do grupo 2A. Dende organizaións ecoloxistas como Greenpeace ou Adega tamén advirten dos efectos prexudiciais que este herbicida ten para a biodiversidade.

A investigación

A investigación do Defensor del Pueblo sobre o emprego de herbicidas con glifosato nas marxes das estradas estatais en Galicia, con relación a posibles efectos adversos sobre a saúde humana ou o medio ambiente, detectou “insuficiencias na xustificación da necesidade de empregar fitosanitarios con glifosato, na aplicación do sistema de avisos e no seguimento e control do seu uso”. A pesar das súas consecuencias nocivas, o informe do Defensor del Pueblo “non aprecia que a utilización deste composto teña ese carácter residual que afirman as Administracións Públicas, e que se axuste de maneira estrita aos requisitos de uso establecidos na normativa”.

O informe do Defensor del Pueblo “non aprecia que a utilización do glifosato teña ese carácter residual que afirman as Administracións Públicas”

A Administración autonómica defende o seu uso “controlado” dada “a configuración urbanística de Galicia, con núcleos dispersos e edificacións illadas, é frecuente e habitual o tránsito de viandantes e animais domésticos por estradas e camiños”. Pese a que “en moitos casos, o pastoreo do gando de explotacións agrícolas extensivas alcanza ditas vías, dada a proximidade dos pastos ao perímetro das redes viarias, o informe indica que non parece que se adoptaran todas as cautelas necesarias para avisar a poboación potencialmente exposta.

Faltan datos de seguimento

O Defensor do Pobo preguntou polas actuacións de seguimento que se realizaron para “detectar posibles efectos negativos sobre o medio ambiente derivados da aplicación destes herbicidas”, pero “ningunha das administracións consultadas, tampouco a Consellería de Medio Ambiente, achegou datos de seguimento de posibles danos polo uso dos produtos fitosanitarios con glifosato”.

A Consellería de Medio Ambiente non achega datos de seguimento de posibles danos polo uso dos produtos fitosanitarios con glifosato

Isto sucede, recolle o informe, “a pesar de que o Servizo de Sanidade e Produción Vexetal afirma recibir denuncias habitualmente das gandarías por intoxicacións no gando ou de viandantes por animais de compañía que inxeren ou entran en contacto con vexetación tratada con este tipo de herbicida”. E engade que de aí se deduce que “a Consellería do Medio Rural non formalizou as correspondentes denuncias ante os órganos estatais, de maneira que o sistema de seguimento previsto nas normas non funcionou”.

O informe do Defensor do Pobo conclúe cun recordatorio dos deberes legales relacionados. O primeiro, que as administracións públicas deben adoptar medidas para reducir os riscos e os efectos do uso dos produtos fitosanitarios na saúde humana e o medio ambiente e fomentar formulacións ou técnicas alternativas, tales como os métodos non químicos. O segundo, coa fin de evitar os devanditos riscos e de posibilitar que os veciños dispoñan de tempo suficiente para adoptar as precaucións convenientes, as administracións públicas deben garantir que se lles avise da aplicación dos herbicidas con glifosato con antelación.

E por último, as administracións públicas deben asegurar o correcto funcionamento do sistema de seguimento dos posibles efectos adversos que se detecten do emprego das devanditas substancias e comunicar as denuncias que reciban aos órganos de coordinación establecidos na normativa materia de produtos fitosanitarios.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Europa prorroga 10 anos o glifosato, o herbicida “canceríxeno” usado masivamente en Galicia

É o produto fitosanitario máis eficaz contra as malas herbas, pero numerosos artigos científicos atribúenlle efectos nocivos na saúde das persoas

O virus hemorráxico das vacas provoca a morte de 10 reses en Galicia

A enfermidade transmítese pola picadura dun insecto pero non se pode contaxiar de animal a animal nin tampouco a humanos

Os investigadores galegos da trama saudita cobraron da empresa do intermediario dos árabes

Os dous empregados do Centro da Carne, cunha desenfreada produción científica, inscribíronse na universidade Rei Abdulaziz pese a desenvolver a súa carreira en Galicia

“O glifosato afecta o sistema nervioso de humanos, roedores, peixes e invertebrados”

Tres investigadores da Uvigo acreditan a neurotoxicidade do herbicida máis usado no mundo nunha revisión sistémica dos estudos da última década