Os polbos: unha reprodución que lles custa a vida

    O cefalópodo só vive un ano, unha estratexia que comparte coa maioría de especies semellantes, agás cos nautilos, que poden durar máis de 20 anos

    Os polbos comúns só viven un ano.
    Os polbos comúns só viven un ano.

     *Un artigo de 

    Unha vez na vida, así se reproducen os polbos. O polbo común vive apenas un ano, e o seu ciclo vital complétase tras un único evento reprodutivo.

    Publicidade

    Non é algo único dos polbos, senón unha estratexia que sucede na maioría das especies de cefalópodos, coa única excepción dos nautilos (reprodúcense varias veces ao longo da súa vida, que pode durar máis de 20 anos).

    A maduración sexual en cefalópodos é pouco coñecida aínda que se sabe que está controlada por hormonas producidas nunha parte do cerebro chamada glándula óptica.

    Do mesmo xeito que en moitos outros animais, esta glándula integra información sobre o crecemento do animal, reservas corporais e factores ambientais como o fotoperíodo e a temperatura que permiten seleccionar o momento adecuado, tanto para iniciar a maduración como para depositar os ovos.

    A femia deixa de comer e morre tras coidar os ovos

    Con todo, unha característica que diferencia os cefalópodos da maioría dos animais é que esta regulación está moi integrada coa regulación do apetito, ata o punto de que a femia deixa de alimentarse unha vez depositados os ovos, o que conduce inevitablemente á súa morte por inanición tras coidar da posta.

    A femia deixa de alimentarse unha vez que deposita os ovos

    Esta especie de “suicidio programado” parece ocorrer tamén nos machos, pois unha vez cumprida a súa idade máxima programada (normalmente un ano ou ano e medio) tamén deixan de alimentarse.

    Almacenan espermatóforos de varios machos

    O cortexo nos cefalópodos prodúcese con axuda de rechamantes e elaborados cambios na súa coloración e patrón corporal, aínda que no caso dos polbos non adoita haber tanto xogo previo.

    Os machos “empaquetan” o esperma nunhas cápsulas chamadas espermatóforos, que son transferidas á femia grazas á modificación dun dos seus brazos (hectocótilo).

    No polbo común, o hectocótilo do macho fórmase no extremo do terceiro brazo dereito e permite depositar os espermatóforos na glándula oviductal da femia, onde permanecerá almacenada ata que se dean as condicións adecuadas para a reprodución.

    Son capaces de almacenar o esperma durante varios meses antes de iniciar a posta

    Observacións levadas a cabo no noso laboratorio mostraron que as femias son capaces de almacenar o esperma durante varios meses antes de usalo para fecundar os ovocitos e iniciar a posta.

    Estudos xenéticos mostraron que unha femia pode almacenar esperma de varios machos, dando lugar a postas con múltiple paternidade, aínda que cada un deles tentará eliminar os espermatóforos depositados polos machos anteriores.

    Unha posta numerosa e orfa

    O coidado e dedicación que a femia de polbo aplica á súa posta é outro comportamento que non adoita atoparse no reino animal.

     Paralarva de polbo común no momento da eclosión baixo luz polarizada. Ampliación: 80X. Autor C. Perales-Raia. Author provided
    Paralarva de polbo común no momento da eclosión baixo luz polarizada. Ampliación: 80X. Autor C. Perales-Raia. Author provided

    As femias colgan os ovos (varios centos de miles) agrupados en acios dentro nun lugar seguro. Normalmente utilizan un oco da roca co tamaño e escuridade adecuados, pero poden usar calquera lugar con similares características, como algunhas trampas para polbo frecuentes en pesqueiras artesanais dirixidas a esta especie.

    Durante varias semanas a femia protexe os ovos de posibles depredadores, á vez que os limpa cas súas ventosas e mantenos aireados e en movemento mediante chorros de auga producidos co seu sifón. Este proceso conseguiuse replicar en laboratorio sen a presenza da femia.

    A temperatura é fundamental e afecta tanto á duración como á calidade do desenvolvemento embrionario. Observouse que aumentos de temperatura compatibles co cambio climático reducen a calidade da posta.

     Detalle da mandíbula dunha paralarva de polbo, baixo o microscopio electrónico, autor I. Molto e A. Lancha. Author provided
    Detalle da mandíbula dunha paralarva de polbo, baixo o microscopio electrónico, autor I. Molto e A. Lancha. Author provided

    Unha vez terminado o desenvolvemento embrionario, eclosionan miles de pequenas “paralarvas” duns 2 mm de lonxitude, dotadas de mandíbulas (ou picos) con dentes para cazar, e que viaxarán en mar aberto levadas polas correntes oceánicas ata o seu asentamento final como xuvenís.

    Avances cara a unha produción sostible

    O aumento da demanda no consumo de polbo no mundo súmase a outras ameazas sobre as poboacións salvaxes como a sobrepesca, a contaminación ou o cambio climático. Todo iso levou á procura de alternativas que garantan unha produción sostible, entre as que se inclúe o desafío afrontado nas últimas décadas: a súa produción acuícola.

    O principal colo de botella para conseguilo foron desde sempre as primeiras fases de vida. Neses primeiros momentos, é moi complexo conseguir que as paralarvas teñan alimentación e nutrición adecuadas. Tamén teñen requirimentos especiais que teñen que ver con factores ambientais como a luz.

    Os últimos avances permitiron mellorar a súa cría en catividade

    Seguindo estas liñas de investigación, os últimos avances levados a cabo polo Instituto Español de Oceanografía nos seus centros de Vigo e Tenerife permitiron mellorar a súa cría en catividade. Lograr a súa reprodución en catividade abre a porta a unha mellor xestión da súa produción para o consumo humano, tanto a nivel acuícola como pesqueiro, xa que tamén facilita o estudo da súa bioloxía e ecoloxía.

    Con todo, aínda quedan importantes retos relacionados cunha produción sostible e que asegure o benestar animal. Este foi en todo momento o obxectivo de proxectos científicos do noso grupo OCTOWELF ou a rede europea CephsInAction. A produción sostible e o benestar animal han de seguir sendo un obxectivo prioritario en futuros proxectos de investigación.


    *Eduardo Almansa Berro e Catalina Perales-Raya son científicos titulares do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC).

    Cláusula de divulgación: Eduardo Almansa Berro xestionou fondos de investigación estatais, nacionais e rexionais para estudos sobre a bioloxía do polbo e é coautor dunha patente sobre a súa cría en cautividade.

    Catalina Perales-Raya recibe fondos de UE, Ministerio de Ciencia e Innovación, IES-CSIC.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Please enter your comment!
    Please enter your name here

    Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.